I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 700 [= LPGP 319]); Littera (2016: I, 361).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 23); Machado & Machado (1949: I, 90-91); Rios Milhám (2017: I, 44).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 100-101).
5 nulh’omen] Nullomen B 11 nulh’ome] Nullome B 17 nulh’ome] Nullom̄ B
9 e pesou-lh’[o qu]e] e pesou-lh(e) [o que] Michaëlis : e pesou-lh’[u lhe] Littera 10 de lá] d’ela Michaëlis : dela Littera 11 ome] ome[n] Michaëlis : homem Littera 14 este] est’ Michaëlis, Littera 16 de lá] d’ela Michaëlis : dela Littera 17 ome] omen Michaëlis : homem Littera
(I) Moito tempo hai xa que a miña señora non ouviu nada que lle causase un fondo pesar, após me faceren marchar de onde ela está, pois desde entón ninguén lle dixo nada que non fose do seu agrado.
(II) Eu díxenlle o moito afán que o seu amor me fai sufrir, e pesoulle o que lle fun dicir; mais, desde que eu me vin de alá, con certeza ninguén lle dixo nada que non fose do seu agrado.
(III) Eu, que a amo máis que a min propio, fixen tal atrevemento cando lle falei deste meu mal; mais, despois que me vin de alá, ninguén lle dixo nada que non fose do seu agrado.
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C (= RM 160:344)
Encontros vocálicos: 14 este‿atreviment[o]
Nótese a variación omen ~ ome no refrán –apagada na edición de Michaëlis–, que ten a súa orixe no proceso de manutención ou desnasalamento das antigas vogais nasais, con opcións diversas conforme a cronoloxía, o territorio e/ou o texto. Cfr. nota a 27.4.
Con respecto á utilización da grafía <ll> para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.
Con Michaëlis, suprimos o salto de copia do amanuense que Littera resolve cunha proposta carente de sentido.
Canto á forma foi, é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
O sentido xeral da cantiga e mais a explícita indicación pois me fez quitar / d’u ela é dos vv. 3-4, xunto co uso da frase d’ala vin noutra cantiga do mesmo trobador (45.6), indican que de lá é a interpretación correcta da secuencia <dela> neste verso e mais no v. 16, face ao texto dos editores anteriores (d’ela ~ dela).
A preposición a non existe na expresión amar máis ca mi(n)/sí (nen al), moi frecuente no corpus trobadoresco (102.17, 140.8 e 10, 200.5, 215.16 etc.), a pesar de, aparentemente, o pronome tónico esixir a presenza do enlace. Neste sentido, téñase en conta que os pronomes persoais tónicos poden aparecer sen preposición en numerosas pasaxes trobadorescas (véxase Glosario, s.v. mí, func. 2). Véxase nota a 861.14. Cfr. nota a 177.22 e 243.16.
Por outra parte, a ausencia dunha sílaba no verso vén indicada pola medida e pola necesidade dun CD, que reintegramos para resolver o lapso de copia, que responde á omisión dun elemento nun contexto de igualdade de dous grafemas contiguos.
Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.