1062 [= RM 123,6]
Mia senhor fremosa, por Deus

Mia senhor fremosa, por Deus
e por amor que vos eu ei,
[vós] oid’un pouc’e direi
o por que eu ante vós vin:
que ajades doo de min,
mia senhor fremosa, por Deus!
Se vos doerdes do meu mal,
por Deus, por que vo-lo roguei,
vós, que eu sempre desejei
des aquel dia’n que vos vi,
cousimento faredes i
se vos doerdes do meu mal.
E, mia senhor, per bõa fe,
por vós me ten forçad’Amor,
e vós, fremosa mia senhor,
nos vos queredes én doer,
e por est’é meu mal-viver,
ai mia senhor, per bõa fe.
Per bõa fe, non é meu ben
nen é mia prol viver assi,
e vós, que eu por meu mal vi,
averei sempr’a desejar,
vós e mia mort’, a meu pesar:
per bõa fe, non é meu ben.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1060, V 650

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 411-412 [= LPGP 807]); Littera (2016: II, 335).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 230); Braga (1878: 124); Machado & Machado (1956: V, 70).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 111-112); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 188).

Variantes manuscritas


8 Deus] des V

Variantes editoriais


3 [vós] oid’un] oy[de m’] un Nunes : oí[de-m’]um Littera   13 E] Ay Nunes : Ai Littera

Paráfrase


(I) Miña señora fermosa, por Deus e polo amor que vos eu teño, vós escoitade un pouco e direi o motivo polo que vin ante vós: para que teñades dó de min, miña señora fermosa, por Deus!
(II) Se tiverdes dó do meu sufrimento, por Deus, por quen volo roguei, vós, a quen eu sempre desexei desde aquel día en que vos vin, obraredes con xustiza se vos apiadardes do meu mal.
(III) E, miña señora, certamente por vós me ten forzado Amor, e vós, fermosa señora miña, non vos queredes diso apiadar, e a iso se debe o meu malvivir, ai miña señora, abofé.
(IV) Certamente non é para o meu beneficio nin é para o meu proveito vivir así, e a vós, a quen eu vin para o meu mal, terei que desexar por sempre –a vós e á miña morte– moi a meu pesar: certamente, non é para o meu ben.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8c 8c 8a (= RM 189:35)

Notas


Texto
  • *

    Obsérvese o artificio da repetición do verso primeiro e último de cada estrofa (cunha mínima variación e / ai nos vv. 13/18) chamada tradicionalmente cançon redonda, mais que, na realidade, non se corresponde coa técnica provenzal así denominada –utilizada na cantiga 430, de Bonifacio Calvo (véxase Gonçalves 2016 [2001]).

  • 3

    A hipometría do verso foi resolvida en Nunes e Littera coa introdución do complemento indirecto me. Con todo, a presenza sistemática de vós na mesma posición e nos versos simétricos das restantes estrofas (vv. 9, 15, 21) aconsella restauralo neste verso.

  • 10

    A crase da preposición en coa voz anterior (habitualmente coita e dia), rexístrase esporadicamente no corpus; en calquera caso, esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte ao Cancioneiro da Biblioteca Nacional, que mantén a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omite a preposición (70.28, 89.19, 199.14). Véxanse tamén 18.16, 28.14, 43.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5, 390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.

  • 11

    Cousimento ‘discreción, siso’ é voz de orixe provenzal usada con relativa frecuencia, fundamentalmente nas cantigas de amor (36.26, 38.1, 110.4, 116.22, 117.15 e 18, 156.2, 1062.11, 1408.12), xunto cos verbos cousir e cousecer (cfr. Glosario, s.v.), da mesma familia semántica e de amplo uso no corpus trobadoresco. Véxase García-Sabell Tormo (1991: 103-105).

  • 13

    Nunes nivelou absolutamente o verso, mais a existencia de leves variacións no refrán de múltiplas cantigas, así como a variación que se produce naquelas cantigas con repetición de verso inicial e final de estrofa (véxase cantiga 1263) parecen indicar que debe ser respectada tamén a vacilación e / ai neste caso (vv. 13 e 18).

  • 17

    Repárese na formación lexical mal-viver, similar a outras en que interveñen os elementos mal- e ben-, nomeadamente mal-fazer (e ben-fazer) e ben-querer. Véxase Glosario, s.v.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado