1023 [= Tav 63,67]
Que mui leda que eu mia madre vi

Que mui leda que eu mia madre vi
quando se foi meu amigo d’aqui!
E eu nunca fui leda nen dormi,
amiga, depois que s’el foi d’aquen,
e ora ja dizen-mi del que ven,
e mal grad’aja mia madre por én.
Ela foi [mui] leda, poi-lo viu ir,
e eu mui triste, poi-lo vi partir
de mí, ca nunca máis pudi dormir,
amiga, depois que s’el foi d’aquen,
e ora ja dizen-mi del que ven,
[e mal grad’aja mia madre por én].
P[er]o quando s’el foi d’aqui al rei
foi mia madre mui led[a], e o sei,
eu fui [mui] trist[e] e sempre chorei,
amiga, depois que s’el foi d’aquen,
e ora ja dizen-mi del que ven,
[e mal grad’aja mia madre por én].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1019, V 609

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 269); Rodríguez (1980: 187 [= LPGP 403]); Cohen (2003: 552); Littera (2016: I, 449).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 217); Braga (1878: 117); Machado & Machado (1956: V, 12-13); Fernández Pousa (1959: 242).

Variantes manuscritas


4 foi] fay V   5 e ora] Cora B : cora V   11 e ora] cora V   13 P[er]o] Po B : De V; foi] fon B : ffoij V

Variantes editoriais


En Littera o refrán está constituído unicamente polos vv. 5-6 de cada estrofa.

7 [mui]] om. Nunes   13 P[er]o quando s’el foi d’aqui al rei] De[s] quando s’el foi d’aqui a [e]l rei Nunes, Littera : De[s] quando s’el[e] foi d’aqui al rei Cohen   14 led[a], e o sei] led’eu ben o sei Nunes : led[a], e[u] o sei Littera   15 eu fui [mui] triste sempr[e] e chorei] [e] fui triste sempre [e] chorei Nunes : [e] fui [mui] triste sempr’e chorei Rodríguez, Littera

Paráfrase


(I) Que leda eu vin a miña nai cando se foi o meu amigo de aquí! E eu nunca me sentín leda nin dormín, amiga, despois que el se foi de aquí, e dinme del agora que vén, e sufra pesar miña nai por iso.
(II) Ela ficou moi leda, porque o viu irse, e eu moi triste, porque o vin afastarse de min, que nunca máis puiden dormir, amiga, despois que el se foi de aquí, e dinme del agora que vén, e sufra pesar miña nai por iso.
(III) Aínda que cando se foi de aquí para a corte do rei, ficou miña nai moi leda, seino eu, eu fiquei moi triste e sempre chorei, amiga, despois que el se foi de aquí, e dinme del agora que vén, e sufra pesar miña nai por iso.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10a 10a 10B 10B 10B (= Tav 19:17)

Notas


Texto
  • 1

    O abrupto inicio da cantiga con que é frecuente no corpus trobadoresco, sempre seguido de muito ~ mui, que confire un carácter exclamativo (‘Canto...!’) ao inicio da composición (196.1, 199.1, 393.1, 407.1, 574.1624.1, 836.1, 866.1, 942.1, 1040.1, 1173.1, 1397.1), para alén de que se poida tamén considerar que a conxunción inicial introduce un período dependente dun verbo declarativo elíptico, que nalgún texto é claro (253.1, 432.1, 737.1).

  • 2

    Este verso, que reaparece en 1022.2, é tamén o incipit dunha cantiga de amigo de Joan Vaasquiz de Talaveira (781.1).

  • 5

    A reiteración da secuencia adverbial ora ja nunha cantiga de Roi Paez de Ribela (e ora ja direi-vos que mi aven, 300.r1) parece indicar que funciona como unha expresión que, a diferenza de ja, non provoca a énclise pronominal.

  • 7

    A necesaria reintegración de mui (Ela foi [mui] leda...) pola hipometría do verso vén indicada pola presenza do adverbio no v. 1 (Que mui leda que eu mia madre vi) e mais no v. 14 (foi mia madre mui led[a], e o sei).

  • 13-15

    Neste período, os problemas xerados pola omisión dalgúns elementos fan que as propostas editoriais sexan diversas. Por unha parte, Nunes e Cohen adoptan unha diferente decisión editorial canto ao elemento inicial do v. 13 (<Po> B, <De> V), ao tempo que acrecentan unha sílaba no verso: Des quando ... a el-rei (Nunes, Littera), Des quando... ele... (Cohen); esta opción, que reitera a construción temporal nos vv. 13 e 16 (des quando ... depois que), obriga á reintegración dunha copulativa inicial no v. 15 para ligar sintacticamente os dous períodos.

    Non obstante, coidamos que, do punto de vista ecdótico, é máis económica a reintegración da abreviatura ausente na lección de B (<Po>/<P[er]o>), ao tempo que reintegramos o adverbio intensificador con triste (v. 15), en liña coas repetidas construcións da composición: mui leda (vv. 1, 7, 14), mui triste (vv. 8, 15).

    Ademais, ao longo do corpus trobadoresco profano aparece con frecuencia a frase formularia de tipo aseverativo e o sei, variación da máis xeral eu o sei (cun ton enfático que explica a próclise pronominal), que aínda conta con outras fórmulas expresivas moi similares (sei-o eu, aquesto sei eu, ben o sei, ben sei, esto ben sei, eu sei etc.). É por isto que non é necesaria a emenda e[u] realizada en todas as precedentes edicións, xa que a presenza de e o sei está garantida tamén en 212.14, 235.28, 423.12, 1115.7, 1419.10 e 1500.3, por máis que moi frecuentemente fose corrixida polos editores. Cfr. nota a 301.6.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado