I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 446-447 [= LPGP 793]); Reali (1964: 73); Fernández Campo (2012: 78); Littera (2016: II, 319).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 238); Braga (1878: 128-129); Machado & Machado (1956: V, 108-109).
III. Antoloxías: Ferreiro (2023a: 27).
4 faça] faza V 7 coraçon] coracon B 9 morri] moiri B
2 a guisou] aguisou Fernández Campo 4 Deus Senhor] Deus, senhor Nunes, Fernández Campo, Littera 6 vos] vus Reali 12 vos] vus Reali 13 vos] vus Reali 15 di’a] dia Nunes, Reali, Fernández Campo, Littera 18 vos] vus Reali
(I) A maior coita que Deus quixo facer, fermosa señora, dispúxoa para min aquel día en que me afastou de vós; mais Noso Señor non me dea lecer se a min me importa algo a moi gran coita agora que vos vexo, meu lume e meu ben.
(II) Da coita que tiven no corazón o día en que me fun de aquí, señora, marabíllome eu de non ter morto con gran coita; mais Deus non me perdoe se a min me importa algo a moi gran coita agora que vos vexo, meu lume e meu ben.
(III) Tiven por iso tal coita, que vos direi, o día en que me fun apartar de vós que, se pensei sobrevivir a ese día, Deus me leve a saúde e canto teño se a min me importa algo a moi gran coita agora que vos vexo, meu lume e meu ben.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:200)
Considerando a lección <a guysou> de BV, co pronome deglutinado, estabelecemos a como CD, embora non sexa habitual esta construción, con redobramento do clítico, na altura cronolóxica das cantigas. Na realidade, podería aglutinarse para fixar aguisou (así o fai Fernández Campo) e o período tería tamén unha sintaxe perfecta, coa antecipación do CD (a maior coita) ao verbo (aguisar), cun leve hipérbato:
A maior coita que Deus quis fazer,
senhor fremosa, a min aguisou
aquel dia que me de vós quitou.
Sen dúbida, o sintagma Deus Senhor neste verso non debe ser descomposto coa conversión de Senhor nun vocativo dirixido á dona cantada polo trobador (Nunes, Fernández Campo, Littera); ao contrario, a presenza do vocativo senhor fremosa no v. 2 fai dubidosa esa proposta textual e confirma o sintagma, tal como acontece en diversos contextos e cantigas con esta fórmula invertida do tamén frecuente Senhor Deus: 45.11, 112.3, 183.17, 259.17, 285.3, 286.1, 305.13, 396.8, 432.1, 500.5, 634.24, 889.24, 1078.10, 1084.4, 1415.16, 1418.r1.
En face da proposta dos anteriores editores (se cuidei desse dia sair), coidamos que se debe segmentar a preposición a en dia para facer visíbel o nexo preposicional da perífrase verbal (se cuidei desse di’a sair). Como acontece con outras perífrases (aver / dever + a + infinitivo), a presenza da preposición a como elemento que liga cuidar co infinitivo é a construción maioritaria na lingua trobadoresca.