I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 90-91); Piccat (1995: 246-247); Cohen (2003: 151); Littera (2016: II, 509-510).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 101); Braga (1878: 51-52); Machado & Machado (1952: III, 336-337).
1 Quando] Qn̄do B 6 ven] nen V 10 mig’, e] mi que V 19 diga] dica V; gran] g̃ra B 20 m’errou] moireu B : morreu V 22 ende] eu de V
20 m’errou] morreu Nunes, Piccat, Cohen, Littera 22 ende] én de Piccat 23 lhi Deus] Deus lhi Nunes, Piccat, Cohen
(I) Cando o outro día se foi de aquí o meu amigo, eu rogueille por Deus, chorando moito os meus ollos, que non tardase, e el díxome así: que nunca Deus lle dese ben de min se el non viñese moi cedo, e non vén.
(II) Cando se foi o outro día, que non o puiden evitar, díxenlle eu que se quixese tardar moito, que nunca podería falar comigo, e el díxome entón que nunca Deus lle dese ben de min se el non viñese moi cedo, e non vén.
(III) Non sei cal é ou cal pode ser a causa pola que non vén, despois de llo eu rogar, pois el díxome como vos direi e (nas súas palabras) non dixo nada de non poder: que nunca Deus lle dese ben de min se el non viñese moi cedo, e non vén.
(IV) Non sei que dicir, tal é o meu desagrado, de como me fallou o meu amigo, pois el díxome cando se foi do meu lado –e non puxo como excepción a morte nin ningunha outra cousa– que nunca Deus lle dese ben de min se el non viñese moi cedo, e non vén.
Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:233)
Esta cantiga é atribuída a Vaasco Gil no Cancioneiro da Biblioteca Nacional, probababelmente por erro de Colocci, que anota a cifra 665 en correspondencia con este texto e que a repite acompañando tamén a cantiga seguinte, escribindo a rúbrica atributiva a Avoin á beira desta última. Así, o poema que nos ocupa pasaría a ser o último da secuencia de Vaasco Gil, contrariando a atribución de V. Quizais, o erro de Colocci radique nesa dúplice numeración 665 para dúas composicións: o humanista confundiría o primero texto 665, ao que debía colocarlle a rúbrica, co sucesivo, desprazándoa ao segundo 665, cando no antecedente debía ser o actual primeiro 665 o que iniciaba a serie de Avoin. A colocación da razo en B estaría, así, fóra do lugar que lle correspondería, sendo correcta a atribución de V: o texto debe, pois, integrarse no cancioneiro do poderoso señor portugués e ser retirado do cancioneiro de Vaasco Gil (cfr. Marcenaro 2015b: 92).
A P3 do presente de indicativo de seer (é ~ éste) aparece reforzada con xe con moita frecuencia ao longo do corpus.
Face á rutineira manutención da errada lección de BV (tal como o esquema rimático indica) que mostran todas as edicións precedentes, posteriormente Cohen (2012b: 13-23) estabeleceu a lectura correcta, co verbo errar1 . En calquera caso, o erro dos manuscritos é comparábel ao que se detecta en 800.4, onde as leccións <meirastes> B, <merrastes> V deben ser emendadas para morastes.
Nótese a variación sintáctica na terceira ocorrencia do refrán, con mudanza na colocación do clítico, cunha inversión na orde de palabras similar á que se detecta, por exemplo, na terceira ocorrencia do refrán nunha cantiga de Don Denis (véxase nota a 592.4-6).
En calquera caso, xa Montero Santalla (2000: I, 441) detectara o erro, embora o estudoso das rimas propuxera, neste caso, morou.