1040 [= RM 63,66]
Que mui de grad’eu faria

Que mui de grad’eu faria
prazer ao meu amigo,
amiga, ben vo-lo digo;
mais log’en aquel dia
non leixará el, amiga,
nulh’ome a que o non diga.
Faria-lho mui de grado
porque sei que me deseja;
mais, se guisar u me veja
e lhi fezer seu mandado,
non leixará el, amiga,
[nulh’ome a que o non diga].
Tan coitado por mí anda
que non á paz nen mesura;
pero, se eu per ventura
fezer todo quant’el manda,
non leixará el, amiga,
[nulh’ome a que o non diga].
Dizedor é de nemiga
e dira-o log’, amiga.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1036, V 626

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 285-286); Rodríguez (1980: 238 [= LPGP 402-403]); Cohen (2003: 570); Littera (2016: I, 459-460).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 223); Braga (1878: 120); Machado & Machado (1956: V, 36-37); Fernández Pousa (1959: 259).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 89); Arias Freixedo (2003: 444-445).

Variantes manuscritas


4 en] eu V   6 nulh’ome] Nullome B   10 seu] sen BV   14 paz] par BV   15 ventura] uentᵉa V

Variantes editoriais


4 log’en aquel] log’en aquel[e] Rodríguez : log[o] en aquel Cohen : log[o] em aquel Littera   12 ome] om’ Cohen   14 paz] par Nunes   18 ome] om’ Cohen

Paráfrase


(I) Eu cumpriría o desexo do meu amigo de moi bo grado, amiga, así volo digo; mais logo nese día el non deixará, amiga, ninguén a quen non llo diga. 

(II) Concederíallo de moi bo grado porque sei que me desexa; mais, se dispuxese onde me vise e fixese o que me pedise, el non deixará, amiga, ninguén a quen non llo diga. 

(III) Anda tan coitado por min que non ten paz nin mesura; porén, se eu por acaso fixese canto el pide, el non deixará, amiga, ninguén a quen non llo diga.

(1) É contador de calumnias, e dirao logo, amiga.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’b 7’a 7’C 7’C (= RM 160:451) + 7’c 7’c

Encontros vocálicos: 4 ma·is; 6 omea; 12 omea; 18 omea

Notas


Texto
  • 1

    O abrupto inicio da cantiga con que é frecuente no corpus trobadoresco, sempre seguido de muito ~ mui, que confire un carácter exclamativo (‘Canto...!’) ao inicio da composición (196.1, 199.1, 393.1, 407.1, 574.1624.1, 836.1, 866.1, 942.1, 1040.1, 1173.1, 1397.1), para alén de que se poida tamén considerar que a conxunción inicial introduce un período dependente dun verbo declarativo elíptico, que nalgún texto é claro (253.1, 432.1, 737.1).

  • 4

    A contaxe bisilábica de mais (Ferreiro 2016c) converte en desnecesarias as diversas emendas dos editores neste verso (aquel[e] en Rodríguez, log[o] en Cohen e Littera), todas inducidas polo aparente problema de hipometría.

  • 6

    Nótese a grafía <nulla>, con <ll> en vez de <lh>, que é verdadeiramente frecuente neste indefinido nos apógrafos italianos, sobre todo en B. Así ocorre nos seguintes contextos, todos eles pertencentes a cantigas transmitidas unicamente por B (ou por AB): 39.2, 44.5, 55.18, 65.11, 12, 14 e 20, 66.16, 71.24, 72.3, 73.13, 74.28, 92.15, 94.3, 96.11, 97.5, 104.6, 107.9, 108.18, 111.7, 135.16, 152.9 e 12, 166.16, 235.18, 236.28. Ora ben, <ll> en nulho é grafía escasa no Cancioneiro da Vaticana, aínda que tamén se rexistra nalgunhas cantigas compartidas con B: 419.2, 701.13, 721.171 1516.6, 1609.18, 1643.10. Noutros casos, existe forma con <ll> ou con <lh> só nun dos apógrafos italianos: B vs. V (29.22, 1040.6, 1392.9, 1533.6, 1580.12), V vs. B (362.6, 373.17).

    Na realidade, a grafía <ll>, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B), só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente da xeminada latina (alli, aquela e ela, bailada, castelo, cavalo, eles, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc.), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo (véxase nota a 6.32) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).
    Fóra do indefinido nulho/a, é excepcional nos cancioneiros italianos a aparición de <ll> para a lateral palatal /ʎ/, pois só se rexistran cinco ocorrencias deste tipo. Véxase nota a 199.33.

  • 14

    Nunes conservou a lección dos manuscritos, cunha puntuación que procura encaixar semanticamente a expresión (que non á par, nen mesura). Con todo, é razoábel pensar nun erro <r>/<z> que se rexistra en bastantes ocasións en posición final e tamén en posición interior, nomeadamente en 1598.25, onde paz presenza as leccións <par> B, <pax> V. Véxanse algúns outros exemplos en final de palabra:  por <poz> B (335.10);  porque <poz > BV (381.13); parecer <parecez> B (429.29); sofredor <ssof’doz> B, desejar <deseiaz> V (624. 11 e 14); morrer <morrez> V (1469.20), comprar <cōpraz> B (1586.17) etc.

  • 19

    A formación nominal dizedor, con evidente carga pexorativa, só aparece noutra pasaxe do corpus (Per’Eanes Marinho):

    E, meu amor, eu vos venho rogar
    que non creades nen un dizedor
    escontra min (938.14).

    Pola súa parte, o substantivo nemiga (coa mesma orixe que inimigo, con aférese a partir da forma latina), co significado de ‘maldade, vileza, calumnia’, semella forma fundamentalmente literaria, pois, alén das cantigas profanas e marianas, a Demanda do Santo Graal e Virgeu de consolaçon, ou crónicas históricas, só a achamos na Primeira Partida afonsina.

    Mays pola nemiga  e o mal q(ue) fez en nõ temer De(us) [e] en seirlhy de mãdado, caeu por ende en pecado p(or) q(ue) mereçeu a p(er)der a m(er)çee de De(us) e seer strãhado del e deitado do parayso (CdP, s.v.).

  1. ^

    Neste caso aparece <Nula> B (e <Nulla> en V), probabelmente por erro de copia no Cancioneiro da Biblioteca Nacional, con omisión de <l>.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado