1021 [= Tav 63,55]
Par Deus, amigo, non sei eu que é

Par Deus, amigo, non sei eu que é,
mais muit’á ja que vos vejo partir
de trobar por mí e de me servir;
mais ũa destas é, per boa fe:
ou é per mí, que vos non faço ben,
ou é sinal de morte que vos ven.
Mui gran temp’á, e tenho que é mal,
que vos non oi ja cantar fazer
nen loar mí nen meu bon parecer;
mais ũa destas é, u non ja[z] al:
ou é per mí, que vos non faço ben,
[ou é sinal de morte que vos ven].
Ja m’eu do tempo acordar non sei
que vos oisse fazer un cantar,
como soiades, por me loar;
mais ũa destas é que vos direi:
ou é per mí, [que vos non faço ben,
ou é sinal de morte que vos ven].
Se é per mí, que vos non faço ben,
dizede-mi-o e ja-que farei én.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1017, V 607

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 267-268); Rodríguez (1980: 183 [= LPGP 397-398]); Cohen (2003: 550); Littera (2016: I, 448).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 216-217); Braga (1878: 116); Machado & Machado (1956: V, 11); Fernández Pousa (1959: 240).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 83).

Variantes manuscritas


5 faço] fazo V   10 é, u] ou BV   11 faço] fazo V   19 faço] fazo V

Variantes editoriais


4 boa] bõa Cohen   9 loar mí] loar–mi Rodríguez, Littera   10 u non ja[z] al] u non á i al Rodríguez

Paráfrase


(I) Por Deus, amigo, eu non sei por que é, mais xa hai moito que vexo que deixastes de trobar por min e de me servir, mais unha destas é (a causa), sen dúbida: ou é por min, que non vos fago ben, ou é sinal da morte que vos vén.

(II) Moito tempo hai, e coido que está mal, que xa non vos ouvín facer un cantar nin me louvar a min nin a miña beleza; mais unha destas é a causa, sen dúbida: ou é por min, que non vos fago ben, ou é sinal da morte que vos vén.

(III) Xa me non podo eu lembrar do tempo en que vos ouvía facer un cantar, como adoitabades, para me louvar; mais unha destas que vos direi é (a razón): ou é por min, que non vos fago ben, ou é sinal da morte que vos vén.

(1) Se é por min, que non vos fago ben, dicídemo e algo farei ao respecto.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:91) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 15 so·i·a·des; 20 -mi͜-o

Notas


Texto
  • 9

    O pronome , que podería ser considerado forma átona tal como explicitamente propón Rodríguez (e Littera), debe de ser tónico, en liña coa regular distribución deste pronome ao longo de toda a cantiga (vv. 3, 5, 9, 11, 16, 19), para alén de fixar o acento tónico na 4ª sílaba.

  • 10

    O erro na lección <ou> que encobre <eu> ou <e u> é frecuente nos dous apógrafos italianos, onde se rexistra con frecuencia para o pronome persoal eu: <ou> B, <eu> V (681.22); <ou> B, <ui> V (959.9); <eu> B, <ou> V (1039.27); <eu> B, <ou> V (1143.1); <eu> B, <ou> V (1234.16); <eu> B, <ou> V (1337.25); <ou> BV (1603.10); <ou> BV (1604.21); <ou> B, <eu> V (1620.22).

    Por outra parte, o segundo elemento de <ou> forma parte da frecuente frase formularia u non jaz al ‘certamente, sen dúbida’ (cfr. a reconstrución de Rodríguez, máis dificultosa), concorrente con u al non jaz (só en 55.15), é equivalente a u al non á (e as súas variantes), como se patentea a través da variante de B' en 31.10. Véxanse notas a 25.11 e 66.29.

  • 20

    A aglutinación de ja e que xerou o pronome indefinido ja-que ‘algo’ (cfr. ja-quanto 'un pouco'; véxase nota a 347.9), que ten certo uso na lingua trobadoresca (33.14, 56.25, 266.16, 347.14, 380.23, 603.7, 1417.2, 17 e 27, 1675.3).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado