I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 100-101 [= LPGP 493]); Cohen (2003: 161); Littera (2016: I, 574-575).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 109); Braga (1878: 53-54); Machado & Machado (1952: III, 349-350).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 278); Arias Freixedo (2003: 517-518); Mongelli (2009: 117).
1 mia] ma V 2 quer] quei V 8 á] ia V 15 por] pre V
(I) Aquilo polo que eu sempre roguei a miña nai –poder vervos–, meu amigo, (ela) non o quere; mais pesaralle moito cando souber que eu vos digo isto que vos direi: cada vez que comigo quixerdes falar, falade comigo, e péselle a quen lle pesar.
(II) Péselle a quen queira e mátese por iso, pois xa está decidido o que ha de ser: vereivos se vos ver puider, e poderei, pois, meu lume e meu ben, cada vez que comigo quixerdes falar, falade comigo, e péselle a quen lle pesar.
(III) Pois entendo que quere a miña morte e o meu mal, xa que non quere nada do que a min me prace, e xa que ela por iso o fai, facede isto, e despois farase outra cousa: cada vez que comigo quixerdes falar, falade comigo, e péselle a quen lle pesar.
(IV) Sempre fixen canto puiden por servir a miña nai máis por isto que por outra razón: por vervos, amigo, e non por outra cousa; mais, xa que ela non mo quere consentir, cada vez que comigo quixerdes falar, falade comigo, e péselle a quen lle pesar.
Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:131)
En xeral, a forma ma é produto dun erro de copia, como mostran as varias leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos: 599.13, 678.8, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1. Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.4, 625.1, 636.1, 794.9, 859.3, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470b.6, 1483.r), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 1363.r2 na estrofa II).
Obsérvese a sintaxe do período, entre fragmentaria e elíptica, que conforma unha expresión forzada: ‘Aquilo que sempre roguei a miña nai (vervos, meu amigo), miña nai non concede...’. Neste sentido, Littera propón unha puntuación diverxente, co vocativo meu amigo incluído na paréntese:
O por que sempre mia madre roguei
(que vos visse, meu amigo), non quer.