No Cancioneiro da Biblioteca Nacional só foron copiados os vv. 1-3.
I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 301 [= LPGP 908]); Cohen (2003: 343); Littera (2016: II, 460); Fassanelli (2024: 46).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 211); Braga (1878: 113); Machado & Machado (1953: IV, 394).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 228).
1 Don’á] D unha B : Dunha V; morrerá] moirera B 4-14 om. B 11 perç’eu] perzeu V
1 Don’á] Un á Nunes : Muit’á Cohen, Littera : Ũa á Fassanelli 6 poss’eu [i] perder] poss[o] eu perder Littera 8 mia filha] minha filh’ Nunes 9 vós teedes] vos tẽedes Nunes 12 entend’i] entendi Cohen 14 min] mi Nunes
(I) –Hai unha muller que di que o voso amigo morrerá de amor se non permito que o vexades, filla, mais quero saber que perdo eu se el morrese por vós.
–Direivos, madre, as perdas que hai niso: condenarase el e eu podo perder a vida, e vós, madre, morrer por min.
(II) –Ai miña filla, calquera persoa entenderá que vós defendedes por el a súa causa, mais dicide agora, así Deus vos perdoe, que perdo eu se el quixese morrer.
–Direivos, madre, canto eu sei diso: condenarase el e perderei entón a vida, e vós, madre, morreredes por min.
Esquema métrico: 2 x 10a 10b 10b 10a 10c 10b 10C (= RM 159:1)
O íncipit desta cantiga presenta un locus criticus coa lección <Dunha> que foi resolvido de dous modos diferentes: en primeiro lugar, Nunes emenda lixeiramente a lección dos códices para estabelecer Un á que diz..., expresión anómala que ten difícil encaixe no xénero das cantigas de amigo (‘Existe un que di que o teu amigo morrerá de amor...’); parcialmente similar, embora máis acorde cos códices e co sentido é a proposta de Fassanelli: Ũa á que diz. Por súa parte, Cohen (seguido por Littera), na edición crítica das cantigas de amigo, fixou a lectura Muit’á que diz..., onde o voss’amigo é o suxeito de diz; sen dúbida, a coherencia semántica é perfecta, mais presenta o inconveniente de non se achar no corpus erros que xustifiquen a emenda de <Dunha> para unha eventual lección <Muita> ou <Muyta> que permitise a lectura Muit’á.
Perante esta situación, coidamos que o feito de estar documentado o erro <dunha> por dona en B (1387.8), xustifica a interpretación que ofrecemos:
Don’á que diz que que morrerá d’amor
o voss’amigo se vo-lo veer
non faço, filha; ...
Deste xeito, a cantiga presenta a nai, advertida por unha súa amiga (a dona), que interroga a filla sobre as relacións co amigo e a coita do amante.
A hipometría do verso aconsella a reintegración do adverbio i (poss’eu i perder), en liña coa presenza da indicación espacial e/ou temporal nos vv. 4 (que perç’eu i), 5 (as perdas que á i), 10 (mais dizede ora), 11 (que perç’eu i), 12 (quant’eu entend’i).
O verbo morrer en principio non é un verbo pronominal; porén, nas cantigas profanas detéctase ese carácter nunhas poucas pasaxes (véxase tamén 395.20, 511.7, 757.7, 758.11, 1065.1, 1097.9, 1235a.3, 1235b.3, 1474.8, 1590.4). Na prosa, tamén aparece esporadicamente algún uso pronominal do verbo morrer, por exemplo nas traducións galegas da General Estoria (véxase Martínez López 1963: 34) e da Crónica de Castilla e mais da Estoria de España (véxase Lorenzo 1975: 727), na Crónica Geral de Espanha de 1344 (véxase Cintra 1952-1990: III, 266), ou na Crónica de D. João I (véxase Fernão Lopes 1994: 396).
A segmentación de entend’i vén condicionado polo sistemático uso do tempo verbal presente ao longo da cantiga: diz, v. 1; faço e quer(o), v. 3; perç(o), v.4; á, v. 5; teedes, v. 9; dizede, v. 10; perç(o), v. 11. A amiga fala, pois, en tempo presente (cfr. especialmente o simétrico verso 5), o mesmo que acontecía na cantiga 1004.19 (e máis vos direi que del entend’i) do mesmo trobador.
Nótese a variación mí ~ min no refrán (I-II mí; II min), en liña coa alternancia das dúas formas na lingua trobadoresca e mais na lingua medieval en xeral. Cfr. nota a 27.4.