1212 [= RM 92,2]
Foi-s’un dia meu amigo d’aqui

Foi-s’un dia meu amigo d’aqui
trist’e coitad’e muit’a seu pesar
porque me quis del mia madre guardar;
mais eu, fremosa, des que o non vi,
non vi depois prazer de nulha ren
nen veerei ja máis se m’el non ven.
Quando s’el ouve de mí a partir,
chorou muito dos seus olhos enton
e foi coitado no seu coraçon;
mais eu, fremosa, por vos non mentir,
non vi depois prazer [de nulha ren
nen veerei ja máis se m’el non ven].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


B 1196, V 801

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 382-383 [= LPGP 613]); Cohen (2003: 429); Littera (2016: II, 84).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 275); Braga (1878: 150); Machado & Machado (1956: V, 301); Montero Santalha (2004).

Variantes manuscritas


1 amigo] amigu V  2 coitad’e] cuytade V   9 coraçon] corazon V

Paráfrase


(I) Foise un día o meu amigo de aquí triste e coitado e moito ao seu pesar porque me quixo gardar del miña nai; mais eu, fermosa, desde que non o vin, non vin despois pracer de cousa ningunha nin xamais o verei se el non vén. 

(II) Cando se el tivo que separar de min, chorou moito e penou o seu corazón; mais eu, fermosa, se vos digo a verdade, non vin despois pracer de cousa ningunha nin xamais o verei se el non vén.

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:166)

Encontros vocálicos: 6 ve·e·rei; 12 ve·e·rei

Notas


Texto
  • 1

    Nótese que o íncipit desta cantiga de Martin de Caldas coincide co verso inicial da cantiga 662 de Nuno Fernandez Torneol.

    É en verdade extraordinaria a forma <amigu> de V, coa confusión <u>/<o> en posición final, que ao longo dos cancioneiros só se rexistra como produto de erros gráficos: cuido <cuydu> B (115.17, 1626.5), vi-o <uyu> BV (943.9), vivo <uiuu> B, <uyuu> V (1312.13), Lugo <lugu> BV (1315.4), feito <feytu> BV (1400.18), vinho <uinhu> V (1682.8).

  • 2

    Non é frecuente achar a variación -oi-/-ui- en coitado/cuitado entre os dous apógrafos italianos, pois, en xeral, é diverxencia que aparece entre o Cancioneiro da Ajuda vs. Cancioneiro da Biblioteca Nacional (cfr. nota a 70.1). Na realidade, nesta voz só se rexistra a variación -oi- B / -ui- V (véxase tamén 570.9, 575.4, 1293.5). Véxase Monteagudo (2013 e 2015).

  • 10

    A frecuente frase formularia por non mentir permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.) e equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado