I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 200-201); Cunha (1999 [1945]: 136-137); Monteagudo (1984: 356 [= LPGP 721]); Cohen (2003: 300); Littera (2016: II, 227-228).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 159); Braga (1878: 80); Cotarelo Valledor (1934: 212-213); Machado & Machado (1953: IV, 154-155).
9-10 que non poderia / tan gran ben mi quer, cuido] om. B 14 ven] nō V
En Littera non é indicada tipograficamente a existencia de refrán.
4 cuid’, ar] cuido Nunes 7 E, pois assi [é], que] E, pois assi [é, eu] Nunes : E, poys (é) assi, que Cunha 11 quer’eu] quer eu Nunes
(I) Cantas veces penso eu no moito que me ama meu amigo e no mal que por min lle vén de moitas maneiras! Mais, cando penso isto, penso tamén outra cousa: se me ama, que aínda máis o amo eu, e, se sofre, que é pola súa señora.
(II) E, pois así é, que razón lle diría para que non sufra mal? Non hai nada que lle poida dicir, e, cando coido que non podería, polo moito que me ama, penso logo entón que, se me ama, aínda máis o amo eu, e, se sofre, que é pola súa señora.
(III) E por todo isto debe sufrir el todo aquel mal que hoxe lle vén por min; aínda que penso que non pode vivir, de tanto que me ama, máis penso logo que, se me ama, aínda máis o amo eu, e, se sofre, que é pola súa señora.
Esquema métrico: 10a 10b 10a 10b 10C 10C (I, III [= RM 99:23]) + 10’a 10b 10’a 10b 10C 10C (II [= RM 99:31])
O abrupto inicio da cantiga con que é frecuente no corpus trobadoresco, sempre seguido de muito ~ mui, que confire un carácter exclamativo (‘Canto...!’) ao inicio da composición (196.1, 199.1, 393.1, 407.1, 574.1, 624.1, 866.1, 942.1, 1023.1, 1040.1, 1173.1, 1397.1), para alén de que se poida tamén considerar que a conxunción inicial introduce un período dependente dun verbo declarativo elíptico nalgunhas cantigas (253.1, 432.1, 737.1).
Nas edicións anteriores á de Cohen, a emenda proposta, e a conseguinte modulación destes dous versos, é diferente. Nunes modifica de forma substancial o texto:
E pois assi [é, eu] razón diria:
porque non sofra mal non á razon, / ...
Eis Cunha (seguido por Monteagudo), sen considerar a probábel sinalefa é‿assi (véxase nota a 754.4):
E, poys (é) assi, que razom diria?
Porque nom sofra mal nom é razom, / ...
Porén, a única corrección que debe facerse consiste en recuperar a forma verbal é, que devolve a medida e o sentido do verso, prolongando a interrogación até o v. 8.
A cláusula tan gran ben me quer é parentética, o mesmo que no v. 16, onde se repite. Enténdase, pois: ‘... que lle diría para que non sufra mal? Non hai nada que lle poida dicir, e, cando coido que non podería amar tanto (tanto el me quere), penso logo entón que, se me quere ben, aínda o quero eu máis, e se lle vén mal é por culpa súa'.
De novo resulta evidente a lacuna de dúas sílabas, recuperábel con cuido a partir das estrofas precedentes, paralelísticas:
Mais, quand’aquesto cuid’, ar cuid’eu al (v. 4)
tan gran ben mi quer, cuido log’enton (v. 10)
tan gran ben mi quer, máis [cuido] log’i (v. 16).
Canto ao adverbio máis, semella a única opción posíbel para que o texto funcione semanticamente: ‘aínda que penso que non pode vivir (tanto me quere!), máis penso logo que, se me quere ben, aínda o quero eu máis...’.