I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 155 [= LPGP 305]); Cohen (2003: 225); Littera (2016: I, 336-337).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 133); Braga (1878: 64-65); Machado & Machado (1953: IV, 37).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 39-40); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 60).
4 eu] om. B 8 parcia] partia BV 14 end’] and B 15 de se] ꝙ̄tosse BV 16 mi lh’assanhava] nulha ssanhaua B
14 que end’ouvess’[eu] atan] que end’[eu] houvess’atam Littera 15 fora ben de se matar] fora †ben quanto† se matar Cohen : fora bem logo de se matar Littera
(I) Aínda que eu roguei ao meu amigo que non se fose, non deixou de irse lonxe de min, e cando aquí chegou, por canto el viu que eu me lle asañei, chorou tanto e tan de corazón que chorei eu entón con dó del.
(II) Rogueille eu que non chorase máis, porque deixaba para sempre de lle querer mal por iso ou por outra causa, e antes de que eu lle rogase isto, chorou tanto e tan de corazón que chorei eu entón con dó del.
(III) Xuroume el que non imaxinaba que eu tivese un pesar tan grande por iso, pois, se non, sería mellor que se matase; e cando el viu que me lle asañaba, chorou tanto e tan de corazón que chorei eu entón con dó del.
Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10C 10C (I [= Tav 160:58]) + 9’a 10b 10b 9’a 10C 10C (II-III [= Tav 160:289])
A dificultade de encaixar semanticamente partir no contexto, aconsella a emenda de <partia> para parcia, do verbo parcir (< parcere ‘aforrar, economizar; deixar de, omitir; perdoar etc.’). Este verbo é voz pouco frecuente na lingua, que semella propia do rexistro poético, pois presenta só cinco atestacións na poesía profana (76.20, 827.8 e 10, 843.7) e outros seis rexistros nas Cantigas de Santa Maria (véxanse CSM 28.33, 115.168, 145.57, 174.25, 175.91 e 272.52). O valor xeral de parcir (que non achamos na prosa) é o de ‘perdoar’; porén, neste contexto ten a acepción de ‘deixar de, desistir’, tamén presente nos valores do verbo en latín.
A metricamente necesaria restauración de eu foi feita de modo que ocupase a 4ª sílaba acentual do verso, ritmo que na proposta de Littera non se cumpre.
Certamente existe corrupción textual neste verso como indica a métrica e a falta de sentido coa lección subministrada polos cancioneiros italianos. Na esteira de Nunes, emendamos, pois, na procura da isometría e dun sentido coherente no contexto, guiados tamén por expresións similares que se achan no corpus a partir da construción seer ben de: dizede, se Deus vos perdon, / sera ben d’eu assi morrer? (52.21); aquel dia fora ben de morrer / eu (1104.4), veed’agora se seria ben, / ..., / [de vos prazer de mi querer valer] (563.12-14), Do que [vós] vistes que me preguntou, / .../ , / se mi seria ben, se mal, de s’ir (789.9) etc.