774 [= RM 70,24]
Fez meu amigo gran pesar a mí

Fez meu amigo gran pesar a mí,
e, pero m’el fez tamanho pesar,
fezestes-me-lh’, amigas, perdoar,
e chegou oj’e dixi-lh’eu assi:
«Vĩide ja, ca ja vos perdoei,
mais pero nunca vos ja ben querrei».
Perdoei-lh’eu, mais non ja con sabor
que [eu] ouvesse de lhi ben fazer;
e el quis oj’os seus olhos merger,
e dixi-lh’eu: «Olhos de traedor,
vĩide ja, ca ja vos perdoei,
[mais pero nunca vos ja ben querrei]».
Este perdon foi de guisa, de pran,
que ja máis nunca mig’ouvess’amor,
e non ousava viir con pavor;
e dixi-lh’eu: «Ai cabeça de can,
viide ja, ca ja vos perdoei,
[mais pero nunca vos ja ben querrei]».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 777, V 360

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 101-102 [= LPGP 449-450]); Nunes (1973 [1928]: 173-174); Cohen (2003: 247); Littera (2016: I, 528).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 139); Braga (1878: 68-69); Machado & Machado (1953: IV, 67-68); Domingues (1992: 56); Cohen (1996: 18).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 70); Nemésio (1961 [1949]: 72-73); Torres (1977: 318); Ferreira (1991: 117); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 105); Magalhães (2007: 96).

Variantes manuscritas


4 e] a B   5 Vĩide] Uijnde B : nunde V   6 querrei] queirey B   11 vĩide] Viinde B : nunde V

Variantes editoriais


3 perdoar] perdõar Nobiling   5 Vĩide] Viinde Nunes, Littera; perdoei] perdõey Nobiling   7 Perdoei] Perdõey Nobiling   9 merger] m’erger Cohen, Littera   11 vĩide] viinde Nunes, Littera; perdoei] perdõey Nobiling   15 viir] vĩir Nobiling   17 viide] vĩide Nobiling, Cohen : viinde Nunes, Littera; perdoei] perdõey Nobiling

Paráfrase


(I) O meu amigo causoume un gran pesar, e aínda que me fixo tanto pesar, fixestes, amigas, que lle perdoase, e chegou hoxe el aquí e díxenlle eu así: «Vinde xa, que xa vos perdoei, mais nunca máis vos ben quererei».

(II) Eu perdoeille, mais non porque tivese o desexo de lle facer ben; e el quixo abaixar os seus ollos, e díxenlle eu: «Ollos de traidor, vinde xa, que xa vos perdoei, mais nunca máis vos ben quererei».

(III) Este perdón foi, certamente, a condición de que nunca máis seguise a relación comigo, e co medo non se atrevía a vir; e díxenlle eu: «Ai, cabeza de can, vinde xa, que xa vos perdoei, mais nunca máis vos ben quererei».

Métrica


Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:115)

Notas


Texto
  • *

    Son verdadeiramente salientábeis nesta cantiga as expresións con que a moza interpela ao amigo, con quen decidiu romper a relación («olhos de traedor», no v. 10; «cabeça de can», no v. 16).

  • 5

    As leccións <Uijnde>, <Vimde> e <nunde> de B e V nos vv. 5 e 11 xa suxiren a consolidación do desenvolvemento gráfico da consoante nasal a partir da antiga vogal nasal (*viinde); porén, os datos do corpus parecen confirmar que que vīide sería a «verdadeira lição» (Lapa 1982: 168-169), como suxire a forma viide da terceira ocorrencia do refrán: no caso (paralelo) de tĕnētĭs > tẽedes (> teendes?), achamos tamén que todos os datos apuntan a que a consoante implosiva é desenvolvemento gráfico da nasalidade vocálica por parte dos copistas: en 552.16 tẽede presenta as leccións <Teende> B, <tẽede> V, que leva a fixar a forma tẽede, do mesmo modo que en 1477.5 a común lección <teendes> de BV ten de ser emendade para tẽedes pola rima con veedes (1477.6). No verbo viir, só rexistramos vĩid(e) en 778.5, xunto co contraditorio testemuño desta cantiga, coas leccións <Uijnde> / <Vimde> / <Vijde> B e <nunde> / <nunde> / <uijde> V, que levan para un texto vĩide / vĩide / viide (con mínima variación lingüística no refrán).

  • 6

    Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 11.5, 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) neste refrán constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.

  • 8

    Perante a hipometría do verso, sería teoricamente posíbel reintegrar a vogal final do pronome lhe (*lh[e] i), mais a ausencia desta secuencia no corpus trobadoresco aconsella a reintegración de eu, xa realizada polos anteriores editores, o cal permite o acento fixo na 4ª sílaba, que tamén sería posíbel cunha lección que [i] ouvesse. Neste sentido, non concordamos con Lapa, que se pregunta se ouvesse podería contar como catro sílabas (Lapa 1982: 168-169), xa que a secuencia -ou- xamais é bisilábica na lingua trobadoresca.

  • 9

    A pesar do demorado razoamento de Lapa (1982: 168-169) sobre merger e os seus usos e significados (‘somerxer, abaixar....’), coidamos que debe ser confirmada a lección dos primeiros editores de Guilhade, fronte a Cohen e Littera, que propoñen m’erger: no texto precisamente o que se está a explicar é que o amigo quería abaixar os ollos de traidor polo acovardamento, feito non permitido pola amiga.

  • 15

    Malia a posibilidade suxerida por Nobiling de considerar unha lección ousav’a viir, con presenza da preposición a, certamente existente no corpus, tamén é certo que esta construción é minoritaria na lingua das cantigas. Véxase nota a 95.16.

  • 16

    Segundo Nunes, o sintagma cabeça de can (tamén utilizado por Guilhade na cantiga 784) estaría a cualificar ao amigo como sátiro: «É sabido que o cão é tido desde a antiguidade como símbolo da impudência e desvergonha» (Nunes 1973: III, 176-177). Como xa indicou Tato Fontaíña (2008: 183), na iconografía medieval, unha das posíbeis representacións da figura mitolóxica do sátiro era a dun home con cabeza de can, e así o describe o anónimo autor no Livro IV do Orto do Esposo: «Estes asatiros som hũas animalias marauilhosas que ham semelhãças de homẽẽs, mas nõ sõ cõpridamẽte razoauees come os homẽẽs, ca nẽ per arte nẽ per natura nõ pode seer ẽsinados pera falar. O coraçõ ham fero e o deseio bestial, e porẽ som muy ẽclinados pera luxuria, ẽ tal guisa que, se acham algũas molheres erradas ẽno hermo, mata[m]‑nas cõ seu maao fazer. Em muytos de seus fectos e emna uoz parecẽ homẽs, segundo diz Sancto Ysidoro. Ca el diz que os satyros som pequẽnos e tẽẽ os narizes jũtos e ẽnas frontes tẽẽ cornos e som semelhantes aas cabras ẽnos pees, e algũũs creẽ que som homẽs mõteses e som de muytas guisas, ca algũũs delles am cabeça de cam e ladram, e per esto parece que mais som bestas brauas que homẽẽs» (cfr. CGPA, s.v. cabeça de cam).

    Vista a relación de interdiscursividade estabelecida entre esta cantiga e UC 784, talvez resulte un pouco esaxerada a interpretación da expresión cabeça de can como ‘sátiro’, pois en realidade o que ela lle reprocha é a súa absoluta indiscreción sobre a relación entre ambos. Por iso talvez sexa máis axeitado interpretar a expresión cabeça de can como unha alusión á irracionalidade con que el se comporta e que leva á moza a romper a relación.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado