256 [= Tav 152,17]
Se vos eu ousasse, sennor

Se vos eu ousasse, sennor,
no mal, que por vós ei, falar
des que vos vi, a meu coidar,
pois fossedes én sabedor,
doer-vos-iades de mí.
E, porque nunca estes meus
ollos fazen senon chorar,
u vos non veen, con pesar,
se o soubessedes, por Deus,
doer-vos-iades de mí.
Com’é quite meu coraçon
senon en vós d’en al cuidar,
se vo-l’eu ousasse mostrar,
por mesur’e por al non,
doer-vos-iades de min.
Mais non vos faç’eu saber
de quanto mal me faz Amor
por vós, ca m’ei de vós pavor,
ca, se vo-l’ousasse dizer,
doer-vos-iades de mí.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


A 148, B 271

A terceira estrofa só foi copiada en B.

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 297-298); Piccat (1995: 167-168 [= LPGP 963]), Littera (2016: II, 503-504).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 114); Carter (2007 [1941]: 89); Machado & Machado (1950: II, 55); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 256).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 48); Nunes (1959: 234-235); Torres (1977: 292); Jensen (1992: 370).

Variantes manuscritas


1 vos] uus A : uos B   2 ei, falar] ei afalar B   3 coidar] cuydar B   5 vos] uus A   6 E] om. B; estes] esta B   8 vos] uus A   10 vos] uus A; mí] mī B   11 Com’é quite] Come quāto B   12 en] eu B   15 vos] uus A : uos B; mí] mī B   16 vos] uus A; eu saber] en sabedor B   17 me] mi B   20 doer] oer A; vos] uus A : uos B; mí] mj̄ B

Variantes editoriais


En Michaëlis a terceira estrofa, ausente de A, aparece en nota a rodapé. 

1 vos] vus Michaëlis, Piccat   3 vos] vus Michaëlis, Piccat; coidar] cuidar Littera   5 vos] vus Michaëlis, Piccat    8 vos] vus Michaëlis, Piccat   10 vos] vus Michaëlis, Piccat   11 Com’é quite] Com’e quanto] Michaëlis, Piccat, Littera   12 cuidar] coidar Piccat, Littera   15 vos ... min] vus ... mi Piccat : vos ... mi Littera   16 vos] vus Michaëlis, Piccat; faç’eu] faç[o] Michaëlis : faç’eu [rem] Littera   20 vos] vus Michaëlis, Piccat

Paráfrase


(I) Se eu me atrevese, señora, a falar do mal que sufro por vós desde o momento en que vos vin, segundo creo, despois que souberades iso, habiádesvos doer de min.

(II) E, porque estes ollos meus nunca fan máis que chorar con pesar cando non vos ven, se o soubésedes, por Deus, habiádesvos doer de min.

(III) Como o meu corazón está moi lonxe de pensar noutra cousa senón en vós, se eu me atrevese a mostrárvolo, por mesura e non por outra cousa habiádesvos doer de min.

(IV) Mais eu non vos fago saber canto mal me fai Amor por vós, pois teño de vós pavor, porque, se me atrevese a dicírvolo, habiádesvos doer de min.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8C (= Tav 155:23)

Encontros vocálicos: 16 Ma·is

Notas


Texto
  • 2

    A frecuencia da perífrase aver + a + infinitivo e a contigüidade destas dúas formas verbais puido condicionar a inclusión de a na copia en B (coa conseguinte hipermetría)1 , aínda que a preposición ligase ousasse (v. 1) con falar. Véxase nota a 95.16.

  • 11

    A lección de B (lémbrese que esta estrofa non foi transmitida en A) é claramente errada, pois non fai sentido nin é gramatical (*Com’e quanto meu coraçon / senon en vós d’en al cuidar, / se vo-l’eu ousasse mostrar...). É por isto que a emenda (presente en Rios Milhám) de quanto para quite semella a mellor opción, paleograficamente explicábel sen dificultade, por máis que Piccat respecte o texto do manuscrito e reinterprete o texto na paráfrase para evitar a incoherencia sintáctico-semántica (‘Come e quanto il mio cuore, se non per voi, nessun’altra cosa s’affligge...’).

  • 15

    Nótese a variación do refrán nesta estrofa III (min vs mi), só transmitida por B, provocada polo feito de B presentar a variante pronominal min no refrán das estrofas II-IV (fronte a na estrofa I, coincidente neste caso con A).

  • 16

    Aínda que Nobiling (2007 [1907]: 196) propón a emenda non vos faç’eu [ren] saber para resolver a aparente hipometría (cfr. faç[o] eu en Michaëlis), a contaxe bisilábica de mais evita calquera intromisión textual (véxase Ferreiro 2016c). Véxase nota a 12.8.

  1. ^

    Significativamente, en A foi anulado un carácter que, con certeza, correspondería a esa preposición.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado