691 [= Tav 75,3]
Cavalgava noutro dia

Cavalgava noutro dia
per un caminho frances,
e ũa pastor siia
cantando con outras tres
pastores, e non vos pes;
e direi-vos toda via
o que a pastor dizia
aas outras en castigo:
«Nunca molher crea per amigo,
pois s’o meu foi e non falou migo!».
«Pastor, non dizedes nada
(diz ũa delas enton):
se se foi esta vegada,
ar verra-s’outra sazon
e dira-vos por que non
falou vosc’, ai ben-talhada;
e é cousa máis guisada
de dizerdes com’eu digo:
“Deus, ora veesse o meu amigo
e averia gran prazer migo!”».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 676, V 278

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 101-102 [= LPGP 487-488]); Cohen (2003: 162); Littera (2016: I, 575-576).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 109); Braga (1878: 54); Machado & Machado (1952: III, 350-351); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 68).
III. Antoloxías: Tavares (1943 [1923]: 51-52); Seoane (1941: 157-158 [estrofa I]); Fernández Pousa (1951: 50); Piccolo (1951: 38-39); Varela Jácome (1953: 50); Nunes (1959: 320-321); Tavares (1961: 47-48); Landeira Yrago (1975: 146); Torres (1977: 20); Gonçalves & Ramos (1983: 165); Dobarro Paz et alii (1987: 104-105); Alvar & Beltrán (1989: 279); Pena (1990: 315); Sansone (1990: 230); Ferreira (1991: 104-105); Jensen (1992: 166); Alonso Girgado (1992: 84); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 266); Diogo (1998: 129); Alvar & Talens (2009: 538).

Variantes manuscritas


2 un] huu B   3 siia] sua V   8 outras] ontras B   14 verra-s’outra] ueira ssont̃ B   15 dira] dica BV   19 veesse] uehesso BV

Variantes editoriais


2 un] o Nunes  19 veesse] veess’ Nunes

Paráfrase


(I) Cabalgaba o outro día polo camiño francés, e unha rapariga pastora estaba cantando, con outras tres pastoras, e non vos pese; e direivos aínda o que a pastora lles dicía ás outras como advertencia: «Nunca unha muller confíe no seu amigo, pois o meu foise e non falou comigo!».

(II) «Pastora, non ten sentido o que dicides (dixo unha delas entón): se se foi desta vez, ha de vir noutra ocasión e diravos por que non falou convosco, ai ben feita!; e é cousa máis axeitada dicirdes como eu digo: “Deus, oxalá viñese agora o meu amigo, e tería un gran pracer comigo!”».

Métrica


Esquema métrico: 2 x 7’a 7b 7’a 7b 7b 7’a 7’a 7’c 9’C 9’C (= Tav 82:1)

Encontros vocálicos: 19 veesse‿o

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga pertence a un reducido grupo de sete composicións de carácter híbrido que combinan en graos diferentes elementos propios das cantigas de amigo –mais tamén das cantigas de amor e mesmo das de escarnio– con elementos temáticos e léxicos propios do xénero da pastorela. Era esta unha modalidade poética bastante cultivada nas tradicións literarias oitánica e occitánica, en que un cabaleiro encontra soa e require de amores a unha moza pastora. As outras cantigas deste grupo son: Ũa pastor se queixava (nº 517), Ũa pastor ben-talhada (nº 551) e Vi oj’eu cantar d’amor (nº 564), de Don Denis; Oi oj’eu ũa pastor cantar, de Airas Nunes (nº 864); Pelo souto de Crexente, de Joan Airas de Santiago (nº 969) e, finalmente, Quand’eu un dia fui en Compostela, de Pedr’Amigo de Sevilha (nº 1100). Sobre esta cuestión véxase Tavani (1986: 217-223).

  • 2

    Talvez o caminho frances aluda ao itinerario xacobeo de peregrinación a Santiago con maior tradición histórica, pois xa foi descrito en 1135 no Codex Calixtinus.

  • 3

    A forma siia, P3 do copretérito de seer, que remite ao paradigma morfolóxico derivado de sĕdēre, xa se revela minoritaria na lingua das cantigas (só en 656.14, 1448.3, 1509.7, 1546.9 e 1623.9, ademais de sedia), onde predomina a forma era, descendente de esse (ĕram, ĕras etc.). Véxase Ferreiro (1999: §§38c, 218d).

  • 8

    A voz castigo, que só volve aparecer en 641.6 e 9, ten o significado de ‘consello, aviso, advertencia’.

  • 20

    Este derradeiro verso da cantiga é equívoco, o que non semella casual, tratándose dun verso conclusivo. O suxeito de averia gran prazer pode ser a moza: ‘ela tería un gran pracer se viñese o seu amigo’, ou pode ser o amigo: ‘o seu amigo, se viñese, tería gran pracer en poder estar con ela’.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado