I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 346 [= LPGP 542]); Correia (2001: 429); Littera (2016: I, 605).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 119); Carter (2007 [1941]: 104); Marques Braga (1945: 324-325); Machado & Machado (1950: II, 75-76); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 281).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 72); Nunes (1959: 239); Spina (1972: 304); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 158); Diogo (1998: 133); Mongelli (2009: 25).
2 mi ouv’a ir] mouuha hir B 4 morri] moiri B 5 morrer] moirer B 6 mẽor coita me] meor coyta mj B 7 U ll’eu] ll (e) eu A 8 catou-me un pouc’e teve-mi] catou me un pou(co τ){que} teuemi(o) A : Catou mū pouco e teuemho B 9 e] {τ} A : om. B; me non disso] mj non disse B 10 coitado e] coyta de B 13 me dela] meu dela B 14 fui e non me] foy enōmj mj B 15 morri] moiri B 16 morrerei] moirerey B
9 disso] disse Littera 10 coitado e] coitad(o), e Michaëlis : coitad’e Correia, Littera
(I) O outro día, cando me eu despedín da miña señora e cando me tiven que ir, e non me falou nin me quixo ouvir, tiven tan má fortuna que non morrín, porque, se mil veces puidese morrer, menor coita tería de sufrir.
(II) Cando eu lle dixen «coa vosa venia, miña señora», fitoume un pouco e desdeñoume; e porque non me dixo mal nin ben, fiquei coitado e con tan gran pavor que, se mil veces puidese morrer, menor coita tería de sufrir.
(III) E moi ben sei, cando me separei dela e me fun de alí e non me quixo falar, que, pois alí non morrín de pesar, nunca xamais morrerei de pesar, porque, se mil veces puidese morrer, menor coita tería de sufrir.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:141)
Encontros vocálicos: 2 mi‿ouv(e); 8 me‿un, -mi‿en; 10 coitado‿e
A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa). Porén, repárese na variación no v. 14, onde B presenta, fronte a A, de novo a forma foi como P1).
A variante dixi en A contrasta vivamente coa forma xeral dixe no Cancioneiro da Ajuda (véxase nota a 270.15-16).
A fórmula con (vossa) graça, xunto con con graça (de vós) (47.1 e 809.22 e 32) serve para pedir licenza ao interlocutor –ás veces asociándose ao acto de despedida da senhor–, igual que nas Cantigas de Santa Maria (cfr. nota a 47.1):
e, com’ era costumada,
na ygreja se meteu
e à omagen correu
por se dela espedir.
E ficando os ge͂ollos,
disse: «Con graça, Sennor» (CSM 59.62).
En A semella que o pronome me foi primeiramente escrito como <mr> e despois corrixido para <me>. De calquera maneira, fose cancelado (dificilmente, pois as anulacións neste verso aparecen con subpunteamentos) ou non, me fai sinalefa co un seguinte (cfr., por exemplo, o heptasílabo e disse-me un seu mininho, 1450.11).
A maioritaria concorrencia disso A / disse B mostra como na lingua trobadoresca, na P3 dos pretéritos fortes xa aparece, en convivencia coas maioritarias formas etimolóxicas, a desinencia analóxica -o (Ferreiro 1999: §§203a, 203b), acrecentada en formas verbais coa desinencia ø (fez → fezo, pôs → poso, quis → quiso) ou substituíndo a desinencia -e (disse → disso ~ dixo, ouve → ouvo, pôde → podo). Véxase nota a 53.16.