I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 94-95 [= LPGP 493-494]); Cohen (2003: 155); Littera (2016: I, 570-571).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 103); Braga (1878: 52); Machado & Machado (1952: III, 342-343).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 319).
1 nunca] om. B 2 como vos] comeuo V; perdi] perdi(i) B 3 quen] q̅ B 5 bõa] boa B : bona V 9 prazer] praer V 14-15 mal buscaruoloey ment’u uyua for / (ment’u uyua for came lei) / came leixastes pe atal senhor V 19 bõa] bona V 20 quen] q̅ B
2 como] come Nunes 4 queixum’] queixume Nunes
(I) Por Deus, amigo, eu nunca pensei que vos perdería como vos perdín por quen non é máis fermosa ca min nin vale máis; e tal queixume teño por iso que direi, amigo, abofé, como é (o seu aspecto) e o seu nome e quen é.
(II) Se eu vos fose perder por unha dona tal que me vencese hoxe en beleza ou noutra cousa calquera, alegraríame por iso; mais fixéstelo tan sen xeito que direi, amigo, abofé, como é (o seu aspecto) e o seu nome e quen é.
(III) En todo o que eu vos poida buscar mal, héivolo buscar mentres estiver viva, porque me deixastes por tal señora que ben vos digo, co pesar que teño, que direi, amigo, abofé, como é (o seu aspecto) e o seu nome e quen é.
(1) E despois que o eu dixer, abofé que vos pesará, cando souberen quen é.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 10c 10c (= RM 160:132)
Encontros vocálicos: 14 -lo͜-ei
Nótese, máis unha vez, a vacilación formal na conxunción como / come entre B e V, que explica a opción de Nunes pola lección do Cancioneiro da Vaticana.
A presenza de -n- na forma manuscrita <bona>, tamén no v. 19, é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/ (confirmada neste caso pola lección de B), o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b.
A puntuación de Littera neste verso (que, ben vos digo, com este pesar / que direi...) parece suxerir que ben vos digo é unha expresión fraseolóxica (véxase Glosario, s.v. dizer), ao tempo que quebra a ligazón sintáctica de digo co seu CD que direi...
A pesar de que disse podería encaixar semanticamente na fiinda, o sentido aconsella a emenda para unha forma de futuro de subxuntivo, coherente na concordancia dos tempos coa súa introdución con pois e co verbo principal pesará en futuro: ‘E, depois que o eu dixer, pesaravos sen dúbida, após saberen quen é’. É por isto que tanto Nunes como Cohen ou Littera realizaron a corrección dos manuscritos. Cfr. nota 685.4.