241 [= RM 148,11]
Nostro Sennor, e ora que sera

Nostro Sennor, e ora que sera
de min, que moiro porque me parti
de mia sennor mui fremosa, que vi
polo meu mal? E de mí que sera,
Nostro Sennor, ou ora que farei?
Ca, de pran, niun consello non ei
nen sei que faça nen que xe sera
de min, que moiro, e non me sei ja
niun consell’outro senon morrer;
e tan bon consello non poss’aver,
pois que non coido nunc’a veer ja
esta sennor, que por meu mal amei
des que a vi, e am’e amarei
mentr’eu viver; mais non viverei ja
máis des aqui, de pran, per nulla ren,
coidando sempre no meu coraçon
no mui gran ben que ll’oj’eu quer’, e non
na veer nen a coidar ja per ren
a veer; e con aqueste coidar
coid’a morrer, ca non poss’oj’osmar
com’eu possa viver per nulla ren,
poi-la non vej’, e coid’en quanto ben
lle Vós fezestes en tod’; ar coid’al:
en com’a min fezestes muito mal,
pois ja quisestes que ll’eu tan gran ben
quisess’e non mi-o fazer alongar
de a veer, e tan a meu pesar:
Nostro Sennor, u me faredes ben?
A la fe, nenllur. Aquesto sei ja,
ca, se a non vir, nunc’averei ren.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30

Manuscritos


A 135, B 256

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 274-275 [= LPGP 923-924]); Lorenzo Gradín & Marcenaro (2010: 152-153); Littera (2016: II, 484).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 108-109); Carter (2007 [1941]: 81-82); Marques Braga (1945: 257-258); Machado & Machado (1950: II, 28-29); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 241).
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 73-74); Oliveira & Machado (1959: 43-44); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 220); Arias Freixedo (2003: 837-838).

Variantes manuscritas


3 mui] om. B; vi] eu uj B   4 mí] mj̄ B   6 niun] nen hun B   7 nen] nenᵒ B; xe] om. B   9 niun] nēhū B; morrer] moirer B   10 bon] boō B   11 coido] cuydo B   15 Mays por ela ꞇ nō pʳ outra rē B   16 coidando sempre] ando cuydādo B   18 coidar] cuidar B   19 coidar] cuidar B   20 coid’a morrer] cuyda moirer B   22 poi-la non vej’e coid’en] E poi-la ueie cuyden B   23 lhi uos fezestes (muyto mal) ētodar cuydal B   26 fazer] fazerdes A   28 me] mj B   30 nunc’ averei ren] nunc aueren ren A : nūca uerey ben B

Variantes editoriais


6 niun] nẽum Littera   9 niun] nẽum Littera   11 coido nunc’a veer] coido nunca veer Michaëlis, Lorenzo Gradín & Marcenaro : cuido nunca veer Littera   16 coidando] cuidando Littera   18 na] a Littera   19 coidar] cuidar Littera   20 coid’] cuid’ Littera   22 coid’] cuid’ Littera   23 en tod’; ar] e tod’ar… Michaëlis; coid’] cuid’ Littera   26 quisess’e non mi-o fazer alongar] quisesse, ¡non mio fazede alongar Lorenzo Gradín & Marcenaro : quisesse, nom mi o fazer alongar Littera

Paráfrase


(I) Noso Señor, e agora que vai ser de min, que morro porque me afastei da miña señora moi fermosa, que vin para o meu mal? E que será de min, Noso Señor, ou que farei agora? Porque, certamente, non coñezo ningún remedio nin sei o que faga nin o que será (II) de min, que morro, e xa non sei de ningunha outra solución senón morrer; e tan boa solución non podo ter, porque non penso ver xa nunca máis esta señora, que amei para o meu mal desde que a vin, e (que) amo e amarei mentres eu viva; mais xa non vivirei (III) máis desde hoxe, sen dúbida, de maneira ningunha, coidando sempre no fondo do meu corazón no moito que hoxe eu a amo, e (coidando) non a ver nin pensar xa en vela de maneira ningunha; e con este pensamento coido que morrerei, porque non podo hoxe imaxinar como eu podería vivir de maneira ningunha (IV) desde que non a vexa, e penso en canto ben lle Vós fixestes en todo; tamén penso outra cousa: en como a min me fixestes moito mal, pois quixestes que eu tanto a amase e non o (fixestes) afastar no tempo de vela (por primeira vez), e tan a pesar de min: Noso Señor, cando me faredes ben?

(1) Abofé que en ningures. Sei isto xa, porque, se a non vir, nunca terei nada.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a + 10a 10b (= RM 161:96)

Encontros vocálicos: 26 mi-‿o

Notas


Texto
  • *

    Esta composción é cantiga ateúda atá a fiinda, e así foi incluída na relación de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270). Véxase nota á cantiga 15.
    Con todo, é de salientar que neste caso o Cancioneiro da Bibloteca Nacional ofrece unha versión estilística e conceptualmente alternativa. Se ben as dúas primeiras cobras son ateúdas, o enunciado interrómpese entre as cobras II-III e III-IV, polo que a versión de B parece deberse a unha refacción, talvez debida a dificultades no proceso de copia (véxase Arias Freixedo 2008: 40-42).
    Por outra banda, na cantiga é repetida a palabra rimante dos versos inicial, medial e final de cada unha das estrofas.

  • 9

    A posposición ao substantivo dos determinantes demostrativos, indefinidos etc. que se rexistra no sintagma consell’outro é rara na lingua antiga (e moderna); no corpus trobadoresco volve aparecer o mesmo sintagma invertido en 138.31, e tamén son utilizados outros como afan outro (353.12), mal outro (379.10), comendadores estes (1430.18), pescad'outro (1665.18). Na produción prosística medieval tamén se achan esporadicamente posposicións iguais ou similares. Eis algunhas mostras:

    et com̃o gaanara a nobre çidade de Ualença et outros castelos muytos (...) et durou bẽ quatro ãnos que fezo cantar missas muytas (...) Et estaua y Abiabis cõ duzentos caualeyros et outra gente muyta (trad. galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España; Lorenzo 1975: I, 642, 668, 740).

    et fez ella os panos menores ante queos omẽ do mũdo fezesse nẽ outro algũ (trad. galega da General Estoria; Martínez López 1963: 159).

    Ca sabede, (...), que el rrey Príamos auj́a trijnta et tres fillos outros (Crónica Troiana; Lorenzo 1985: 230).

    havia dous irmãos outros (...) e era compadre d'el rei d'Aragom e seu amigo muito (...) E teve outras terras muitas (Livro de Linhagens do Conde D. Pedro; Mattoso 1980: II/1, 81, 151 e 163).

    Outros algũus er diziam que, (...), que elles receberõ ella e seu filho por senhores de Castella (Crónica Geral de Espanha de 1344; Cintra 1952-1990: IV, 364).

    e foi assi que lhe deu elRei Alva de Tormes, e Reall de Maçanalles, e logares outros (...) passariam de trezemtas lamças afora homeẽs de pee e beesteiros poucos (Crónica de D. João I; Fernão Lopes 1994: I, 106 e 300).

    com quatro Reis outros, e imfijmda mourama uijnha comtra elle (Crónica de D. Afonso Henriques; Duarte Galvão (1995: 49).

    não pode ser entrar nella pessoa outra alguã, que não pode entrar no mosteiro (doc. 1583; Gomes 1998: 448).

  • 10

    A variante bo͂o de B, con grafía conservadora (véxase a mesma situación en 887.42, coa oposición <bon> A vs. <bo͂o> BV), sería metricamente unisilábica, por tanto perfectamente equivalente de bon, tal como acontece en diversas pasaxes ao longo das cantigas (464.8, 475.31, 478.8, 724.7, 805.9, 889.24, 1119.19 e 31, 1174.11, 1393.8, 1448.25, 1587.26, 1594.15, 1636.24). Esta alternancia gráfico-métrica é similar á que se rexistra na P1 do presente indicativo de seer (son / so͂o) e, tamén, a un / u͂u. Véxase nota a 10.25 e 47.20.

  • 11

    A diferenza de Michaëlis e Lorenzo Gradín & Marcenaro segmentamos a preposición a en nunca como elemento que liga coidar co infinitivo, dado que esta é  a construción maioritaria na lingua trobadoresca.

  • 15-16

    Nótese a redacción alternativa de B (Mais por ela e non por outra ren / ando cuidando no ...), que implica ruptura interestrófica, para alén de supoñer unha refacción estilística do texto.

  • 22

    A formulación de B, positiva (E poi-la vej’e cuid’en quanto ben...) tamén é acorde conceptualmente coa cantiga de amor, para alén de compensar no decasílabo a ausencia de non coa aparición da copulativa inicial.

  • 24-27

    O período presenta un evidente problema de interpretación a partir da diferente lección dos manuscritos, que explica a diversidade editorial no v. 26, onde achamos que é preciso segmentar a copulativa en <quisess’e>, pois en A está claramente indicada a independencia deste elemento por medio dunha plica. Tal como entendemos o texto, e en liña coa versión fixada en Michaëlis, consideramos que a partícula negativa pode manterse porque a expresión alongar de a veer non se refire á situación actual en que o namorado tema que unha vez afastado da señora pasará moito tempo sen a ver, senón a que Deus, despois de lle facer ver (por primeira vez) a súa señora, non dilatou no tempo o facerlle amala, a pesar del.  Esta interpretación condí perfectamente co tópico do amor –forzado– a primeira vista.

    O texto ofrecido por Lorenzo Gradín & Marcenaro continúa cos mesmos problemas coa emenda fazede, un imperativo negativo que non é aceptábel do punto de vista lingüístico, pois constituiría un uso agramatical:

    en com’a min fezestes muito mal;
    pois ja quisestes que ll’eu tan gran ben
    quisesse, ¡non mi o fazede alongar
    de a veer e tan a meu pesar!

  • 26

    A desinencia do infinitivo en A, aínda que pertinente lingüisticamente, non é correcta do punto de vista métrico, como mostra a medida lección de B.

  • 29

    A locución adverbial modal a la fe ‘certamente, en verdade, sen dúbida’, presenta a variante a la minha fe (533.15) e é similar a a bõa fe (1319.6 e 13) e a per bõa fe, a fórmula maioritaria no corpus. A la fe (230.5, 890.11, 1008.4, 1261.16, 1469.19, 1499.5, 1547.1, 1619.10) mantén a forma arcaica do artigo, que ficou petrificada na locución, e que é utilizada tamén na prosa, como na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España:

    quando os yrmãos viu descabeçados ante sy, ente͂deu que assy yriã ata el, a la fe, et assi sse acabaria (Lorenzo 1975: I, 198).

    O seu uso chega como mínimo ao século XV, pois aínda se rexistra en Fernão Lopes: 

    A lla fe, disserom, se nom buscaremos nós outro que rreine sobre nós, que tenha cuidado de manteer o poboo em dereito e em justiça e nom leixe as cousas que tem de fazer de sua fazenda por hir ao monte e aa caça andar um mes (Crónica de D. Fernando; Macchi 2004: 224).

    Por outra parte, nenllur (‘en ningunha parte’), forma frecuente nas Cantigas de Santa Maria, é ocorrencia no corpus profano única (cfr. tamén nelhur en 126.16). Ambas formas adverbiais deben ser creación analóxica sobre o indefinido nen un ~ neun (e variantes), do mesmo xeito que algur xurdiría sobre algun, todas elas formas influídas polo provenzalismo alhur.

  • 30

    Tamén neste caso B presenta unha variante alternativa para o final do verso (nunca verei ben), que se axusta aos parámetros conceptuais da cantiga de amor. No entanto, preferimos manter a lección de A, ren, que expresa unha negación máis categórica, aínda que a lección de B responde de forma máis directa e concreta á pregunta retórica do v. 28.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado