760 [= RM 70,45]
Sanhud’and[ad]es, amigo

Sanhud’and[ad]es, amigo,
porque non faço meu dano
vosc’, e, per fe, sen engano,
ora vos par’e vos digo
ca nunca ja esse [preito]
mig’, amigo, sera feito.
[E] de pran non son tan louca
que ja esse preito faça,
mais dou-vos esta baraça;
guardad’a cint’e a touca,
ca nunca ja esse [preito
mig’, amigo, sera feito].
Ai Don Joan de Guilhade,
sempre vos eu fui amiga,
e queredes que vos diga?
En outro preito falade,
ca nunca ja esse preito
[mig’, amigo, sera feito].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 744, V 346

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 88 [= LPGP 460]); Nunes (1973 [1928]: 162); Cohen (2003: 233); Littera (2016: I, 520).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 135); Braga (1878: 66); Machado & Machado (1953: IV, 51); Domingues (1992: 44); Cohen (1996: 4).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 41); Álvarez Blázquez (1975: 111).

Variantes manuscritas


2 faço] faco B   4 par’e vos digo] por eu ꝯ digo B   14 vos] nꝯ B; amiga] amigo BV   15 diga] diga (enout̄) B

Variantes editoriais


4 par’e] jur’e Nobiling, Nunes, Cohen, Littera   7 [E]] om. Nobiling, Nunes, Cohen, Littera; son] sõo Nobiling, Nunes, Cohen : son [eu] Littera

Paráfrase


(I) Amigo, andades moi enfadado porque non dano a miña fama convosco, e, abofé e sen mentir, agora vos paro e vos digo (claramente) que nunca ese ‘asunto’, amigo, será feito comigo.

(II) Certamente non son tan tola que faga ese acto, mais douvos esta ataxe da camisa; gardade a cinta e a touca, que nunca ese ‘asunto’, amigo, será feito comigo.

(III) Ai, don Joan de Guilhade, eu sempre vos fun amiga, mais queredes que vos diga? Faládeme doutra cousa, que nunca ese ‘asunto’, amigo, será feito comigo.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’b 7’a 7’C 7’C (= RM 160:453)

Notas


Texto
  • 1-3

    Enténdase: ‘Amigo, andas enfadado porque non me perdo contigo...’.

  • 3

    A expresión adverbial sen engano aparece no corpus trobadoresco de maneira isolada:

    Farei-o, sen engano,
    ca ja en min meteu do seu i ben (1620.25)

    Porén do uso de per fe ~ par fe e sen engano en construción acumulativa, só se encontran outros dous rexistros na lírica trobadoresca (en Garcia Soarez e Vaasco Perez Pardal), o segundo deles con adxectivación de engano:

    Porque mi-o referistes ogano,
    que me non viu, per fe, sen engano,
    demandar-lh’-ei que se veja migo (845.17).

    mais, par fe, sen mal engano,
    non terria por guisada
    cousa, se el-Rei quisesse
    de molher cono nen nada
    vender, se o non ouvesse (1525.12).

    Na produción prosística aparecen con certa frecuencia as dúas expresións unidas copulativamente, con algunhas variantes expresivas, especialmente baixo a forma a bõa fe e sen mao engano, con algunhas variantes gráficas (a/en, bõa/boa, mao/maao, e/et...) conforme diversas documentacións recollidas no banco de datos do CGPA. Véxase esta expresión en numerosos documentos datados no final do século XIV e comezos do século XV da rexión de Noia (Barroso Castro & Neira Pérez 2008: 217, 249, 307, 343, 345 etc.); nestes instrumentos, mesmo pode continuar o reforzo asertivo con referencia aos Evanxellos:

    a bõa fe e sen mão engano e por juramento de Santos Avangeos; a boa fee e sen mao engano por juramento que sobre elo faço aos Santos Avangeos (Barroso Castro & Neira Pérez 2008: 321 e 339).

    Outrosí, a expresión sen mao pode verse en textos portugueses tardíos (1496, 1505) do Synodicon Hispanum, xa incorporada ao discurso sen o carácter formulario-adverbial, nunha fórmula reiterada:

    todo seja feito à boa fe e sen engano algum (García y García 1982: 175, 394).

    De calquera maneira, a expresión é antiga, pois xa aparece nun documento de 1269:

    Aqueste precto τ [  ]rauidis que e ffeyto τ outorgado a bõa fe τ sen engãno. ontre dõ fernã [   ]ne de caaueyro τ o conuẽto desse méénsmo lugar da una parte (cfr. CGPA).

  • 4

    Fronte ás edicións anteriores deste verso, en que é modificada a letra manuscrita para a axustar a pretensas expresións trobadorescas, mantemos a lección de V, que resolve perfectamente o sentido, creando, ademais, unha evidente oposición entre o andar do v. 1 e o parar deste verso, cuxa acepción moderna, está ben documentada na lírica profana e nas CSM (véxase Glossário, s.v. parar). Deste modo, seguimos a lección do Cancioneiro da Vaticana (<ora u9 par eu9 digo>), interpretando que a forma par (V) e por (B) responden a diferentes desenvolvementos da forma <ꝑ> do antígrafo; algo moi semellante acontece no inicio dunha cantiga de Fernand’Esquio, en que as leccións de B (<ꝑ ey>) e V (<per ey>), neste caso inversas, reproducen a mesma situación que en Guilhade:
              O vos[s]’amigo trist’ e sen razon
              vi eu, amiga; mui pouco parei
              e preguntei-o por que, e non sei
              del senon tanto que me disse enton (1313.1-4).
    Os anteriores editores, partindo fundamentalmente de B, emendan a lección manuscrita mediante unha innovación certamente afastada do orixinal: ora vos jur’e vos digo (Nobiling, Nunes e Littera, xunto con Cohen, que suxire aínda outra lectura, tamén lonxe da lección manuscrita: «vel possis or’ a vós por e[n] vos digo».

  • 7

    A resolución da hipometría versal fica facilmente resolvida coa adición dunha conxunción e inicial que moi frecuentemente se omite nos manuscritos. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

    Por outra parte, convén notar que a cualificación de louca para a amiga é, máis unha vez e de acordo coa orixinalidade do autor, exclusiva de Joan Garcia de Guilhade.

  • 9-10

    Nótese a alusión a diversas prendas de amor, cales a baraça, a cinta e a touca.
    A baraça era unha ‘corda’ ou ‘cinta’ (da camisa) (véxase Rodríguez Parada 2019: 139). Cfr. a outra documentación na lingua trobadoresca, nunha cantiga de Joan de Gaia:
              En meio da praça,
              en saia de baraça:
              vede-lo cos, ai cavaleiro! (1452.11).
    A cinta é o cordón con que se apertaba a camisa ou o vestido á cintura. Por ese uso como ataxe, foi tomada como símbolo de unión e de fidelidade entre os namorados, que se intercambiaban anacos de cintas para mostrar que o amor era correspondido e tamén cando se separaban por un período longo, para manteren viva a chama do amor e a fidelidade.
    A touca era unha peza de tecido rectangular ou semicircular que as mulleres puñan na cabeza para cobrir e/ou adornar os cabelos, propia, en principio, de mulleres casadas ou prometidas (véxase Corral Díaz 2010).

  • 13

    As cantigas de Joan Garcia de Guilhade subministran numerosos exemplos de autonominatio, coa súa nominal inclusión dentro das súas cantigas. Véxase, tamén, 757.13, 762.11, 768.1, 772.17, 784.10.

  • 15

    A formulación dunha pregunta coa inclusión dunha conxunción e inicial, de carácter expletivo, é relativamente frecuente na lingua trobadoresca. Véxase, por exemplo, en Don Denis o mesmo verso e pregunta:

              E queredes que vos diga?

              Se Deus bon mandado mi dé,

              querria, saber, amiga,

              d’eles novas, vedes por que:

               porque é lá meu amigo (573.11).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado