236 [= RM 148,4]
Deste mundo outro ben non querria

Deste mundo outro ben non querria
(por quantas coitas me Deus faz sofrer)
que mia sennor do mui bon parecer
que soubess’eu ben que entendia
como oj’eu moir’, e non llo dizer eu
nen outre por min, mais ela de seu
o entender como seeria.
E, se eu est’ouvess’, averia
o máis de ben que eu querri’aver:
sabe-lo ela ben sen llo dizer
eu e non atender ja aquel dia
que eu atend’, ond’ei mui gran pavor
de lle dizer «por vós moiro, sennor»,
ca sei que por meu mal llo diria,
ca sennor ei que m’estrãiaria
tanto que nunc’averia poder
de ll’ar falar nen sol de a veer,
e mal me vai, mais peor m’er ia;
e por esto querria eu assi
que o soubesse ela, mais non per min,
e soubess’eu ben que o sabia.
E rog’a Deus e Santa Maria,
que lle fezeron muito ben aver,
que ben assi llo façan entender;
e con tod’est’ainda seria
en gran pavor de m’estraiar por én,
e, par Deus, ar jurar-ll’-ia mui ben
que nulla culpa i non avia
de m’entender, assi Deus me perdon,
nen o gran ben que ll’eu quer’, e enton
con dereito non se queixaria.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 130, B 251

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 263-265 [= LPGP 920]); Lorenzo Gradín & Marcenaro (2010: 110-111); Littera (2016: II, 480).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 106); Carter (2007 [1941]: 78); Marques Braga (1945: 246-248); Machado & Machado (1950: II, 14-15); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 236).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 89-90); Torres (1977: 400-401); Arias Freixedo (2003: 834-835).

Variantes manuscritas


1 mundo outro] mūdoutro B; querria] queria B   2 me] mj B   6 outre por min] outrem pormj B   7 como seeria] como seria A : mais como seeria B   8 est’ouvess’] esto ouuesse B; averia] auueria A   9 de] do B; querri’aver] q̄ria auer B   11 atender ja aquel] attenderia aq̄l A : atendessaq̄l B   12 atend’] atendo B   13 lle] lhi B   14 mal llo] mallo A   15 ei que m’estrãiaria] e q̄mestranharia B   16 nunc’] nō B   17 ll’ar] lhi B; veer] ver A   18 me] mj B   19 querria] queria B   20 soubesse ela] soubessela B   21 sabia] ele sabia B   22 e santa] ea sc̄a B   23 que lle fezeron muito ben aver] q̄lhi souberō tanto ben fazer B   25 ainda] amda   26 m’estraiar] me straħar B   28 nulla] nulla B   29 me] mj B   30 quer’, e enton] q̄rentō B

Variantes editoriais


1 mundo] mund(o) Michaëlis : mund’ Littera   7 [sen] o entender como seria Michaëlis : o entender; ¿mais como seria? Lorenzo Gradín & Marcenaro, Littera   8 ouvess’] ouvess(e) Michaëlis   11 atender ja aquel] attendess’aquel Michaëlis : atendess’aquel Lorenzo Gradín & Marcenaro : atender aquel Littera   12 ond’ei] ond ei Michaëlis   14 mal llo] mal-lo Lorenzo Gradín & Marcenaro   15 estrãiaria] estranharia Michaëlis, Littera   18 m’er ia] m’iria Michaëlis, Lorenzo Gradín & Marcenaro, Littera   20 soubesse] soubess(e) Michaëlis : soubess’ Littera; min] mi Michaëlis, Littera   22 Santa] sancta Michaëlis   26 estraiar] estranhar Michaëlis, Littera : estrãiar Lorenzo Gradín & Marcenaro   29 me] mi Michaëlis

Paráfrase


(I) Deste mundo outro ben non querería –por cantas coitas me Deus fai sufrir– máis que eu saber ben que a miña señora de gran fermosura comprendía como hoxe eu morro, e non ter que llo dicir eu nin outro por min, mais que ela de seu entendese como sería.

(II) E se eu conseguise isto, conseguiría o maior ben que eu querería ter: que ela o saiba sen llo dicir eu, e xa non esperar aquel día que eu espero, de que teño gran pavor de lle dicir «por vós morro, señora», porque sei que llo diría para o meu mal, (III) porque tal señora teño que me reprendería tanto que nunca tería poder de lle falar outra vez nin sequera de a ver, e vaime mal, mais peor me iría así; e por isto querería eu que así o soubese ela, mais non por min, e que eu soubese ben que o sabía.

(IV) E rógolle a Deus e a Santa María, que lle fixeron ter moito ben, que así ben llo fagan entender; e con todo isto aínda eu estaría con gran pavor de me censurar por iso, e, por Deus, tamén lle xuraría moito que ningunha culpa tiña (eu), (1) así Deus me perdoe, de que me entendese (que a amo), nin do moito que eu a amo, e entón xustamente non se queixaría.

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas de sete versos, sendo o primeiro, o cuarto e o sétimo eneasílabos graves, e os catro restantes decasílabos agudos. As cobras son unissonans, agás a rima c (versos 5-6 de cada estrofa) que é singulars. A fiinda está composta por tres versos, os dous primeiros decasílabos agudos e o último eneasílabo grave, que retoma a rima a das cobras anteriores. 

Esquema métrico: 4 x 9’a 10b 10b 9’a 10c 10c 9’a + 10d 10d 9’a (= RM 161:225)

Sinalefas e hiatos: 1 mundooutro; 5 comooj(e); 7 se·e·ri·a; 11 jaaquel; 20 soubesseela

Notas


Texto
  • 3-4

    Obsérvese a reiteración da conxunción completiva que tras o suxeito (véxase nota a 53.17-18):

    Deste mundo outro ben non querria
    (...)
    que mia sennor do mui bon parecer
    que soubess’eu ben que entendia
    como oj’eu moir’, ...

  • 7

    Aínda que en A non son frecuentes as formas conxugadas arrizotónicas de seer ou veer con hiato etimolóxico conservado (cfr. veerei en 266.17, 438.19, trisilábico), a variante seeria de B resolve a medida (e o sentido) do verso: presenza do elemento mais de B1 dificulta a interpretación e pode deberse a unha repetición da mesma partícula presente no verso anterior (véxase unha intromisión similar do mesmo elemento mais nos manuscritos italianos na cantiga 1263.22), mentres que a omisión de <e> en seeria que mostra A constituiría un simple lapso de copia.
    Precisamente son as dificultades métricas e interpretativas xeradas polo elemento espurio de B o que explica as tentativas de solución editorial para este verso: a adición de sen en Michaëlis ([sen] o entender como seria) tenta resolver o problema métrico, e a puntuación de Lorenzo Gradín & Marcenaro e Littera, que manteñen a lección de B, explícase pola procura dun maior sentido ao verso (...; mais ¿como seria?).

  • 8-14

    A inusual opción editorial no v. 11 pola lección de B en lugar da segmentación de <attenderia> como atender ja en A, verbo paralelo a saber (v. 10), condicionou a puntuación desta estrofa en Michaëlis e mais en Lorenzo Gradín & Marcenaro, para alén da (relativa) anomalía (vid. nota a 237.3) de o subxuntivo atendesse funcionar como verbo principal. Por outra parte, idéntica segmentación de ja pode verse en 857.20, onde a lección <iria> ten de ser editada como ir ja.

  • 14

    A lección <mallo> de A ben pode ser un lapso de copia por contigüidade (<mal llo>) máis do que unha asimilación (aínda que posíbel, non documentada no corpus profano), razón que nos aconsella aternos á segura lección de B.

  • 15

    Os resultados estrãiar (tamén en 358.21) e estraiar, tamén no v. 26 (véxanse 857.18 e 996.9), con desnasalización, a partir de extraneāre, con caída de -n- intervocálico en vez da habitual palatalización do grupo [nj], son minoritarios mais conviven coa solución xeral estranhar. Vid. nota a 103.1.

  • 18

    A segmentación da unánime lección <meria> como m’er ia evita calquera emenda ou intromisión textual2 , tal como todos os precedentes editores interpretaron (m’iria, me [i]ria): aínda que, no tocante á distribución das variantes ar ~ er, en xeral a primeira é propia do Cancioneiro da Ajuda e a segunda predomina nos apógrafos italianos, na cantiga 310, de Joan Lopez d’Ulhoa acontece ao contrario: er A vs. ar B. Vid. nota a 134.15.

  • 21

    Nótese novamente (véxase nota ao v. 7) a presenza espuria de ele en B, que provocaría un verso hipermétrico, como acontece nalgunhas outras pasaxes do corpus; do punto de vista métrico só será aceptábel en B a forma el, de modo que con sinalefa o verso ficaría decasilábico: e soubess’eu ben que oel sabia. O carácter espurio da forma máis antiga ele, fronte a el, é obvio en casos en que se trata de refrán, onde non cabe dúbida sobre a incorrección de tal forma (vid. 1133.r1, que na estrofa I presenta o necesario el, fronte ao incorrecto <ele> de BV na estrofa II; algo similar acontece en 1641.r2, coa forma correcta el en todas as estrofas agás na primeira, tamén con <ele> en BV). Estes casos xustifican as necesarias emendas derivadas da métrica noutras pasaxes en que ele provoca versos hipermétricos (491.6, 667.14, 754.7, 1119.25 etc.).

  • 28

    A utilización da grafía <ll> (vs. <lh>) de B para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.

  1. ^

    Véxase unha intromisión similar do mesmo elemento mais nos manuscritos italianos (<Mays> B, <Mais> V) na cantiga 1263.22.

  2. ^

    É diferente o caso de 215.9, onde non existe unanimidade nas leccións <miria> A, correcta, fronte ao erro <meria> en B.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado