I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 93-94 [= LPGP 495-496]); Cohen (2003: 154); Littera (2016: I, 570).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 103); Braga (1878: 52); Machado & Machado (1952: III, 340).
III. Antoloxías: Nunes (1932: 28-29).
2 quando] qūdo B 9 perdon] pardon B 11 como] coma V 15 morrerei] moirerey B 16 disser grand’amor] dis g̃radamor B 22 quero] q̅re BV
1 boas] bõas Cohen 5 á gradecer] agradecer Nunes, Cohen, Littera 11 á gradecer] agradecer Nunes, Cohen, Littera 17 á gradecer] agradecer Nunes, Cohen, Littera 22 quero] quer’ Nunes 23 á gradecer] agradecer Nunes, Cohen, Littera
(I) Que boas noticias oirá hoxe o meu amigo cando eu lle dixer que o amo máis do que el me ama, e el entón, co gozo que sentirá, non saberá como me agradecer nin que dicirme, con tan gran pracer, (II) porque lle direi que moito mellor que a min mesma o amo xa, nin ca o meu corazon nin ca os meus ollos, así Deus me perdoe; e logo que eu todo isto alí lle dixer, non saberá como me agradecer nin que dicirme, con tan gran pracer.
(III) E direivos outro pracer maior do que vos eu dixen: que hoxe eu lle direi que viva comigo (así non morrerei), e así que eu lle dixer tan gran (mostra de) amor, non saberá como me agradecer nin que dicirme, con tan gran pracer.
(IV) O que el desexa máis que ningunha outra cousa lle direi hoxe logo que o vir, porque lle direi que non podo vivir, de tanto que o amo, e el entón co gozo non saberá como me agradecer nin que dicirme, con tan gran pracer.
Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:134)
Encontros vocálicos: 1 oi·rá; 5 mi‿á; 11 mi‿á; 17 mi‿á; 22 quero,‿e; 23 mi‿á
Ningún dos editores precedentes (Nunes, Cohen, Littera) interpretou correctamente a lección unánime <mha gradecer>, que implica a perífrase verbal aver + gradecer (mi á gradecer), coa forma verbal concorrente de gracir, anterior á moderna agradecer, con reforzo protético.
Se na expresión amar máis ca mí/min (nen al) non ten cabida a preposición a (véxase nota a 44.13), o mesmo ocorre en querer melhor ca mí/min (177.22, 261.8-9, 530.4, 531.r, 549.7, 743.15-16, 830.13-14, 1091.19), que tampouco recorre á preposición para introducir o complemento. Cfr. notas a 44.13 e 243.16.
É necesaria a emenda da forma *pardon (<pardon>) de B, lección exclusiva (errada face a perdon, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b; 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).
Nótese que meter neste verso significa ‘dicir, expresar’, acepción que volve aparecer en 1120.9.
Este período presenta unha sintaxe complexa que dificulta a puntuación e, inclusive, a dereita interpretación da pasaxe: ‘E outro pracer maior do que vos dixen vos contarei: que hoxe eu direille que viva comigo ...’.