161 [= Tav 106,13]
Par Deus, sennor, en gran coita serei

Par Deus, sennor, en gran coita serei
agora quando m’eu de vós quitar,
ca me non ei d’al no mundo a pagar;
e, mia sennor, gran dereito farei,
pois eu de vós os meus ollos partir
e os vossos mui fremosos non vir.
E ben mi-o per-devedes a creer
que me sera mia mort’, e m’é mester,
des quando vos eu veer non poder;
nen Deus, sennor, non me leixe viver,
pois eu de vós os meus ollos partir,
e o[s] v[ossos mui fremosos] n[on] v[ir].
Pero sei-m’eu que me faço mal sén
de vos amar, ca, des quando vos vi,
en mui gran coita fui, sennor, des i;
mais que farei, ai meu lum’e meu ben,
pois eu de vós os meus ollos partir,
[e os vossos mui fremosos non vir?]
E, pois vos Deus fez parecer mellor
de quantas outras eno mundo son,
por mal de min e do meu coraçon,
com’averei ja do mundo sabor,
pois eu de [vós os meus ollos partir,
e os vossos mui fremosos non vir?]
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


A 72, B 185

A estrofa IV falta en B.

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 155-156 [= LPGP 688]); Pousada Cruz (2013: 137-138); Littera (2016: II, 178-179).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 75); Carter (2007 [1941]: 44); Machado & Machado (1949: I, 284-285); Camargo et alii (1995: 57-58); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 161).

Variantes manuscritas


2 vós] uus A   3 d’al no mundo a] ia nōmunda B   8 me] mj B; m’é] om. B   9 veer] uir B   13 me faço] mj faco   15 en] de B

Variantes editoriais


1 Par] Por Michaëlis   3 mundo] mund(o) Michaëlis : mund' Littera   8 mort’, e m’é mester] morte [mui] mester Michaëlis, Pousada Cruz, Littera   9 vos] vus Michaëlis   11 vós] vos Littera   14 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis   19 vos] vus Michaëlis

Paráfrase


(I) Por Deus, señora, en gran coita estarei agora cando eu me afaste de vós, porque de ningunha outra cousa no mundo hei sentir gusto; e, miña señora, obrarei xustamente, despois de eu afastar de vós os meus ollos e non ver os vosos moi fermosos.

(II) E moi ben me debedes crer que será a (causa da) miña morte, e éme necesaria, desde o momento en que eu non vos puider ver; nin Deus, señora, non me deixe vivir, despois de eu afastar de vós os meus ollos e non ver os vosos moi fermosos.

(III) Aínda que eu sei que fago unha loucura por vos amar, porque, desde que vos vin, en moi gran coita estiven, señora, desde ese momento; mais que hei facer, ai miña luz e meu ben, despois de eu afastar de vós os meus ollos e non ver os vosos moi fermosos?

(IV) E, xa que Deus vos fixo ser a máis fermosa de cantas outras hai no mundo, para o meu mal e do meu corazón, como hei de sentir xa gusto polo mundo, despois de eu afastar de vós os meus ollos e non ver os vosos moi fermosos?
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:182)

Encontros vocálicos: 3 mundo‿a; 7 mi-‿o

Notas


Texto
  • 1

    É certamente sorprendente a mudanza textual michaëliana, que substitúe a típica forma par das invocacións de teor relixioso (par Deus...) pola convencional e xeral por.

  • 5-6

    O refrán desta composición lembra unha pasaxe de Fernan Figueira de Lemos: pois eu de vós os meus olhos partir / e vos non vir u vos soia veer (20.10-11).

  • 8

    Fronte á lectura de Michaëlis (seguida polos seguintes editores) editamos cinxíndonos ao texto do manuscrito da Ajuda, xa que B omite a parte do texto en foco. Por outro lado, o texto que o manuscrito da Ajuda presenta neste fragmento é resultado dunha revisión que aínda conserva na marxe a indicación do revisor co texto que debía ser inserido (me). En calquera caso, na primeira aparición o verbo seer significa ‘ser, causar’, mentres que na prase parentética e m’é mester o verbo seer forma parte da expresión verbal seer mester ‘ser preciso’.
    A lectura de Michaëlis e mais dos restantes editores é produto da ausencia de segmentación da copulativa en <morte> e mais da forma verbal é en <me>, unha inadvertencia que a levou a supor o erro <me > / <mui >, probabelmente inducido pola relativa frecuencia da construción seer mester na súa variante co modificador mui (véxase Glosario, s.v. mester, seer).

  • 10

    Neste verso sería posíbel a consideración do sintagma Deus Sennor ‘Deus’ (nen Deus Sennor non me leixe viver), mais a presenza da invocación á sennor na estrofa I (v. 4) e II (v. 15) parece aconsellar a puntuación que propomos, en liña coas edicións precedentes.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado