1024 [= RM 63,79]
Vai-s’, amiga, meu amigo d’aqui

Vai-s’, amiga, meu amigo d’aqui
triste, ca diz que nunca lhi fiz ben;
mais, se o virdes ou ante vós ven,
dizede-lhi ca lhi dig’eu assi:
que se venha mui ced’e, se veer
cedo, que sera como Deus quiser.
Per bõa fe, non lhi poss’eu fazer
ben, e vai triste no seu coraçon;
mais, se o virdes, se Deus vos perdon,
dizede-lhi que lhi mand’eu dizer
que se [venha mui ced’e, se veer]
cedo, que sera [como Deus quiser].
Queixa-s’el e diz que sempre foi meu
e diz gran dereito, per bõa fe,
e non lhi fiz ben e ten que mal é;
mais dizede-lhi vós que lhi dig’eu
que se venha [mui] ced’e, se veer
cedo, [que sera como Deus quiser].
E non se queixe, ca non lh’á mester,
e filhe o ben quando lho Deus der.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1020, V 610

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 269-270); Rodríguez (1980: 190 [= LPGP 408-409]); Cohen (2003: 553); Littera (2016: I, 449-450).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 217); Braga (1878: 117); Machado & Machado (1956: V, 13-14); Fernández Pousa (1959: 243); Corral Díaz & Vieira (2023: 163).

Variantes manuscritas


8 no] uo V; coraçon] coracon B : corazon V   11 se] sera B   14 diz gran] diz que e gram B : diz q̄ e g̃m V   15 ten] rē V   17 que] Ou B : ou V; venha] nenha B   17-18 veer / cedo] ueher (cedo) / Cedo B   20 der] dar B

Variantes editoriais


14 per bõa fe] pero bõa fe Rodríguez   15 e non] q[ue] non Nunes

Paráfrase


(I) Vaise, amiga, o meu amigo de aquí triste, pois di que nunca lle fixen ben; mais, se o vedes ou vén el ante vós, dicídelle que lle digo eu así: que se veña moi cedo e, se viñer cedo, que será o que Deus quixer.

(II) Abofé, eu non lle podo facer ben, e vai triste no seu corazón; mais, se o vedes, así Deus vos perdoe, dicídelle que lle mando eu dicir que se veña moi cedo e, se viñer cedo, que será o que Deus quixer.

(III) Quéixase el e di que sempre foi meu (servidor) e di unha gran verdade, abofé, e non lle fixen ben e pensa que iso é inxusto; mais dicídelle vós que lle digo eu que se veña moi cedo e, se viñer cedo, que será o que Deus quixer.

(1) E que non se queixe, pois non lle é preciso, e reciba o ben cando Deus llo der.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:99) + 10c 10c

Notas


Texto
  • 13-14

    A idea da ‘posesión’ do amigo por parte da amiga transparece con frecuencia na produción de Joan Airas:
              Pero que vos [c]hamades meu,
              amigo, non soubestes ren
              quando me levaron d’aquen (1012.7-9).

     

              ca ja todas saben que sodes meu
              e nen ũa non vos querra por seu (1008.r).

     

              Queixades-vos que sempre fostes meu,
              amig’, e vos leixo por mí morrer (1025.7-8).
    En calquera caso, esta idea da posesión do amigo pode verse noutras cantigas de amigo: 744 (Afonso Meendez de Beesteiros), 1004 (Roi Martiinz d’Ulveira), 1098 (Pedr’Amigo de Sevilha), 1192 (Juião Bolseiro).

  • 14

    Obsérvese como a copia de BV introduce, con encaixe semántico, dous elementos adventicios (*e diz que é gran dereito, per bõa fe), tal como demostra a medida decasilábica do verso.

  • 17

    De novo BV mostran un evidente erro de copia (<ou>/<que>), que as restantes ocorrencias do refrán confirman.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado