1084 [= Tav 121,1]
A maior coita que Deus quis fazer

A maior coita que Deus quis fazer,
senhor fremosa, a min a guisou
aquel dia que me de vós quitou;
mais Deus Senhor non mi faça lezer
se eu ja mui gran coita tenh’en ren,
pois que vos vejo, meu lum’e meu ben.
Da coita que ouvi no coraçon
o dia, senhor, que m’eu fui d’aqui,
maravilho-m’eu como non morri
con gran coita; mais Deus non mi perdon
se eu ja mui gran coita [tenh’en ren,
pois que vos vejo, meu lum’e meu ben].
Ouv’én tal coita, qual vos eu direi,
o dia que m’eu fui de vós partir
que, se cuidei desse di’a sair,
Deus mi tolha este corp’e quant’ei
se eu ja mui gran [coita tenh’en ren
pois que vos vejo, meu lum’e meu ben].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1081, V 673

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 446-447 [= LPGP 793]); Reali (1964: 73); Fernández Campo (2012: 78); Littera (2016: II, 319).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 238); Braga (1878: 128-129); Machado & Machado (1956: V, 108-109).
III. Antoloxías: Ferreiro (2023: 27).

Variantes manuscritas


4 faça] faza V   7 coraçon] coracon B   9 morri] moiri B

Variantes editoriais


2 a guisou] aguisou Fernández Campo   4 Deus Senhor] Deus, senhor Nunes, Fernández Campo, Littera   6 vos] vus Reali   12 vos] vus Reali   13 vos] vus Reali   15 di’a] dia Nunes, Reali, Fernández Campo, Littera   18 vos] vus Reali

Paráfrase


(I) A maior coita que Deus quixo facer, fermosa señora, dispúxoa para min aquel día en que me afastou de vós; mais Noso Señor non me dea lecer se a min me importa algo a moi gran coita agora que vos vexo, meu lume e meu ben.
(II) Da coita que tiven no corazón o día en que me fun de aquí, señora, marabíllome eu de non ter morto con gran coita; mais Deus non me perdoe se a min me importa algo a moi gran coita agora que vos vexo, meu lume e meu ben.
(III) Tiven por iso tal coita, que vos direi, o día en que me fun apartar de vós que, se pensei sobrevivir a ese día, Deus me leve a saúde e canto teño se a min me importa algo a moi gran coita agora que vos vexo, meu lume e meu ben.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:200)

Notas


Texto
  • 2

    Considerando a lección <a guysou> de BV, co pronome deglutinado, estabelecemos a como CD, embora non sexa habitual esta construción, con redobramento do clítico, na altura cronolóxica das cantigas. Na realidade, podería aglutinarse para fixar aguisou (así o fai Fernández Campo) e o período tería tamén unha sintaxe perfecta, coa antecipación do CD (a maior coita) ao verbo (aguisar), cun leve hipérbato:

    A maior coita que Deus quis fazer,
    senhor fremosa, a min aguisou
    aquel dia que me de vós quitou.

  • 4

    Sen dúbida, o sintagma Deus Senhor neste verso non debe ser descomposto coa conversión de Senhor nun vocativo dirixido á dona cantada polo trobador (Nunes, Fernández Campo, Littera); ao contrario, a presenza do vocativo senhor fremosa no v. 2 fai dubidosa esa proposta textual e confirma o sintagma, tal como acontece en diversos contextos e cantigas con esta fórmula invertida do tamén frecuente Senhor Deus: 45.11, 112.3, 183.17, 259.17, 285.3, 286.1, 305.13, 396.8, 432.1, 500.5, 634.24, 889.24, 1078.10, 1084.4, 1415.16, 1418.r1.

  • 15

    En face da proposta dos anteriores editores (se cuidei desse dia sair), coidamos que se debe segmentar a preposición a en dia para facer visíbel o nexo preposicional da perífrase verbal (se cuidei desse di’a sair). Como acontece con outras perífrases (aver / dever + a + infinitivo), a presenza da preposición a como elemento que liga cuidar co infinitivo é a construción maioritaria na lingua trobadoresca.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado