1213 [= RM 92,1]
Ai meu amig’e lume destes meus

Ai meu amig’e lume destes meus
olhos e coita do meu coraçon,
por que tardastes á mui gran sazon?
Non mi-o neguedes, se vos valha Deus,
ca eu quer’end’a verdade saber,
pero mi-a vós non ousades dizer.
Dizede-mi quen mi vos fez tardar,
ai meu amig’, e gradecer-vo-lo-ei,
ca ja m’end’eu o máis do preito sei
e non vos é mester de mi-o negar,
ca eu quer’en[d’a verdade saber,
pero mi-a vós non ousades dizer].
Per bõa fe, non vos conselhou ben
quen vos esta tardada fazer fez,
e, se mi vós negardes esta vez,
perder-vos-edes comigo por én,
ca eu quer’end’a verdade saber,
[pero mi-a vós non ousades dizer].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1197, V 802

No Cancioneiro da Vaticana foron copiados novamente (e riscados) os vv. 1-5 da estrofa I (= V’) ao final da cantiga, como se fose a primeira estrofa da seguinte cantiga, cun íncipit que resulta da mestura de 1214.1+1213.1: <Nostro senhor e como po stes meꝯ> (= Nostro senhor e como po[derey] + [Ay meu amigue lume de]stes meꝯ).

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 383-384 [= LPGP 612-613]); Cohen (2003: 430); Littera (2016: II, 84-85).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 275); Braga (1878: 150-151); Machado & Machado (1956: V, 301-302); Montero Santalha (2004).

Variantes manuscritas


1 Nostro senhor e como po stes meꝯ V’  3 gran] grã B; sazon] saçon V’   7 quen] q̅ B   13 bõa] boa B   14 fazer fez] faz’ (fazer) fez B   16 -vos-] uos BV

Paráfrase


(I) Ai meu amigo e luz destes meus ollos e coita do meu corazón, por que tardades desde hai tanto tempo? Non mo neguedes, así vos valla Deus, porque eu quero saber a verdade diso, aínda que vós non ma ousades dicir.

(II) Dicídeme quen vos fai tardar, ai meu amigo, e héivolo agradecer, pois eu xa sei a maior parte do asunto, e non vos é preciso que mo ocultedes, porque eu quero saber a verdade diso, aínda que vós non ma ousades dicir.

(III) En verdade, non vos aconsellou ben quen vos fixo tardar tanto, e, se mo negardes esta vez, romperase a nosa relación por iso, porque eu quero saber a verdade diso, aínda que vós non ma ousades dicir. 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:165)

Encontros vocálicos: 4 mi͜-o; 6 mi͜-a; 8 -lo͜-ei; 10 mi͜-o; 12 mi͜-a; 18 mi͜-a

Notas


Texto
  • 1

    A invocación ao amigo por medio da construción tripartida meu amig’e lume destes meus / olhos e coita do meu coraçon é orixinal por canto combina elementos utilizados decote mais non partícipes dunha única construción. Nas cantigas de amor é moi frecuente que a dona sexa invocada como coita do meu coraçon (161.r2, 244.14, 296.11, 509.16, 885.7, 992.10), e só nunha ocasión aparece dirixido á amiga, nunha cantiga de Afons’Eanes do Coton:

    –Par Deus, ai coita do meu coraçon,
    mal estou eu [se o vós non sabedes] (823.11-12).

    Realmente, só nunha cantiga de amor de Nuno Fernandez Torneol achamos unha expresión similar á de Martin de Caldas:

    ai lume destes meus
    olhos e coita do meu coraçon! (173.6-7).

  • 7

    A presenza de que neste verso (tamén posíbel do punto de vista semántico) semella un erro de B fronte ao quen subministrado polo Cancioneiro da Vaticana: Dizede-mi quen mi vos fez tardar, / ai meu amig’, ... (cfr. non vos conselhou ben / quen vos esta tardada fazer fez, vv. 13-14).

  • 14

    O substantivo tardada (procedente de tardar + suf. -ada), presente tamén en 591.4 e 648.4, é voz exclusivamente literaria, pois alén das cantigas profanas só se rexistra nas Cantigas de Santa Maria e tamén en obras prosísticas de creación (Crónica Troiana, Historia Troiana, Demanda do Santo Graal ou Crónica de D. João I). Cfr. CGPA, s.v. tardada.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado