1220 [= RM 121,15]
Sej’eu fremosa con mui gran pesar

Sej’eu fremosa con mui gran pesar
e mui coitada no meu coraçon,
e choro muit’e faço gran razon,
par Deus, mia madre, de muito chorar
por meu amig’e meu lum’e meu ben,
que se foi d’aqui, ai madr’, e non ven.
E ben sei [eu] de pran que por meu mal
me fez[o] Deus tan fremosa nacer,
pois m’ora faz, como moiro, morrer,
ca moiro, madre, se Deus mi non val,
por meu amig’e meu [lum’e meu ben,
que se foi d’aqui, ai madr’, e non ven].
E fez-mi Deus nacer, per bõa fe,
polo meu mal, [e] er fez-me log’i
máis fremosa de quantas donas vi,
e moiro, madr’, e vedes por que é:
por meu amig’e meu lum’e [meu ben,
que se foi d’aqui, ai madr’, e non ven].
E, pois Deus quer que eu moira por én,
sábian que moiro querendo-lhi ben.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1204, V 809

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 390-391 [= LPGP 800-801]); Cohen (2003: 437); Fernández Campo (2012: 143); Littera (2016: II, 325).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 277-278); Braga (1878: 152); Machado & Machado (1956: V, 311).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 49-50); Fernández Pousa (1951: 103); Nunes (1959: 324); Álvarez Blázquez (1975: 93); Ferreiro (2023a: 40).

Variantes manuscritas


1 gran] grã B   3 faço] fazo V; gran] grã B; razon] raçon V   5 meu lum'e] lume V   7 pran] prã B   9 morrer] moirer B   10 moiro] muyto B    13 bõa] boa B   16 é] hi BV

Variantes editoriais


8 fez[o] ... tan] fez ... [a]tan Nunes   14 [e] er fez-mi] [e] ar fez-me Nunes : er fez<o> me Cohen   16 madr’, e] madre Nunes, Cohen, Fernández Campo, Littera

Paráfrase


(I) Vivo fermosa con moi gran pesar e moi coitada no meu corazón, e choro moito, e fago (algo) moi razoábel, por Deus, miña nai, en moito chorar por meu amigo e miña luz e meu ben, que se foi de aquí, ai madre, e non vén.

(II) E ben sei eu, claramente, que para o meu mal me fixo Deus nacer tan fermosa, xa que agora me fai morrer, como morro, pois morro, madre, se Deus non me socorre, por meu amigo e miña luz e meu ben, que se foi de aquí, ai madre, e non vén.

(III) E fíxome Deus nacer, abofé, para o meu mal, e aínda me fixo logo a máis fermosa de todas as donas que vin, e morro, madre, e vede por que é: por meu amigo e miña luz e meu ben, que se foi de aquí, ai madre, e non vén.

(1) E, pois Deus quere que eu morra por iso, saiban todos que morro queréndolle ben.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:204) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 20 sa·bi͜an

Notas


Texto
  • 1

    A forma sejo, P1 de presente indicativo de seer, resultado da conxugación regular de sĕdēre neste tempo (sĕdĕo, sĕdes etc.), compite desvantaxosamente na lingua medieval cos resultados de sŭm (> son) e *sono (> sõo, soo) (véxase Ferreiro 1999: §218b).

  • 1-6

    A estrofa I desta cantiga de Pero d’Armea mostra certas reminiscencias coa primeira estrofa da cantiga 693, de Joan Soarez Coelho:

    Per boa fe, mui fremosa, sanhuda
    sej’eu e trist’e coitada por én:
    por meu amig’e meu lum’e meu ben,
    que ei perdud’, e el mi [á] perduda
    porque se foi sen meu grado d’aqui.

  • 7

    O suxeito eu semella a mellor opción para sanar a hipometría do verso, en liña coa presenza do pronome no v. 1 da estrofa I: Sej’eu fremosa con mui gran pesar (v. 1) - E ben sei [eu] de pran que por meu mal (v. 7).

  • 8

    Para recuperar a medida decasilábica do verso, recorremos á variante fezo, que ten a vantaxe (fronte a [a]tan, cfr. Nunes) de recolocar o acento na 4ª sílaba. Na lingua medieval aparece a desinencia -o na P3 dos pretéritos fortes, de modo que naquelas formas en que -it final latino desapareceu é posíbel a convivencia das formas fez, quis ou pôs con fezo (tamén feze), quiso (tamén quise) ou poso (tamén pose). Os trobadores utilizan unha ou outra variante por necesidades métricas, e os manuscritos achegan datos que confirman esta variación nos usos lingüísticos, de modo que en ocasións as leccións de A e B son diverxentes. Así, face ao necesario fezo transmitido por A (ás veces produto da revisión da copia) achamos <fez> en B: 277.17 (<fez{o}> A, <fez> B), 286.2 (<fezo> A, <fez> B), 309.10 (<fezo> A, <fez> B), 404.10 (<fezo> A, <fez> B), 430.28 (<fez{o}> A, <fez B>). Porén, en 175.6 o necesario fezo transmitido por B correspóndese co <fez> de A, que torna o verso hipométrico. E aínda se achan contextos en que, fronte á lección de A, con fezo, B rexistra unha variante en que, mantendo o monosilábico fez, se reescribe o texto para asegurar a isometría: Qual dona Deus fez melhor parecer / e que fezo [B: <a fez>] de quantas outras son (175.2), de rogar Deus, e fezo-me [<a d’s e fez mj> B] perder (197.30). É por isto que o recurso a fez[o] está xustificado perante leccións afectadas por hipometría versal: é significativo que no v. 1 do refrán da cantiga 847, face ao correcto fezo que se rexistra na estrofa I (<fez> B, <fezo> V), apareza fez en BV nas estrofas II e III. Cfr. nota a 60.19.

  • 14

    Fronte a Cohen, achamos que neste verso a mellor emenda para resolver a hipometría do verso consiste en recuperar a conxunción ([e] er fez-me...), quizais desaparecida por haplografía, e conveniente para ligar copulativamente as diversas cláusulas da estrofa: E fez-mi Deus nacer ... [e] er fez-me ... e moiro ... e vedes por que é.

  • 16

    En face dos anteriores editores, segmentamos a forma manuscrita en madr’ e, coa copulativa, porque a frase vedes por que (non) no corpus, sempre que posíbel, vai introducida pola conxunción, sobre todo no interior de verso (véxase 186.23, 636.3 e 16, 668.2, 1086.4). (véxase Ferreiro 2019: 37).

    A forma en rima que fornecemos, é, probabelmente <he> no antígrafo, corrixe a lección manuscrita <hi> de BV, que pode deberse á presenza en rima, no verso precedente, e en rima, de vi.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado