792 [= Tav 107,4]
Madre, disseron-mi [ag]ora que ven

Madre, disseron-mi [ag]ora que ven
o meu amig[o], e seja-vos ben
e non façades vós end’outra ren,
ca morr’agora ja por me veer,
e a vós, madre, ben dev’a prazer
de s’atal ome por mí non perder.
Ben m’é con este mandado que ei
de meu amig’, e non o negarei,
de que se ven, e ora, porque sei
que morr’agora ja por me veer,
e a vós, madre, ben dev’a prazer
[de s’atal ome por mí non perder].
Muit’and’eu leda no meu coraçon
con meu amig’, e faço gran razon,
de que se ven, assi Deus mi perdon,
ca morr’agora ja per me veer,
e a vós, madre, ben dev’a [prazer
de s’atal ome por mí non perder].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 796, V 380

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 189-190 [= LPGP 695-696]); Cohen (2003: 264); Littera (2016: II, 191).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 144); Braga (1878: 72); Machado & Machado (1953: IV, 96).

Variantes manuscritas


1 mi [ag]ora] mhora BV; ven] ue(n)n B   4 morr’agora] moiragura B : moira gura V   5 e a] Ca B   9 ven] ue B   10 morr’agora ja por] moiragora ia ꝑe B   11 e a] Ca B   14 razon] raçō V   16 morr’agora] moiramiga B : mrra miga V   17 e a] Ca B

Variantes editoriais


O refrán en Littera está constituído unicamente polos vv. 5-6 de cada estrofa.

1 [ag]ora] ora Nunes, Cohen, Littera   10 que] ca Nunes, Cohen, Littera   12 ome] homen Nunes   16 per] por Nunes, Cohen   18 ome] homen Nunes

Paráfrase


(I) Madre, dixéronme agora que vén o meu amigo, e oxalá vos pareza ben e non fagades niso outra cousa, pois xa morre por me ver, e a vós, madre, débevos pracer moito se tal home non se perde por min.  

(II) Estou leda con este recado que teño do meu amigo, e non o negarei, xa que vén, e agora, porque sei que xa morre por me ver, e a vós, madre, débevos pracer moito se tal home non se perde por min.

(III) Ando moi contenta no meu corazón co meu amigo, e fago gran razón, xa que vén, así me perdoe Deus, pois xa morre por me ver, e a vós, madre, débevos pracer moito se tal home non se perde por min.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10a 10a 10B 10B 10B (= Tav 19:21)

Encontros vocálicos: 1 -mi‿[ag]ora

Notas


Texto
  • 1

    O encontro entre o clítico mi e o adverbio ora é moi frecuente no corpus. Só a modo de exemplo, véxanse os seguintes contextos similares ao presente íncipit: Disseron-mi ora de vós ũa ren (686.1), Disseron-mi ora, se Deus mi perdon (1045.7), Dizen-mi ora que nulha ren non sei (1112.1), Dizede-mi ora que ben mi fezestes (1547.13), dizede-mi ora quant’i entendedes (1569.7) etc.

    Atendendo ao feito de que este encontro entre o pronome átono mi (<mh> en BV) e a voz seguinte, ora neste caso, se resolve sempre nunha sinalefa, o verso é hipométrico. É por isto que, recollendo a suxestión de Cohen, restauramos a forma agora no íncipit da cantiga a partir de dous feitos: a) a alternancia entre ora e agora é frecuente no corpus (véxase nesta cantiga ora no v. 9 e agora no primeiro verso do refrán), ao tempo que a forma agora aparece tamén en contextos ben similares a este verso inicial da composición: dizede-mi agora, por Deus (296.17), Disseron-m’agora do meu namorado (1270.1), e disse-mi agora un cavaleiro (1585.4) etc.; b) ao longo do corpus detéctanse erros en que é posíbel determinar con seguridade a forma correcta: na cantiga 485, a forma certa ora aparece no refrán da segunda estrofa, en face da incorrecta agora, presente en BV no refrán das estrofas I e III; noutras ocasións, un dos testemuños manuscritos confirma a forma correcta: A vs. BV (902.9 ora), BV vs. A (980 agora), B vs. V (777.15 agora).

  • 4

    A lección <agura>, que BV rexistran para o adverbio agora, con cambio de <u> por o <o>, está presente tamén nos apógrafos italianos en 365.4 e 16, 499.4, 673.8. Agura é unha forma inexistente na lingua, produto dun erro mecánico de copia.

  • 5

    Os dous apógrafos italianos –aínda que neste caso V presenta a lección correcta (vv. 5, 11 e 17)– mostran abundantes exemplos da confusión <e>/<c>, que se pode achar en similares contextos, no inicio de verso, e afectando á conxunción copulativa. Con efecto, este erro prodúcese, en xeral, no inicio dunha estrofa, dun refrán ou dun verso que solicita a o devandito enlace: e vi-a <e uia> A, <Cuia / Cuia / Cuya / Cuya> B (302.r1), e a <ca> (494.32 e 35), e a <Ca / Ca / Ca> B, <e a / e a / e a> V (792.r2), e amigas <Camigas> B, <E amiga> B’, <camigas> V, <e amiga> V’ (1048.9), e o <C o> B, <eo> V (1056.3), e assi <Cassy / Cassy> B, <cassy / cassy> V (1364.r3), e a <Ca> BV (1645.15) etc. 

  • 10

    Obsérvese a variación lingüística do refrán (anulada nas edicións precedentes), que presenta a forma que neste verso fronte a ca nas estrofas I e III, formas conxuntivas intercambiábeis (véxase nota a 66.6). Cfr. nota a 27.4.

  • 12

    Na edición de Nunes percíbese unha tendencia lusitanizante que, neste verso e mais no v. 18, levou á emenda de ome para a forma omen

     

Buscar
    Non se atopou ningún resultado