1072 [= Tav 22,12]
Pero eu vejo donas ben parecer

Pero eu vejo donas ben parecer
e falar ben e fremoso catar,
non poss’eu por én desejos perder
da que mi Deus non ouver’a mostrar
u mi-a mostrou por meu mal, ca des i
nunc’ar fui led’e, cuidando, perdi
desejos de quant’[eu] al fui amar.
A que vi máis fremoso parecer
de quantas eno mundo pud’achar,
essa foi eu das do mund’escolher
[................................................ -ar]
e, pois mi-a Deus faz desejar assi,
non mi-o fez El senon por mal de min
cometer o que non ei d’acabar.
Se eu foss’atal senhor ben querer
con que podesse na terra morar,
a que ousasse mia coita dizer,
log’eu podera meu mal endurar;
mais tal senhor am’eu que, poi-la vi,
sempre por ela gran coita sofri,
e pero nunca lh’end’ousei falar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 1070, V 661

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 428-429); Indini (1978: 127-128 [= LPGP 168-169]); Littera (2016: I, 153).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 233); Braga (1878: 126); Machado & Machado (1956: V, 87); Camargo et alii (1992: 34).

Variantes manuscritas


1 Pero meu ueio donas mui ben parecer BV   3 por én] por todesto BV   4 mostrar] mōstrar B   6 cuidando] cuydande BV   8 A que vi] A que eu uy B : A q̄ eu ui V   12 Deus] des V   14 cometer] comencer B   16 terra] tir̄a B : tirā V   17 a que] Ou a que B : ou aq̄V   19 am’eu] \a/meu V   21 nunca lh’end’ousei] non tolhē dousey B

Variantes editoriais


1 Pero eu vejo donas ben parecer] Pero vejo donas mui bem parecer Littera   3 por én] por esto Littera   4 ouver’a mostrar] ouvera mostrar Indini   6 cuidando] cuidand’i Nunes   7 quant’[eu] al fui] quant’al [eu] fui Nunes : quant’al fui [eu] Indini : quant’al fui Littera   8 A que vi] A qu(e) eu vi Nunes : A que eu vi Indini, Littera   11 [e tan muito do coraçon amar] Nunes : [Pola muyto de coraçon amar] Indini   13 min] mi Nunes   15 atal] a tal Indini   17 a que ousasse] ou a qu(e) ousasse Nunes : ou que ousasse Indini : ou a que ousasse Littera

Paráfrase


(I) Aínda que eu vexo damas que son moi fermosas e falan moi ben e de fermoso ollar, non por iso podo perder o desexo pola que oxalá Deus non me mostrara cando ma mostrou, para o meu mal, pois desde entón nunca estiven ledo e, cavilando niso, perdín o desexo de todo canto me gustaba.
(II) A que vin ser máis fermosa de cantas no mundo puiden achar, esa fun eu de todas as do mundo escoller [...] e, xa que Deus ma fai desexar así, non me fixo El, senón para o meu mal, acometer o que non hei de acabar.
(III) Se eu fose tal señora amar que puidese morar na terra dela, a quen me atrevese a dicir a miña coita, logo eu podería soportar o meu mal; mais amo unha señora tal que, desde que a vin, sempre sufrín gran coita por ela, aínda que nunca lle ousei falar diso.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10b (= Tav 101:8)

Encontros vocálicos: 1 Pero‿eu; 5 mi͜-a; 12 mi͜-a; 13 mi͜-o

Notas


Texto
  • *

    A composición presenta algúns problemas de medida que afectan aos vv. 1, 3, 7, 8 ou 17, para alén da lacuna do v. 11, mostrando problemas de transmisión textual.

  • 1

    O íncipit da cantiga levanta un grave problema métrico de hipermetría, con dúas sílabas excedentes, igual que no v. 3. Nunes e Indini coinciden en omitir <meu> e <mui>, en face de Littera, que mantén a hipermetría con mui. Non obstante, é posíbel manter o pronome eu, como acontece noutras pasaxes en que me aparece de forma espuria, para posibilitar a sinalefa peroeu e acadar a medida decasilábica do verso (véxase a mesma situación en 920.11). A respecto da necesidade da omisión do pronome, véxase 191.10, onde a lección de A mostra como se debe eliminar a forma <mj> presente en B.

    Por outra parte, a aparición de mui en BV mostra tamén como, especialmente nos apógrafos italianos, con certa frecuencia se entremeten elementos que deben ser omitidos. Para a intromisión espuria de mui véxase B vs. A (65.1, 257.1), A vs. B (369.3, 998.10), BV vs. A (417.15), B vs. V (423.17, 810.14), así como 812.14 ou 995.5.

  • 4

    Na edición de Indini non foi realizada a segmentación da preposición a para a perífrase verbal aver + a + infinitivo; no entanto, a interpretación das secuencias do tipo <ouuera>, <auia>, <deuia> + infinitivo como ouver’a, avi’a, devi’a  + infinitivo vén determinada non só polo feito de a presenza da preposición a ser maioritaria nestas perífrases (véxase Glosario, s.v. aver, dever), mais tamén pola concorrencia das leccións <deuia> A / <deuia a> B (128.22 e 28, 386.13), <ouuera> A / <ouu’a a> (70.13) ~ <ouuera a> B (129.23), que indican a real crase coa preposición nas leccións de un dos testemuños manuscritos.

    Por outra parte, a lección <mōstrar> de B mostra máis unha intervención dos copistas do Cancioneiro da Biblioteca Nacional sobre (a)mostrar, pois, cando o verbo conta con dous testemuños, nun deles sempre se rexistra a forma (a)mostrar –na única documentación de demostrar, B presenta tamén a grafía latinizante (1674.15)–. Véxanse, así, B vs. A (188.12, 309.15) e B vs. V (576.7, 624.2, 659.16, 1096.26, 1160.26, 1463.18, 1476.23, 1488.3, 1643.13 e 1663.6).

  • 6

    A lección unánime <cuydande> de BV esixe unha emenda en prol do xerundio ou, alternativamente, para cuidand’é[n].

  • 7

    A hipometría do verso indica a ausencia de unha sílaba métrica que ben pode ser o pronome eu, que contribúe, deste modo, a reequilibrar a súa alta presenza ao longo da composición (vv. 1, 3, 7; 10; 15, 18, 19). É por isto que, a diferenza dos anteriores editores, a partir da sistemática crase quant’al no corpus (que desaconsella unha lección quant[o] al), situamos eu en quant’[eu] al (cfr. de quant’eu al no mundo desejava, de Fernan Garcia Esgaravunha, en 227.6), que nivela ritmicamente este verso cos seus simétricos das seguintes estrofas.

  • 8

    A presenza de eu neste verso altera a medida decasilábica pola imposibilidade da sinalefa *queeu (suposta en Indini e Littera; con crase en Nunes). Por conseguinte, é necesaria a expunción do pronome, que con frecuencia aparece espuriamente introducida no texto: así se verifica nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.

    Por outra parte, o mesmo inicio de estrofa A que vi... existe no corpus. Véxase 1236.1 e 7.

  • 10

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 15

    A segmentación a tal de Indini implica a introdución da preposición a nunha construción que a non leva: querer + CD (ben querer atal senhor vs. *ben querer a tal senhor).

  • 17

    A manutención da lección de BV implicaría unha anómala sinalefa *que‿oussasse). É por isto que a expunción de ou semella a mellor solución ecdótica para o verso e, tamén, para o período: é frecuente a intromisión de elementos foneticamente menores (e, a, eu, en...) no texto das cantigas, como mostra a diverxencia entre manuscritos en diversas pasaxes.
    Certamente, tamén sería posíbel a expunción de <a>, de modo que con que funcionase no v. 16 como locución conxuntiva consecutiva, con reflexo no presente verso a través de que; isto é, ‘se eu fose amar tal señor de modo que puidese morar con ela ou (de modo) que ousase dicirlle a miña coita...’.

  • 21

    A locución conxuntiva de valor concesivo e pero ‘aínda que’, de uso regular ao longo de corpus presenta noutras pasaxes a posibilidade de interpretar dúas conxunción independentes.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado