415 [= RM 114,6 (= 157,11)]
De quantas cousas eno mundo son

De quantas cousas eno mundo son,
non vejo eu ben qual pod’én semellar
al rei de Castela e de Leon
se[non] ũa qual vos direi: o mar.
O mar semella muit’aqueste rei,
e d’aqui en deante vos direi
en quaes cousas, segundo razon.
O mar dá muit’, e creede que non
se pod’o mundo sen el governar,
e pode muit’e á tal coraçon
que o non pode ren apoderar;
des i ar é temudo que non sei
quen o non tema; e contar-vos-ei
ainda máis, e judga[de]-m’enton.
[E]no mar cabe quant’i quer caber,
e manten muitos, e outros i á
que x’ar quebranta e que faz morrer
enxerdados, e outros a que dá
grandes erdades e muit’outro ben;
e tod’esto que vos cunto aven
al rei se o souberdes connocer.
Da mansedume vos quero dizer
do mar: non á cont’, e nunca sera
bravo nen sannudo se llo fazer
outro non fezer, e sofrer-vos-á
toda-las cousas; mais, se en desden
o per ventura algun louco ten,
con gran tormenta o fara morrer.
E [e]stas mannas, segundo meu sén,
que o mar á, á el-rei; e por én
se semellan, quen o ben entender.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 256

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 500-501); Cunha (1999 [1945]: 140-142); Monteagudo (1984: 367-368 [= LPGP 713-714]); Lopes (2002: 332); Carter (2007 [1941]: 150-151), Littera (2016: II, 224-225).
II. Outras edicións: Michaëlis (2004 [1896-1905]: 341-342); Cotarelo Valledor (1934: 222-223); Carter (2007 [1941]: 150-151); Machado & Machado (1960: VII, 47-48); Arbor A Aldea (2016b); Rios Milhám (2018b: III, 415).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 9); Seoane (1941: 104-105); Nemésio (1961 [1949]: 128-129); Piccolo (1951: 174-175); Nunes (1959: 412-413); Oliveira & Machado (1959: 145-146); Fonseca (1971: 39-40); Álvarez Blázquez (1975: 178-179); Torres (1977: 163-164); Dobarro Paz et alii (1987: 109); Alvar & Beltrán (1989: 229-230); Jensen (1992: 262); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 251-252); Arias Freixedo (2003: 669-670); Alvar & Talens (2009: 512-514); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 103-105).

Variantes manuscritas


1 quantas] quantos A   3 Castela] castella A   4 vos direi] uos (eu) direi A   6 vos] uos A   10 á] {a}   12 é] {e} A   13 -vos-] uos A   20 vos cunto] uos cuncto A   22 Da] [E] da A; vos] uos   25 -vos-] uos A   27 o] ou A

Variantes editoriais


1 eno] ẽ-no Cunha   2 vejo] vej(o) Michaëlis : vej’ Cunha, Lopes; pod’én] poden Michaëlis   4 vos] vus Michaëlis   6 vos] vos Michaëlis   13 quen o] que’-no Michaëlis : quẽ-no Cunha; vos] vus Michaëlis   14 judga[de]] julga[de] Lopes, Littera   15 [E]no] Eno Michaëlis : [Ẽ]-no Cunha : E no Monteagudo : En’o Lopes   18 a] á Michaëlis, Cunha   20 vos] vus Michaëlis; cunto] conto Michaëlis, Cunha, Lopes, Littera : cuncto Monteagudo   22 Da] (E) da Michaëlis : E da Monteagudo, Lopes, Littera; vos] vos Michaëlis   25 vos] vus Michaëlis   26 se] s’é Michaëlis   27 o] ou Michaëlis, Cunha, Monteagudo, Lopes; louco] louc’o Cunha, Lopes   29 E [e]stas] Estas Michaëlis, Monteagudo, Lopes; segundo] segundo [é] Michaëlis : segund’o Cunha, Monteagudo   31 quen o] que’-no Michaëlis : quẽ-no Cunha

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10a + 10c 10c 10a (= RM 100:11)

Encontros vocálicos: 2 vejoeu

Notas


Texto
  • *

    Nesta cantiga compárase o mar co «rei de Castela e de Leon» razoando as características que comparten, como o poder inmenso e a largueza ou xenerosidade, mais tamén a crueza con que castigan a quen actúa con desdén e con falta de razón. Esta descrición que mestura cualidades positivas e negativas é a causa de que historicamente a crítica flutúe entre atribuír ao texto un carácter laudatorio ou, pola contra, satírico contra a figura do rei.
    Por outro lado, tamén a crítica especializada se polariza en dous sentidos á hora de identificar o rei que é obxecto da comparación co mar: para uns trátase de Afonso X, mentres que para outros será o seu fillo Sancho IV. Sobre esta cuestión véxase Correia (2017). Segundo António Resende de Oliveira, a composición pode datarse no período 1282-1286, en que Charinho foi Almirante do Mar (Oliveira 1999: 129-130). Talvez foi escrita, pois, por volta de 1287. tras a deposición de Charinho no cargo.

  • 1

    O íncipit desta cantiga é un verso repetido literalmente ao longo do corpus: 23.5 (Rui Gomez, o Freire), 66.11 (Vaasco Fernandez Praga de Sandin), 856.4 (Joan Meendiz de Briteiros).

  • 4

    O sentido esixe a emenda de se en senon, necesaria, por outra parte, para a medida decasilábica do verso.

  • 11

    Nótese o uso transitivo de apoderar ‘dominar’, frecuente na lingua medieval.

  • 14

    Os resultados esperábeis de iudicāre son joigar e juigar, con caída de -d- intervocálico, que se encontran nas Cantigas de Santa Maria en distribución equilibrada con julgar (véxanse CSM 1.61, 11.49, 26.5, 50.8, 75.14, 235.2). Na prosa, achamos múltiplas ocorrencias en diversos documentos e textos no CGPA (s.v. juygar, juigar, iuigar etc.).
    Aínda haberá que acrecentar o participio desjuigado, do derivado desjuigar, que se localiza en Pero Garcia Burgales:

    Mais, amigos, mal dia fui por mí,
    pois me por ela tan gran cuita ven
    que ben mil vezes no dia me ten,
    meus amigos, desjuigad’assi
    que niun sén nen sentido non ei,
    e quand’acordo, amigos, non sei
    niun consello pois aver de mí (178.11).

    Para alén destes resultados, julgar é a forma maioritaria na Idade Media, de modo que judgar deberá ser interpretado como o paso anterior á evolución d > l en posición implosiva (Ferreiro 1999: §102.1), moi pouco representado nos textos medievais. Na realidade, a teor dos datos subministrados polo CGPA, só aparece moi limitadamente en textos xerados no territorio galego, e en especial naqueles que mostran influencia do castelán. Eis, de calquera xeito, algúns exemplos de diferentes períodos (cfr. CGPA, s.v.): 

    E pedian a nos de dereito que nos que judgasemos por sentença que todos los erdamentos e casas e chantados e firmaes e dereyturas que o dito moesteyro de Uillar de Donas auia (doc. 1321); 

    pasada en cousa judgada, sen remedio de apelaçon et nulidade et agravio et suplicaçon et restituçon in integrum (doc. 1435, Mondoñedo); 

    Sabeam quantos esta carta de sentença viren coma ante min Ruy Mouro clerigo de San Martiño de Bueu juiz en a audiencia do ajudgado de Salnes por lo onrrado varon don Afonso de Fonsequa perpetum administrador do dito ajudgado en a eglesia de Santiago (1439, Pontevedra); 

    et seendo a judgar os pleitos da vespera do dito dia ho honrrado don Lopo Lopes de Aguiar arçediano de Azumara (doc. de 1459).

  • 18

    O participio enxerdados representa a evolución enx- do prefixo latino ex- + vogal (Ferreiro 1999: §§25d.2, 95b, 143a), que convive coas outras dúas solucións que se atestan na lingua medieval: eix- (cfr. eixerdados en 888.37) e ex-, con absorción do iode (cfr. exerdado en 1390.21). En calquera caso, o resultado patrimonial de exhereditāre desapareceu na lingua moderna, substituído pola formación desherdar, a partir da forma romance herdar, que comeza a aparecer nos inicios do século XIV (véxase TMILG, s.v.).
    Por outra banda, obsérvese que Michaëlis e Cunha interpretaron, erroneamente ao noso ver, a preposición a como unha forma verbal á que non encaixa no período sintáctico.

  • 20

    A forma <cuncto> de A podería constituír un pseudolatinismo gráfico similar a <et> e (véxase nota a 82.7), <absconde> B asconde (véxase nota a 63.2) ou <cum> con (véxase nota a 91.1), entre outros. Con todo, existen indicios diversos  que indican a real existencia de cuntar como variante de contar: a aparición de formas flexionadas do verbo contar con /u/ pretónico xa desde a Idade Media (véxase cuntando en 1630.14, para alén das formas atestadas no CGPA, s.v. cunta, cuntado, cuntando etc.); a constancia do resultado cunta para o substantivo tanto no corpus das cantigas (véxase 1679.7) como, tamén no período moderno, testemuñado polo cantar popular recollido por Saco Arce e presentado por Pensado (cfr. González González 2006: 226):

    Vintecinco servilletas, 
    Seis reás en cada punta, 
    Nena, se me queres algo 
    Baixa abaixo, bota a cunta.

    Isto suxire que cunto (cfr. tamén cunta en 1679.7) é forma real, reforzada aínda pola documentación, en período trobadoresco, de diversos cunta ~ cunto en textos notariais (véxase TMILG, s.v.):

    A tal conuen que tu metas logu outro tanto gado como nos y damos e que sea entre nos e por cunta (doc 1274); 

    Feyto o prazo en era de mil e CCCos e XI anos e o cunto, V dias ante kal. iulias, reyna rey dom Alfonso en Leon e en Castela (doc. 1275); 

    et que achasse por cunta uerdadeyra que ende deuya (doc. 1310); 

    conffesso et outorgo que fiz cunta conuosco Loppo Pelaz, justiça de Santiago, meu padre, de todos los bẽẽs (doc. 1350); 

    Et de todo conffesso et outorgo que destes a min et ao dito meu marido boa cunta, leal et ualedeyra per graando et por muydo con pago (doc. 1350); 

    Et de todos los bẽẽs, assy moueles conmo rayz que achamos per cunta çerta que me deuyades por la liidima da dita mina madre ata este presente dia (doc. 1350). 

  • 22

    Os editores inclúen a copulativa inicial de verso (anulada en Michaëlis), conforme a copia manuscrita do Cancioneiro da Ajuda, sen advertir do carácter hipermétrico do verso. É precisamente o erro de medida o que alerta sobre a posibilidade de estarmos perante un erro de copia, de modo que se produciu unha confusión coa copulativa inicial da fiinda, que tamén está ausente (xunto coa vogal e- inicial de estas), cun lapso similar ao producido, tamén en Ajuda, nos vv. 19-20 da cantiga 67. De acordo con esta apreciación, é necesario recolocar a conxunción do v. 22 para o v. 29.

  • 26-27

    Estes dous versos foron editados de formas diferentes ao longo do tempo, xa que Michaëlis considera unha anómala crase na condicional se, ao tempo que mantén o texto no v. 27:

    tódalas cousas, mais s’ é en desdén
    ou per ventura algún louco ten
    con gran tormenta o fará morrer.

    Mais Celso Ferreira da Cunha (1982: 66-67), en liña con Nobiling (2007 [1907b]: 179), rexeita a «errônea» crase de se optando pola lectura é’n: (mais se é ‘n desdén / ou per ventura ...). Porén, «resulta obvio o problema semántico levantado por tal escolla, cuestión resolvida a través da «luminosa corrección» de Nobiling, como a cualifica Lapa (1954: 86): por medio dunha mudanza ou > o, isto é, convertendo a aparente conxunción ou no necesario pronome persoal o1 , fica un texto sen crase de se e perfecta adecuación sintáctico-semántica. Certamente, a proposta de Nobiling é coherente se temos presentes os numerosos erros <ou>/<o> que se detectan ao longo dos cancioneiros: prove <prouue> B (204.13), por <pour> V (927.17) trobar <troubar> V (1434.22), cobrades <coubrades> B (1478.6), osa <ousa> V (1489.48), fodeu <foudeu> B (1534.5), doze <douze> B (1554.21), sacodiu <sacoudiu> B (1577.9) etc.» (Ferreiro 2013b: 465-466).

  • 29

    Sobre a ausencia da copulativa inicial na fiinda, véxase nota ao v. 22.

    No relativo ao sintagma segundo meu sén (frecuente no corpus: 487.2, 943.4, 944.8, 1063.8, 1110.7, 1172.5, 1183.2, 1583.3) é desnecesaria a segmentación do artigo, tal como acontece no sintagma paralelo segundo razon (v. 7). Para fórmulas similares véxase nota a 65.3, 228.8, 230.10.

  • 31

    Na frase final, máis do que unha concordancia ad sensum, podemos considerar o pronome quen como un calco semántico do uso latino (arcaico e tardío) de qui co valor de si quis ‘se un, se algún’, uso presente en todas as linguas románicas antigas (Larson 2018: 62). De calquera xeito, tamén se rexistra algún caso máis na lírica profana galego-portuguesa, como en Estevan da Guarda:

    e, Martin Gil, quen no vir,
    parece mui lai, de feito (1333.13-14).

  1. ^

    Aparecendo, deste modo, unha interpolación pronominal, tan frecuente no período medieval e na lingua trobadoresca.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado