I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 557-558); Blasco (1984: 241 [= LPGP 818]); Lopes (2002: 407); Marcenaro (2012b: 356); Littera (2016: II, 369); Arias Freixedo (2017: 325).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 336-337); Braga (1878: 185); Fernández Pousa (1953: 30-31); Machado & Machado (1958: VI, 110-111); Callón (2017: II, 87).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 145-146); Arias Freixedo (1993: 67-68); Diogo (1998: 90-91); Arias Freixedo (2003: 766-767); Marcenaro (2006: 208-210); Fidalgo (2009a: 182).
8 boo] beo B; maestr’] mastr V 12 amesurou enton] emesurou encon V 17 cambou] cābhou V 18 çafi] cafy B : çasy V 19 contrafeitos] cōtra feytus V 20 meteu] mereu B 21 aquel ... no] Aqual ... nō B
4 quant’oi] quanto oí Lapa 8 boo] bõo Lopes, Littera 9 pôd’én] poden Blasco : podem Lopes 15 ca] E a Lapa, Lopes, Littera, Arias Freixedo : c’a Marcenaro 17 cambou-lh’o] cambhou-lho Blasco : cambiou-lh’o Arias Freixedo 18 çafi] safi Lopes, Littera 20 lh’[i] un] lh’ũ[u] Lapa, Marcenaro : lh’un Blasco : lh’um Littera : lh[i] un Arias Freixedo 23 pôde] pode Blasco
(I) Fernán Díaz, este que anda aquí, foi unha vez ás terras de alén mar, e polo que eu ouvín, o pecador foi probar todo canto bo mestre de engastar pedras encontrou; aínda que non achou ningún mestre engastador que lle soubese engastar o seu ollo.
(II) E aínda que aló encontrou un moi bo mestre como non hai outro no mundo que saiba tanto coma el de engastar pedras e de facer un moi bo labor do engaste, e, malia que lle tomou medidas do ollo, fíxolle o engaste tan estreito que non lle puido caber alí o ollo, (III) porque a don Fernando así lle aconteceu cun mestre con quen andou en tratos: cambioulle o ollo que levou de aquí e díxolle que era un zafiro destes mal feitos de Le Puy, e alí lle meteu un grande ‘ollo de boi’, o maior que no mundo encontrou.
(1) (Don Fernando) quíxolle meter alí un ‘ollo de cabra’ e (o mestre) non lle puido facer o engaste, así que (don Fernando) ficou co ‘ollo de boi’ (que lle meteu o mestre).
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10b (= RM 163:12) + 10d 10d 10b
Encontros vocálicos: 6 nunca‿achou; 8 bo͜o; 12 olho‿amesurou
Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer.
Por outra parte, igual que UC 213, 270 ou 926, entre outras, a composición presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as cobras I e II (e ligazón causal nas cobras II-III) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda. Véxase nota á cantiga 74.
Fernan Diaz é o personaxe central do ciclo satírico de que forman parte diversas cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1393 e 1397), Airas Perez Vuitoron (UC 1499 e 1500), Estevan Faian (UC 1580) e Pero da Ponte UC 1661), xunto con, talvez, UC 1524, de Vaasco Perez Pardal. A estas composicións aínda habería que engadir as compostas por volta de Fernand'Escalho, todas elas tamén de Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395, 1396), xunto con outras dúas que presentan alusións puntuais: UC 1436 (Roi Paez da Ribela) e 1613 (Pero d’Ambroa). E aínda o mesmo personaxe comparece como Don Estevan en UC 1672, de Pedr'Amigo de Sevilha. Este personaxe literario foi identificado por Beltran (2000, 2001) con Estevan Fernandez de Castro, o poderoso dirixente da liñaxe galega dos Castro, señor de Lemos, que foi adiantado-mor de Galiza (1265-1273) até o momento en que participou na rebelión dos nobres contra Afonso X. Tras a paz entre a monarquía e o estamento nobiliario, foi nomeado pertegueiro de Santiago (1276) e tamén meiriño-mor de Galiza desde 1278 (seguindo esta hipótese de identificación, véxanse tamén as consideracións e interpretacións ao respecto sobre este ciclo de cantigas en Callón 2025: 211-231). De todos os modos, Marcenaro & González (2024: s.v. Fernan Diaz) consideran “scarsamente verosimile” a identificación entre Fernan Diaz e Fernandez de Castro.
En calquera caso, Fernan Diaz é satirizado en xeral polas prácticas homosexuais; nesta liña, o texto do Burgalés ten unha segunda lectura en clave sexual, de forma que o termo olho (pedra preciosa puída de certo tamaño) ten o duplo sentido de ‘glande’, e por extensión ‘pene’. E tamén os termos encastoar (engastar), caston (orificio onde se introduce a pedra preciosa), meter, provar etc.
Ultramar nas cantigas sempre se refire aos territorios alén do mar Mediterráneo, en especial Palestina.
Tanto castoar como encastoar (v. 7) ‘engastar (pedras preciosas)’, co sentido figurado de ‘actuar como homosexual pasivo’, non son voces frecuentes nos textos medievais. Conforme os dados do Corpus do Galego-Portugués Antigo, a variante encastoar comparece en textos territorialmente portugueses (véxanse máis exemplos tardíos no CdP, s.v.):
Depois desto, sacou seis copas de muy fino ouro que, em cada hũa, avya X marcos e, emcastoadas em ellas, muytas nobres pedras preciosas (Crónica Geral d’Espanha de 1344, ed. Cintra).
E do testo da cabeça de seu padre que matara, mãdou fazer hũa copa e ẽcastou-ha ẽ prata e beuya per ella (Orto do Esposo, ed. B. Maler).
E dizem alguũs em suas estorias, que estes rreaaes primeiros que o Meestre mamdou lavrar, que prestavom pera alguũas dores, e muitos os emcastoavam em prata e tragiamnos ao collo (Fernão Lopes, Crónica de D. João I; ed. M. Lopes de Almeida & A. de Magalhães Basto).
Contrariamente, a variante engastõar rexístrase xa desde as Cantigas de Santa Maria (véxase CSM 339.58, 376.27), xunto con algunha ocorrencia desnasalizada na prosa:
Et enpos ysto sacou seis copas d’ouro, en que auia X marcos [et] engastoadas en elas muytas pedras preçiosas; et tres barrijs de prata muy grandes sarrados, que vĩjnan cheos d’aliofar grãado et de pedras preciosas (Crónica Geral Galega, ed. R. Lorenzo).
Et aas planetas que [adorauã] fezerõlles ymages [douro] et de plata et de outros metaes cõ pedras preçiosas engastóadas em ellas (Geral Estoria, ed. Martínez López).
It. de min Aras Peres Chantreyro huas contas huun calçadonyo et trage hua pedrelina preta que trage figura d angeo engastoada en prata por sinal que andan en liña branqua et andan y cubellas de prata et moytos esterliins por sinal que andan y pedra cristal rredonda moy crara (doc. 1348, ed. López Ferreiro).
No relativo á cláusula per quant’oi, que tamén se rexistra en 1320.13, está moi próxima de constituír unha expresión fraseolóxica similar a outras do tipo aquanto mui ben sei, quant’é meu sén etc. Esta peculiar cláusula mostra, ao noso xuízo, unha posíbel conexión entre esta cantiga de Pero Garcia Burgales e a cantiga UC 1320 de Estevan da Guarda que presenta a mesma expresión, pois comparten, alén da figura do maestre, tamén o uso de caston, por máis que o vocábulo do Burgalés remita ao galicismo, diferente, en principio, do derivado do lat. questiōnem do trobador portugués.
Neste verso, e tamén no v. 8, é presente a locución conxuntiva de valor concesivo e pero ‘aínda que’, de uso regular ao longo do corpus, relativamente frecuente, por máis que en bastantes ocasións sexa posíbel conceder independencia sintáctica a cada un dos elementos da locución (e, pero).
A variante boo, con grafía conservadora é metricamente unisilábica, por tanto perfectamente equivalente de bon, tal como acontece en diversas pasaxes ao longo das cantigas (464.8, 475.31, 478.8, 724.7, 805.9, 889.9 e 24, 1119.19 e 31, 1174.11, 1393.8, 1448.25, 1587.26, 1594.15, 1636.24). Esta alternancia gráfico-métrica é similar á que se rexistra na P1 do presente indicativo de seer (son / sõo) e, tamén, a un / ũu. Véxanse notas a 10.25 e 47.20.
Caston (tamén nos vv. 13 e 22; cfr. fr. ant. caston) é ‘engastamento (de pedras preciosas); orificio onde se engasta unha pedra’, e, figuradamente, ‘orificio anal’. É palabra que, alén do Burgalés, só achamos na Crónica de D. Fernando de Fernão Lopes:
E bem parece de rrazom que o conde ouvera logo de trager a iffante, ca elrrei mandou tirar d’aquella torre do aver, que estava no castello da cidade, huua coroa d’ouro feita de machafemeas, obrada com pedras de grande vallor e grossos graãos d’aljofar em muitos logares e huu grande roby golpado em castom d’ouro com grandes graãos d’aljofar arredor, e rreligairos e anees d’ouro e camafeus e outras joyas de gram preço, afora sayas e cotas e cipres de dona, e outras cousas que perteenciam a guarnimentos de molher, as quaaes levava o conde em esta gallee em que avia d’hir (cfr. CdP, s.v.).
A variante amesurar é certamente pouco utilizada en face de mesurar, pois só a localizamos en dúas obras (véxase CGPA, s.v.):
E se como as amesurar a parte que as á d’auer as quis(er) iuramẽtar, iuygeas o alcayde como as iuramẽtarõ e nõ meos nen mays. (...) E [se] depoys q(ue) iurar iuyge assy como as iurou e nõ meos. E se o alcayde entẽder que diz cousa sen guysa, amesureas en como uir por ben, assy q(ue) an(te) diga d(e) meos ca de mays (Foro Real; ed. J. de Azevedo Ferreira);
Mays se for out(ra) eyg(re)ia segral ou se a q(ui)s(er) ffaz(er) mayor ou mays honrrada p(er)a faz(er) hy sa sopult(ur)a podelhy dar a centena p(ar)te de ssas rrendas. E de guisa meta m(ẽ)tes e sse amesure a faz(er) esta doaçõ que o moesteyro ou a eyg(re)ia a q(ue) a fez(er) q(ue) aia ende aiuda (con) mesura (Primeira Partida, ed. J. de Azevedo Ferreira).
Este verso presenta unha coincidencia case total con 1395.15, tamén de Pero Garcia Burgales (ca Don Fernando conteceu assi), cunha particularidade: obsérvese como a preposición a non é utilizada para introducir o CI, Don Fernando, sen dúbida pola presenza de ca, do mesmo modo que acontece nas frecuentes construcións amar máis ca mi(n)/sí (nen al), querer melhor ca mí/min etc. Neste sentido, é de subliñar que todos os editores, coa excepción de Marcenaro –que propón unha insólita crase c’a–, emendan a lección dos códices para fixar unha secuencia hipermétrica E a.
O çafi ‘zafiro’, aparece coa forma çafil nun documento de 1326 (CGPA, ed. López Ferreiro):
It. mando que o Çafil que me mandou Pero migues palla que se o poderen cobrar que o den a a Egleia de Mendonedo.
No Orto do Esposo xa aparece o sintagma pedras çafiras:
Ca ella he fundada ẽ pedras çafiras, e as portas della esplandecem cõ aljoufar e cõ pedras preciosa (cfr. CGPA, s.v., ed. B. Maler).
É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<feytus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.
El Poi refírese a Le Puy-en-Velay en Occitania.
A emenda máis acaída para resolver a hipometría versal talvez sexa a reintegración do adverbio i, que reaparece no v. 22.
Os sintagmas olho de boi e olho de cabra aluden a variedades de pedra preciosa, co sentido figurado de ‘glande, pene’.
A solución con perda de iode non é moi frecuente. Véxanse algunhas ocorrencias no CGPA, s.v. cambar ~ canbar e cambazon ~ cambazõ...