719 [= RM 40,2]
Amiga, muit’á que non sei

Amiga, muit’á que non sei
nen mi ar veestes vós dizer
novas que querria saber
dos que ora son con el-rei:
se se veen ou se x’[e]stan
ou a que tempo se verran.
En quanto falastes migo,
dizede, se vos venha ben,
se vos disse novas alguen
dos que el-rei levou sigo:
se se veen ou se x’estan
[ou a que tempo se verran].
Daria mui de coraçon
que-quer que aver podesse
a que[n] mi novas dissesse
d’el-rei e dos que co[n] el son:
se se veen ou se x’estan
[ou a que tempo se verran].
Mais ben sei o que faran:
porque mi pesa, tardarán.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 704, V 305

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 123-124 [= LPGP 281-282]); Cohen (2003: 189); González Martínez (2012: 170); Littera (2016: I, 307-308).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 123); Braga (1878: 58-59); Machado & Machado (1952: III, 383-384).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 227-228); Seoane (1941: 72); Fernández Pousa (1951: 83); Nunes (1959: 313); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 57).

Variantes manuscritas


3 querria] q̅iria B   4 con] col V   5 x’[e]stan] ystam B : y stam V   6 verran] ueiram B   11 ou] ou ou B   13 mui] mnj B   14 aver] aner B   16 dos] dus V   17 ou] ou ou B

Variantes editoriais


7 En quanto falastes] Enquanto falades Nunes : En quanto falardes Cohen   15 que[n]] que González Martínez   16 co[n] el] coel González Martínez   19 sei] sei [eu] Nunes, Cohen, González Martínez, Littera   20 tardarán] tardaran Nunes

Paráfrase


(I) Amiga, hai moito tempo que non sei nin tampouco vós me viñestes dicir novas que querería saber dos que agora están co rei: se se veñen ou se fican ou en que tempo virán.

(II) En todo canto falastes comigo, dicide, así vos veña ben, se vos dixo novas alguén dos que o rei levou consigo: se se veñen ou se fican ou en que tempo virán.

 (III) Daría de moi boa vontade calquera cousa que puidese ter a quen me dixese novas do rei e dos que con el están: se se veñen ou se fican ou en que tempo virán.

(1) Mais ben sei o que farán: porque me pesa, tardarán.

Métrica


Esquema métrico: 8a 8b 8b 8a 8C 8C (I [= RM 160:340]) + 7’a 8b 8b 7’a 8C 8C (II [= RM 160:420]) + 8a 7’b 7’b 8a 8C 8C (III [= RM 160:409]) + 8c 8c

Encontros vocálicos: 2 miar

Notas


Texto
  • 7

    A mudanza de falastes para o futuro de subxuntivo falardes en Cohen vén condicionada pola interpretación de en quanto como enquanto ‘mentres’, cando, na realidade, neste contexto trátase da preposición en co pronome relativo quanto (‘Naquilo que falastes comigo, dizede...’), sen que a discontinuidade temporal sexa un problema interpretativo (falastes ... dizede).

  • 14

    A forma verbal quer (P3 do presente indicativo) formou historicamente diversos pronomes indefinidos, algúns deles exclusivos da lingua medieval, como que-quer ‘algo, calquera cousa, sexa o que for’, que tamén aparece noutras cantigas como tal pronome (24.23, 55.21, 238.23887.21, 958.19, 1244.13) ou facendo parte da locución pronominal al que-quer ‘outra cousa calquera’ (141.12, 254.6, 684.9), que constitúe a versión positiva de al ren (véxase nota a 72.21) ou al nada (véxase nota a 708.16).

  • 16

    Só a editora compostelá González Martínez considerou a existencia dunha crase do tipo co’el (actualmente dialectal en galego)1 no canto de interpretar a lección <co> como un erro banal por <cõ>, do mesmo xeito que aparece noutras pasaxes nos apógrafos italianos (647.2, 1337.17 etc.) e igual que, por exemplo, <no> aparece frecuentemente, tamén por erro de copia, por <nõ>, por máis que na secuencia con el se rexistre en diversas ocasións (véxase tamén 714.r2, 745.4, 1026.3, 1214.13 ou 1492.23). Esta crase ten de ser moi posterior ao movemento trobadoresco, por canto ese proceso de desaparición de -n- secundario por fonética sintáctica é un fenómeno que só se produciu moi tardiamente. Cfr. nota a 338.3.

  • 19

    Considerando a posibilidade de contaxe bisilábica de mais (Ferreiro 2016c), son desnecesarias as diversas emendas dos editores neste verso, todas inducidas polo aparente problema de hipometría.

  1. ^

    En xeral, os diversos editores actúan contraditoriamente neste caso (véxase como, por exemplo, en 714.r2 Littera mantén co el).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado