1232 [= RM 116,22]
Par Deus, amiga, podedes saber

– Par Deus, amiga, podedes saber
como podesse mandad’enviar
a meu amigo, que non á poder
de falar mig’e morr’én con pesar?
E ben vos digo, se el morr’assi,
que non viverei [ja máis] des ali.
– Amiga, sei [ben] que non pod’aver
meu amig’arte de migo falar,
e ouv’eu art’e figi-lhe fazer
por outra dona un mui bon cantar,
e, pois por aquela dona trobou,
cada [que] quis sempre migo falou.
– O meu amigo non é trobador,
pero tan grand’é o ben que m’el quer
que filhará outra entendedor
e trobará, pois que lho eu disser;
mais, amiga, per quen o sabera
que lho eu mando, ou quen lho dira?
– Eu, amiga, o farei sabedor
que, tanto que el un cantar fezer
por outra dona e pois por seu for,
que falará vosco quando quiser;
mais á mester de lho fazer el ben
creent’, e vós non o ceardes én.
– Amiga, per ceos é quant’eu ei
de mal, máis nunca o ja cearei.
– Mester vos é, ca vo-lo entenderán
se o ceardes, [e] guardar-vos-an.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 1216, V 821

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 311-312); Marroni (1968: 271-272 [= LPGP 743-744]); Cohen (2003: 449); Littera (2016: II, 250).
II. Monaci (1875: 281-282); Braga (1878: 154); Machado & Machado (1956: V, 325-326); González (2015a: 150-151).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 75-76); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 190-191).

Variantes manuscritas


3 que] quo V   4 morr’én con pesar] moy rē cō pesar B1 : moyren cō pesar V  5 morr’assi] moirassy B   10 outra] ent̃ V   12 falou] falon V   17 sabera] sab’am BV   18 quen] q̅ B   22 que] Quē B : quē V

Variantes editoriais


5 vos] vus Marroni   6 [ja máis]] om. Marroni   7 sei [ben]] [ben] sei Cohen : sei [eu] Littera   15 outra] outr’a Marroni   25 é] e Nunes, Marroni   27 vos] vus Marroni; entenderán] entenderan Nunes   28 se o ceardes, [e] guardar-vos-an] [e], se o ceardes, guardar-vos-am Nunes : se o ceardes, [e] guardar-vus-am Marroni

Paráfrase


(I) –Por Deus, amiga, sabedes como podería enviar un recado ao meu amigo, que non pode falar comigo e morre por iso de pesar? E ben vos digo que, se el morre así, non vivirei máis despois.

(II) –Amiga, eu ben sei que o meu amigo non pode encontrar a forma de falar comigo, e eu tiven enxeño e fíxenlle facer por outra dona un moi bo cantar, e, despois que trobou por aquela dona, cada vez que quixo sempre falou comigo.

(III) –O meu amigo non é trobador, mais tan grande é o ben que el me quere que tomará outra (muller) como namorada e trobará (por ela) se eu llo dixer; mais, amiga, por quen saberá que eu llo mando, ou quen llo dirá?

(IV) –Eu, amiga, fareille saber que, logo que el fixer un cantar por outra dona e depois for como seu (servidor), que falará convosco cando quixer; mais é mester que el llo faga crer ben, e que vós non teñades ciúmes por iso.

(1) –Amiga, por causa dos ciúmes é todo o mal que eu teño, nunca máis lle terei xa ciúmes.

(2) –Convenvos moito, porque volo han de descubrir se lle tiverdes ciúmes, e hanvos de vixiar.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c (= RM 99:25) + 10d 10d + 10e 10e

Encontros vocálicos: 2 en·vi·ar; 27 -loentenderán

Notas


Texto
  • *

    O desenvolvemento da cantiga fai necesario articular dialoxicamente o texto, de modo que cada estrofa é de cada unha das interlocutoras: á pregunta da amiga inxenua correspóndelle a resposta da amiga experimentada, que lle indica o estrataxema: que o amigo compoña unha cantiga que aparente ser para outra dama, de modo que así se poidan comunicar, coa condición de que a amiga non mostre ciúmes.

    Nas edicións de Nunes, Marroni e Cohen, o primeiro parlamento da amiga ocupa as tres primeiras estrofas.

  • 4

    A pesar de que a lección de BV levaría para moir’én (isto é, P1 do presente de indicativo: moiro én), o contexto esixe a presenza dunha P3 verbal (morr’én) en que o suxeito é o amigo, para xustificar a continuación discursiva (vv. 5-6) coa resposta á pregunta da amiga: 

    E ben vos digo, se el morr’assi,
    que non viverei [ja máis] des ali.

  • 6

    A integración de ja máis para subsanar a ausencia de dúas sílabas métricas foi proposta por Nunes, e só Marroni renuncia á súa presenza.

  • 7

    A construción sei ben que... é levemente maioritaria en face de ben sei que..., aínda que calquera das posibilidades son válidas para reintegrar unha sílaba no verso, incluído eu, para alén de pod[e] aver.

  • 15

    Marroni segmenta un artigo (filhará outr’a entendedor) que non ten sentido no contexto.

    Na poesía amorosa, o termo entendedor aplícase aos namorados que manteñen unha relación que está aínda nunha fase de coñecemento mutuo e de cultivo do desexo, en que conversan e se intercambian prendas en sinal de correspondencia, tales como as cintas con que cinxen as propias vestimentas á cintura. Trátase da fase previa á de drudo, á que se chega cando os amantes satisfacen o seu desexo por medio de relacións carnais. Nesta cantiga, a voz entendedor está referida a unha muller, a rival ficticia da amiga.

  • 20-22

    Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética:

    Eu, amiga, o farei sabedor
    que, tanto que el un cantar fezer
    por outra dona e pois por seu for,
    que falará vosco quando quiser.

  • 24-28

    Esta é a única cantiga en todo o corpus trobadoresco que achega a voz cear ‘ter ciúmes de (alguén)’, que ainda se reitera nos vv. 26 e 28.

    O mesmo acontece co substantivo ceos ‘ciúmes, celos’, tamén forma única no corpus das cantigas, que nin sequera é frecuente na restante produción medieval: só achamos esta voz na tradución galega da Crónica de España e da Crónica de Castilla:

    Et desta guisa forõ uençudos os castellaos, porla nimjga do conde dõ Pedro, que os desemparou cõ sua gente, por malquerença do conde dõ Gomez cõ çeos da reyna, por tal que o matassem ẽno cãpo, assy com̃o sse conpliu (cfr. CGPA, s.v.).

  1. ^

    En B foi repetido polo copista na marxe: moirē cō pesar.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado