680 [= Tav 75,18 (= 152,9)]
Quando se foi noutro dia d’aqui

Quando se foi noutro dia d’aqui
o meu amigo, roguei-lh’eu por Deus,
chorando muito destes olhos meus,
que non tardass’, e disse-m’el assi:
que nunca Deus lhi desse de mí ben
se non veesse mui ced’, e non ven.
Quando se foi noutro dia, que non
pud’al fazer, dixi-lh’eu, se tardar
quisesse muito, que nunca falar
podia mig’, e disse-m’el enton
que nunca [Deus lhi desse de mí ben
se non veesse mui ced’, e non ven].
Non sei que x’ést’ou que pode seer
porque non ven, pois que lho eu roguei,
ca el mi disse como vos direi
e sol non meteu i de non poder:
que nunca Deus lhi desse [de mí ben
se non veesse mui ced’, e non ven].
Non sei que diga, tanto m’é gran mal,
do meu amigo de como m’errou,
ca mi diss’el u se de mí quitou,
e non sacou ende morte nen al,
que nunca lhi Deus [desse de mí ben
se non veesse mui ced’, e non ven].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 665, V 267

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 90-91); Piccat (1995: 246-247); Cohen (2003: 151); Littera (2016: II, 509-510).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 101); Braga (1878: 51-52); Machado & Machado (1952: III, 336-337).

Variantes manuscritas


1 Quando] Qn̄do B   6 ven] nen V   10 mig’, e] mi que V   19 diga] dica V; gran] g̃ra B   20 m’errou] moireu B : morreu V   22 ende] eu de V

Variantes editoriais


20 m’errou] morreu Nunes, Piccat, Cohen, Littera   22 ende] én de Piccat   23 lhi Deus] Deus lhi Nunes, Piccat, Cohen

Paráfrase


(I) Cando o outro día se foi de aquí o meu amigo, eu rogueille por Deus, chorando moito os meus ollos, que non tardase, e el díxome así: que nunca Deus lle dese ben de min se el non viñese moi cedo, e non vén.

(II) Cando se foi o outro día, que non puiden evitalo, díxenlle eu que se quixese tardar moito, que nunca podería falar comigo, e el díxome entón que nunca Deus lle dese ben de min se el non viñese moi cedo, e non vén.

(III) Non sei cal é ou cal pode ser a causa pola que non vén, despois de llo eu rogar, pois el díxome como vos direi e (nas súas palabras) non dixo nada de non poder: que nunca Deus lle dese ben de min se el non viñese moi cedo, e non vén.

(IV) Non sei que dicir, tal é o meu desagrado, de como me fallou o meu amigo, pois el díxome cando se foi do meu lado –e non puxo como excepción a morte nin ningunha outra cousa– que nunca Deus lle dese ben de min se el non viñese moi cedo, e non vén.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:233)

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga é atribuída a Vaasco Gil no Cancioneiro da Biblioteca Nacional, probababelmente por erro de Colocci, que anota a cifra 665 en correspondencia con este texto e que a repite acompañando tamén a cantiga seguinte, escribindo a rúbrica atributiva a Avoin á beira desta última. Así, o poema que nos ocupa pasaría a ser o último da secuencia de Vaasco Gil, contrariando a atribución de V. Quizais, o erro de Colocci radique nesa dúplice numeración 665 para dúas composicións: o humanista confundiría o primero texto 665, ao que debía colocarlle a rúbrica, co sucesivo, desprazándoa ao segundo 665, cando no antecedente debía ser o actual primeiro 665 o que iniciaba a serie de Avoin. A colocación da razo en B estaría, así, fóra do lugar que lle correspondería, sendo correcta a atribución de V: o texto debe, pois, integrarse no cancioneiro do poderoso señor portugués e ser retirado do cancioneiro de Vaasco Gil (cfr. Marcenaro 2015b: 92).

  • 13

    A P3 do presente de indicativo de seer (é ~ éste) aparece reforzada con xe con moita frecuencia ao longo do corpus.

  • 20

    Face á rutineira manutención da errada lección de BV (tal como o esquema rimático indica) que mostran todas as edicións precedentes, posteriormente Cohen (2012b: 13-23) estabeleceu a lectura correcta, co verbo errar1 . En calquera caso, o erro dos manuscritos é comparábel ao que se detecta en 800.4, onde as leccións <meirastes> B, <merrastes> V deben ser emendadas para morastes.

  • 23

    Nótese a variación sintáctica na terceira ocorrencia do refrán, con mudanza na colocación do clítico, cunha inversión na orde de palabras similar á que se detecta, por exemplo, na terceira ocorrencia do refrán nunha cantiga de Don Denis (véxase nota a 592.4-6).

  1. ^

    En calquera caso, xa Montero Santalla (2000: I, 441) detectara o erro, embora o estudoso das rimas propuxera, neste caso, morou.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado