I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 195-196 [= LPGP 288-289]); Barbieri (1999: 90); Cohen (2003: 272); Littera (2016: I, 311-312).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 147); Braga (1878: 73-74); Machado & Machado (1953: IV, 104-105).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 133-134); Nunes (1959: 321-322); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 59).
2 queren] quereu BV 6 morrerá] moirera B 9 morrerá] moirera B 14 sse ssoubessy a moirer B : se ssoub essy a morrer V 16 vegada] negada B 22 de mí] demī V
13 non soo] sõo Nunes : nom sõo Littera 14 se soubess’, ia morrer] se soubess’y a morrer Barbieri 22 mí] min Nunes, Cohen : mim Littera
(I) Que triste anda o meu amigo porque me queren levar de aquí! E, se el non pode falar antes comigo, nunca máis será feliz, e, se non me vir, morrerá.
(II) Que triste estou eu hoxe, e, por Deus todopoderoso, morrerá con toda a certeza! Se me eu for e o non vexo, nunca máis será feliz, e, se non me vir, morrerá.
(III) Aínda que non estou gardada, se soubese, morrería; ireino ver antes, pois sei ben desta vez (que) nunca máis será feliz, e, se non me vir, morrerá.
(IV) E, se me vise, sandaría decontado por iso, mais será privado de ben cando se separar de min: nunca máis será feliz, e, se non me vir, morrerá.
Esquema métrico: 4 x 7’a 7b 7b 7’a 7’C 7’C (= Tav 160:434)
Encontros vocálicos: 5-6 sera,/‿e; 11-12 sera,/‿e; 13 so͜o; 17-18 sera,/‿e; 23-24 sera,/‿e
A medida heptasilábica do segundo verso do refrán é garantida pola episinalefa que se estabelece entre a copulativa e a derradeira palabra do verso anterior. Véxanse sinalefas similares en poderá‿entender (97.20), á‿end(e) (854.16), sera‿en (1403.21), poderá‿en (1505.14). A alternativa residiría na expunción da copulativa inicial do verso.
A forma sejo, P1 de presente indicativo de seer, resultado da conxugación regular de sĕdēre neste tempo (sĕdĕō, sĕdes etc.), compite desvantaxosamente cos resultados de sŭm (> son) e *sono (> sõo, soo) (véxase Ferreiro 1999: §218b).
Fronte á posibilidade de e, pero, con independencia sintáctica das dúas conxuncións, optamos pola locución conxuntiva de valor concesivo e pero ‘aínda que’, de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar por unha ou outra lectura.
Neste verso, como noutras pasaxes (véxase, por exemplo, 14.19, 63.12, 317.7, 1118.8 etc.), igual que bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, mesmo, ũu (véxase nota a 47.20), a forma verbal soo computa metricamente como unisilábico.
Obsérvese a violenta descomposición da forma de pospretérito (morreria / ia morrer) por necesidades rimáticas: «se soubess(e), morreria».