1195 [= RM 85,16]
Partir quer migo mia madr’oj’aqui

Partir quer migo mia madr’oj’aqui
quant’á no mundo, [u] outra ren non jaz;
de vós, amig’, ũa parte mi faz,
e faz-m’outra de quant’á e de sí;
e, pois faz esto, manda-m’escolher:
que mi mandades, amigo, fazer?
Partir quer migo como vos direi:
de vós mi faz [i] ũa parte ja,
e faz-m’outra de sí e de quant’á
e de quantos outros parentes ei;
[e], pois faz esto, [manda-m’escolher:
que mi mandades, amigo, fazer?]
E de qual guisa migo partir quer,
a partiçon, ai meu amig’, é tal:
ũa me faz, senhor, de vós sen al,
outra de sí e de quant’al ouver;
[e], pois [faz esto, manda-m’escolher:
que mi mandades, amigo, fazer?]
De vós me faz ũa parte, ai senhor
e meu amig’e meu lum’e meu ben,
e faz-m’outra de grand’algo que ten
e pon-me demais i o seu amor;
[e], pois [faz esto, manda-m’escolher:
que mi mandades, amigo, fazer?]
E, poi-lo ela part’, a meu prazer
en vós quer’eu, meu amig’, escolher.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 

Manuscritos


B 1179, V 784

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 368-369 [= LPGP 582-583]); Reali (1964: 54-55); Cohen (2003: 413); Littera (2016: II, 40-41).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 270); Braga (1878: 147); Machado & Machado (1956: V, 275).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 575-576).

Variantes manuscritas


4 faz] taz B   5 e, pois] om. V; manda] mūda B   7 direi] q̄ rey B : rrey V   8 ũa] hūo B : hu V   13 qual] q̄l V   14 partiçon] ꝓancaō B : ꝓan caoō V; amig’é] amigo / e V   15 faz] taz B; senhor] senō V; vós] uꝯ BV   16 e] om. V   21 e] et V; ten] rem B   22 e] et V; o seu] e sen V   25 part’, a meu prazer] parea meu p̃z V   26 amig’, escolher] amigue escolhar B : amiguey escolhir V

Variantes editoriais


2 [u] outra ren non jaz] outra ren non jaz Nunes, Cohen, Reali   7 vos] vus Reali   8 mi faz [i]] faz mi[a madr’] Nunes : mi faz Reali   10 quantos outros] quantus outrus Reali   14 a partiçon] a peranção Reali; amig’] amigo Reali   15 senhor] senon Nunes   26 amigu‿escolher Reali

Paráfrase


(I) Aquí quere hoxe miña nai repartir comigo canto ten no mundo, con certeza; con vós, amigo, faime unha parte, e faime outra con todo canto ela ten e con ela propia, e, unha vez feito isto, mándame escoller: que me mandades, amigo, facer?

(II) Quere repartir comigo tal como vos direi: con vós faime aí unha parte xa, e faime outra con ela e con todo canto ten e mais con todos os outros parentes que teño, e, unha vez feito isto, mándame escoller: que me mandades, amigo, facer?

(III) E da maneira en que quere repartir comigo, ai meu amigo, a partición é esta: unha (parte) me fai, señor, con vós sen outra cousa, e outra con ela e con todo canto tiver: e, unha vez feito isto, mándame escoller: que me mandades, meu amigo, facer?

(IV) Con vós faime unha parte, ai señor e meu amigo e miña luz e meu ben, e faime outra con todo o moito que ten e ponme aí tamén o seu amor, e, unha vez feito isto, mándame escoller: que me mandades, amigo, facer?

(1) E, xa que ela o reparte, ao meu gusto quero eu, meu amigo, escoller. 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:157) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 2 mundo,‿[u]; 19 parte,‿ai

Notas


Texto
  • 2

    Ningún dos editores precedentes (agás Littera, que segue a indicación «fort. mund’ u» de Cohen) restaurou o necesario elemento inicial u da expresión fraseolóxica u outra ren non jaz ‘certamente, sen dúbida’. Para alén de que resulta indicativo que u tamén está ausente en B da expresión u non jaz al, en 168.1), a expresión rexístrase noutra pasaxe do corpus profano:

    ca sei eu ben, u outra ren non jaz
    ca me sera, mia sennor, máis mester 
    de veer-vos (66.29).

    Ademais, as Cantigas de Santa Maria confirman a necesaria presenza de u nesta expresión:

    Os marỹeiros disseron enton: “Pois est’a Deus non praz,
    leixemo-la sobr’aquesta pena, u pod’aver assaz
    de coita e d’affan e pois morte, u outra ren non jaz
    ca, se o non fezermos, en mal ponto vimos seu solaz” (CSM 5.119).

    Esta frase formularia afirmativa é concorrente con u non jaz al ou u al non jaz e é equivalente a u al non á (e as súas variantes). Véxanse notas 25.11 e 31.10.

  • 7

    As leccións dos manuscritos encamiñan para unha forma verbal querrei, que non encaixa semanticamente no texo, esixindo direi. De calquera modo, erros similares documéntanse en BV; véxase, a modo de exemplo, as leccións <querey> de B e <querrey> en V para verrei (921.3).

  • 8

    A ausencia de unha sílaba métrica é ben satisfeita co adverbio i, moi frecuente en contextos similares a esta pasaxe: non me faz i pesar (726.18), ventura me faz i (851.12), non faz i torto (1291.r1), faz i gran barata (1344.20), cuida que faz i maestria (1398.10) etc.

  • 14

    Neste verso tamén se rexistra un erro de copia que debe ser inevitabelmente emendado (cfr. a fantasmal peranção de Reali) na procura de sentido e con coherencia paleográfica. Partiçon, estabelecida por Nunes, é a opción máis lóxica tendo en conta a cantiga e tamén o repetido erro <u>~<n>/<ti>, que rexistran os códices. Véxanse, entre outros, departistes <de p̃nsts̄> B (113.2), partistes<par ustes> V (1430.19), ti <u> V (1629.3) ou <ura> BV = <tira> = <tirā> terra (890.10).

    Por outra banda, o segmento inicial de <ꝑaucaō> e <ꝑancaoō> parece remitir a unha confusión coa preposición pera, mentres que o final é de máis difícil explicación paleográfica.

  • 15

    A lección manuscrita <uꝯ>obedece a unha confusión á hora de interpretar o pronome vós, tónico neste contexto, e que é grafado como unha forma átona, un erro que se rexistra nos tres grandes cancioneiros. Así, en BV, pode verse a lección errada coincidente tamén en 402.11, 16 e 17 (cfr. <uos> na v. 5), 791.13, 840.17, 855.13, 920.14, 929.r1 (vv. 5, 11 e 17), 1052.5, 1111.11, 1195.15, 1264.6 etc.; do mesmo xeito, aparece en cantigas transmitidas só por un dos cancioneiros italianos: 183.17 e 185.21 (en B); 1013.1 (en V). Porén, o lapso de copia rexístrase tamén no Cancioneiro da Ajuda fronte ao Cancioneiro da Biblioteca Nacional (vós<uꝯ> A : <uos> B) en 72.13, 88.20, 90.16, 133.10, 134.24, 138.14, 315.8; e aínda existe outra pasaxe con diferente lección conforme os manuscritos: 1022.7 (<uꝯ>V vs. <uos> B).

  • 16

    A combinación do indefinido al co relativo quanto, tanto en al quanto (784.18), como en quanto ... al (227.6) e, sobre todo, en quant’al (89.24, 134.13, 215.7 e 9, 267.21, 345.6, 416.20, 447.5, 1045.20 e 1327.8) constitúe unha locución indefinida relativa co significado de ‘todo aquilo que, todo canto’.

  • 25

    Todos os editores ligan o sintagma a meu prazer, tanto semántica como sintacticamente, a partir por medio da puntuación (en Littera, coa frase entre vírgulas, fica ambigua). Velaí a versión de Nunes:
              E, poi-lo ela part’a meu prazer,
              en vós quer’eu, meu amigu’, escolher
    .

    Certamente, esta interpretación é posíbel, mais tamén a puntuación alternativa, de modo que fique explícito que a amiga opta pracerosamente polo amigo.

  • 26

    Neste verso volven os erros de copia, que non levantan problemas de fixación editorial a teor da lección dos manuscritos e do contexto: fronte ao ofrecido pola nai, a amiga resiste a chantaxe afectiva e escolle o amigo.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado