35 [= Tav 47,21]
Par Deus, senhor, mui mal me per-matou

Par Deus, senhor, mui mal me per-matou,
quando vos eu primeiramente vi,
o que vos agora guarda de mí,
porque vos enton de mí non guardou
que vos non viss’e pois ora non quer
que vos veja quando m’é máis mester,
mia senhor fremosa, de vos veer.
Assi me podera de mal quitar
se El ouvera de meu be[n] sabor:
non me vos ir enton mostrar, senhor,
e, pois me vos mostrou, non vos guardar;
mais foi-me-vos El amostrar enton
e guarda-me-vos ora quando non
me sei, sen vós, conselh’, ergo morrer.
Sen vós, senhor, non me sei eu per ren
conselh’aver e convosco non ei
poder de falar, mia senhor; e sei
que me vos non amostrou por meu ben
o que me vos mostrou, mais por meu mal,
ca non poss’eu sabor aver en al,
erg’en cuidar no vosso parecer.
E, mia senhor, se eu ja máis en qual
coita vivo viver e me non val
morte, máis me valvera non nacer!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 61

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 686-687 [= LPGP 323]); Littera (2016: I, 355-356).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 20); Machado & Machado (1949: I, 80-81); Rios Milhám (2017: I, 35).

Variantes manuscritas


12 amostrar] anostrar B   19 o que me vos mostrou] oq̄ menꝯ mostrou B   23  vivo] uyno B

 

Variantes editoriais


2 vos] vus Michaëlis   3 vos] vus Michaëlis   4 vos] vus Michaëlis   5 vos non viss’e] vus non visse Michaëlis : vos nom visse? Littera   6 vos] vus Michaëlis   7 vos] vus Michaëlis   10 vos] vus Michaëlis   11 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis   12 vos] vus Michaëlis; amostrar] a mostrar Michaëlis   13 vos] vus Michaëlis   18 vos] vus Michaëlis   19 vos] vus Michaëlis

Paráfrase


(I) Por Deus, señora, cruelmente me matou, cando vos eu vin por primeira vez, o que vos agora oculta de min, porque daquela non vos ocultou para que eu vos non vise e porque agora non quere que vos eu vexa, cando máis necesito, miña fermosa señora, vervos.  

(II) Así me podería librar de mal se El procurase o meu ben: non me vos ir daquela mostrar, señora, e, despois de me vos mostrar, non vos ocultar; mais fóimevos El mostrar entón e ocúltavos de min agora cando, sen vós, non encontro ningún remedio, agás morrer. 

(III) Sen vós, señora, non sei encontrar remedio e non podo falar convosco, miña señora; e sei que non me vos mostrou para o meu ben o que me mostrou, mais para o meu mal, porque eu non podo sentir pracer de ningunha outra cousa agás en pensar na vosa bela aparencia. 

(1) E, miña señora, se eu xa por sempre vivo na coita en que vivo e a morte non me socorre, máis me valera non nacer!
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10d + 10c 10c 10d (= Tav 167:2)

Notas


Texto
  • 5

    Fronte á opción de Michaëlis (e Littera, que converte a frase en interrogativa), consideramos que a lección <uisse> aglutina o verbo (viss’) e a copulativa, pois a conxunción causal pois depende de guardou (v. 4) e a presenza do enlace e resolve problema interpretativo ao pór nun mesmo plano as dúas conxuncións causais porque (v. 4) e pois (v. 5).

  • 12

    Á marxe de corrixir o pequeno erro da lección manuscrita, non se debe segmentar amostrar en a mostrar, considerando a existencia dunha preposición e nivelando, así, as formas de mostrar, xa que na cantiga conviven as dúas variantes deste verbo (mostrar, vv. 10, 11, 19; amostrar, vv. 12, 18), como acontece con moitas outras voces (guardar ~ aguardar, devinhar ~ adevinhar, viltar ~ aviltar, conselhar ~ aconselhar, guisar ~ aguisar, levantar ~ alevantar, parar ~ aparar, prazer ~ aprazer, salvar ~ assalvar, volver ~ avolver); por outra parte, a presenza da preposición implicaría o seu uso na perífrase ir + infinitivo, que, de regra, non a presenta.

  • 24

    Ao contrario das Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. valer), onde predominan as formas etimolóxicas nos tempos de pretérito de valer coa raíz valv- (véxase Ferreiro 1999: §221d; Mariño Paz 2000: 699-703), na poesía profana xa son minoritarias as formas máis antigas, pois só se rexistran en 117.12, 127.19, 196.16, 271.3, 559.2, 1373.6 e 1532.20.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado