1231 [= RM 116,4]
Amiga, voss’amigo vi falar

– Amiga, voss’amigo vi falar
oje con outra, mais non sei en qual
razon falavan, assi Deus m’empar,
nen se falavan por ben, se por mal.
– Amiga, fale con quen x’el quiser
enquant’eu del, com’estou, estever,
ca ‘ssi tenh’eu meu amigo en poder
que quantas donas eno mundo son
punhen ora de lhi fazer prazer,
ca mi-o non tolherán se morte non.
– Amiga, med’ei de prenderdes i
pesar, ca ja m’eu vi quen fez assi,
e vós faredes, pois en voss’amor
vos esforçades tanto [e] no seu,
e vós vos acharedes én peior
ca vós cuidades, e digo-vo-l’eu.
– Amiga, non, ca mi quer mui gran ben
e sei que tenh’e[n] el e el que ten
en min, ca nunca nos partirán ja,
se non per morte nos poden partir;
e, pois eu esto sei, u al non á,
mando-me-lh’eu falar con quantas vir.
– Con voss’esforç’, amiga, pavor ei
de perderdes voss’amigo, ca sei,
per bõa fe, outras donas que an
falad’en como vo-lo tolherán.
– Amiga, non, ca o poder non é
seu nen delas, mais meu, per bõa fe.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 1215, V 820

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 310-311 [= LPGP 734-735]); Marroni (1968: 268-271); Cohen (2003: 448); Littera (2016: II, 249).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 281); Braga (1878: 154); Machado & Machado (1956: V, 323-324).
III. Antoloxías: Ferreiro (2023a: 41-42).

Variantes manuscritas


2 en] eu B; qual] q̄l V   8 que] De B   11 prenderdes] pranderdes B : p̄ n. V   11-12 i / ... assi om. V   12 quen] ꝙw B   14 esforçades] esforcades B : esforzades V   16 cuidades] cuydade V   18 e] et V   19 min] nū B; nos] uꝯ B   20 nos] uꝯ V   23 esforç’, amiga] esforc a miga B : esforzamiga V   24 perderdes] perdedes B

Variantes editoriais


7 ca ‘ssi] c’assy Nunes, Marroni : ca si Cohen; amigo en] amigu’en Nunes   10 ca mi-o non tolherán se morte non] non mi o tolheran se [per] morte non Nunes : mh’o non tolherán se [per] morte non Marroni   14 vos esforçades tanto [e] no seu] [vós] vos esforçades tanto no seu Nunes : [vós] vus esforçades tanto no seu Marroni : vos esforçades tanto <e>no seu Cohen   15 e vós vos] [qu]e vós vos Nunes, Cohen, Littera : [qu]e vós vus Marroni   18 que] que[n] Nunes; e] et Marroni; que] que[n] Nunes   19 nos] nus Marroni   20 nos] nus Marroni

Paráfrase


(I) –Amiga, vin o voso amigo falar hoxe con outra, mais non sei de que falaban, así Deus me ampare, nin se falaban por ben ou por mal. 
–Amiga, fale con quen el quixer mentres eu del, como estou, estiver, (II) porque de tal forma teño o meu amigo no meu poder que todas cantas donas hai no mundo, (aínda que) se esforcen agora en compracelo, non mo quitarán se a morte non mo leva. 
–Amiga, temo que diso vos veña pesar, pois eu xa vin quen fixo así, (III) e vós farédelo, xa que levades tanto ao extremo o voso amor e o seu; e habédesvos achar niso peor do que vós pensades, dígovolo eu. 
–Amiga, non, porque me ama moito e sei o que teño nel e el o que ten (IV) en min, pois nunca nos separarán xa, só coa morte nos poden separar; e, pois eu sei isto, con toda a certeza, mándolle eu falar con cantas donas vexa. 
–Co voso valor, amiga, teño medo de perderdes o voso amigo, porque coñezo, (1) abofé, outras donas que falaron de como volo han quitar.

(2) –Amiga, non, porque o poder non é seu nin delas, senón meu, abofé!

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c (= RM 99:24) + 10d 10d + 10e 10e

Encontros vocálicos: 7 amigoen

Notas


Texto
  • *

    Ao contrario do que acontece noutras cantigas de amigo en que a protagonista mostra ciúmes por ver o seu amigo falar con outra muller (UC 744, de Afonso Meendez de Beesteiros; UC 1191, de Juião Bolseiro), neste caso a moza móstrase tan confiada na firmeza da súa relación amorosa que non lle dá importancia a que o seu amigo fale con outras, pois acha que só a morte os poderá separar.

  • 7

    A imposibilidade dunha sinalefa eassi delata o banal erro <e>/<c> de B (<E assy>), a carón da correcta lección <Cassy> de V, que, por súa vez, mostra perfectamente tamén a resistencia á sinalefa de ca, neste caso de un hipotético *caassi (o mesmo que a imposibilidade da crase c’assi). Precisamente o adverbio assi presenta a súa forma reducida por necesidades métricas con frecuencia despois desta conxunción causal (94.10, 239.10, 290.16, 321.15, 702.11, 983.3, 1022.r2, 1231.7, 1364.r3). Véxanse tamén nota a 179.30 e mais a 481.13.

  • 10

    A edición deste verso en Nunes e Marroni (non mi o tolheran se [per] morte non) altera a lección manuscrita, que non levanta problemas de interpretación, tal como estabeleceu Cohen na súa edición das cantigas de amigo.

  • 14

    A restauración da isometría neste verso é menos intrusiva con [e]no do que coa reintegración de vós (Nunes, Marroni): a vacilación no ~ eno na copia dos cancioneiros certifícase con frecuencia coa presenza de no(s) ~ na(s) en B cando A achega a lección correcta eno(s) ~ ena(s) (véxanse 66.9, 164.r2, 217.11, 227.4, 278.21, 355.8).

  • 15

    En face de todas as precedentes edicións, respectamos a copulativa inicial do verso (cfr. [qu]e nas restantes edicións), feito posibilitado pola continuidade sintáctica entre as estrofas e unha modulación interpretativa diferente a través da puntuación, que liga tanto eno seu con faredes (v. 14) e non con esforçades. Véxase a última edición, de Littera, como mostra:
                  ... ca ja m’eu vi quem fez assi,
              e vós faredes pois: em voss’amor
              vos esforçades tanto [e]no seu,
              [qu]e vós vos acharedes en peior
              ca vós cuidades ...
    Para alén da desnecesaria integración no v. 15, nótese como pois (adverbio) vai en final de período no texto editado por Littera, feito insólito na lingua dos trobadores, en que non se rexistra tal uso.

  • 21

    A frase formularia u al non á ‘certamente, sen dúbida’ (tamén en 25.11, 170.23, 358.27, 685.10 e 1017.2) concorre con outras variantes ao longo do corpus, co mesmo verbo aver (u non á al, non á i al etc.) ou co verbo jazer (u non jaz al ~ u al non jaz). Idéntico comentario pode facerse para as Cantigas de Santa Maria, en que se detectan os mesmos grupos fraseolóxicos (u al non averá ~ u non averá al, u al non jaz, u non aja al, u non ouvess’al, u outra ren non jaz etc.; véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. al, aver, jazer, u). Véxase nota a 597.13.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado