857 [= RM 73,3]
Eia, senhor, aque-vos min aqui!

Eia, senhor, aque-vos min aqui!
Que coita ouvestes, ora, d’enviar
por min? Non foi senon por me matar,
pois todo meu mal teedes por ben;
por én, senhor, máis val d’eu ir d’aquen
ca d’eu ficar sen vosso ben-fazer;
demais, aver esses olhos veer
e desejar o vosso ben, senhor,
de que eu sempre foi desejador,
e meus desejos e meu coraçon
nunca de vós ouveran se mal non;
e, por est’, é milhor de m’ir, par Deus,
u eu non possa poer estes meus
olhos nos vossos, de que tanto mal
me ven, senhor; e gran coita mortal
me vós destes eno coraçon meu;
e, mia senhor, pero que m’é mui greu,
nulh’ome nu[n]ca mi-o [e]straiará.
E, pois m’eu for, mia senhor, que sera,
pois mi assi faz o voss’amor ir ja
como vai cervo lançad’a fugir?
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 861, V 447

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 275-276); Finazzi-Agrò (1979: 86 [= LPGP 479]); Littera (2016: I, 560).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 166); Braga (1878: 84-85); Machado & Machado (1953: IV, 189).
III. Antoloxías: Beltrán (1987: 53); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 106); Arias Freixedo (2003: 900-901).

Variantes manuscritas


1 vos] uos BV   3 min] mi V; senon] senõ V   5 d’aquen] daꝙʷ B   10 coraçon] corazon V   13 u eu] Heu eu B; non] n̄ BV; poer estes] (poder) per effs̄ V   15 senhor] senoʳ B   16 eno coraçon] no corazon V   17 senhor] senoʳ B; greu] g eu V   19 senhor] senʳo B   20 ir ja] iria BV   21 lançad’a] lancada B : lanzada V

Variantes editoriais


1 Eia] E já Nunes   3 min] mi Nunes   4 teedes] tẽedes Nunes, Finazzi-Agrò   18 [e]strairá] [e]strãiará Nunes, Littera

Paráfrase


(I) Ei, señora, velaquí vos estou! Que coita tivestes agora, para me mandardes chamar? Non foi senón para me matar, pois todo o que é meu mal pensades vós que é ben; por iso, señora, máis vale que eu me vaia de aquí ca ficar sen o voso ben; (II) e ademais, ter que ver eses ollos e (ter que) desexar o voso ben, señora, que eu sempre desexei, e os meus desexos e o meu corazón nunca tiveron de vós outra cousa que mal; e, por isto, é mellor que me vaia, por Deus, (III) a onde eu non poida pór estes meus ollos nos vosos, de que tanto mal me vén, señora; e gran coita mortal me destes vós no meu corazón; e, señora miña, aínda que me é moi custoso, ninguén nunca mo censurará.

(1) E, cando eu me for, señora miña, que será (de min), pois o voso amor me fai ir xa así, a fuxir, como vai un cervo lanceado?

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10c 10c 10d (= RM 198:3) + 10d 10d 10e

Encontros vocálicos: 2 coitaouvestes; en·vi·ar; 18 mi͜-o; 20 miassi

Notas


Texto
  • *

    Esta composición é unha cantiga ateúda atá a fiinda, con ligazón sintáctico-discursiva entre todas as súas estrofas, incluída na relación de cantigas ateúdas confeccionada por Gonçalves (2016 [1993]: 269-270).

  • 1

    É insólita a presenza dunha interxección, alén de ai!, nas cantigas profanas; mais a lectura de Finazzi-Agrò é indubitábel a partir da lección dos códices. A interxección eia! é de uso moi restrito na lingua medieval; no banco de datos do Corpus Galego-Portugués Antigo (s.v. eia, eya) só achamos tres ocorrencias, todas elas relativamente serodias:

    E certo bem p(ro)cura po(r) nós, que sse llee d’hũu convento em q(ue) cada d(ia) cantavom a Salva Rregina, e hũu santo homem via no ceeo Nossa Senhora que sse poinha em giolhos ant(e) seu F(ilh)o, rrogando pollo poboo nesta palavra: “Eia e(r)guo aduocata nostra”, especialment(e) por aquelle convento (Castelo Perigoso);

    – Assi me Deus ajude, Senhor, disse a donzela, nom é assi, caa nunca foi sua nem d’outrem, ante me filhou hoje pola mãa em casa de meu padre. – Eia, cavaleiro, disse Boorz, vedes o que diz? Certas, vós vos acharedes mal de quanto já fezestes, se eu posso (Demanda do Santo Graal);

    e mui bem me lembra, que muitas vezes nos falaua como a mancebos dizendo, Eya sus meus filhizinhos necessario he que se afliia o corpo que em o segre ha tantas vaidades foi dado refrearse a lingoa, que sempre esta prestes pera peccar se com muita diligençia naõ for goardada (Vida de S. Teotonio, 1455).

    No relativo ao adverbio presentativo aque (‘eis, velaí’), é tamén de uso limitado no corpus profano: 52.24, 244.5, 246.6, 268.8, 553.4, 1641.18. Debe ser forma oxítona, pois nas Cantigas de Santa Maria aparece en rima aguda (con fe, é,e ):

                    ... E en pe
    sse levou e diss’: «Aque
    m’estou tod’aprestidado
    De log’ir» (CSM 135.109).

    E diz un a outr’: «Aque o
    angeo que ven do ceo,
    que alça aquele veo
    e faz no aire parar» (CSM 405.36).

    Habitualmente, a presenza do dativo ético vos fai que o pronome CD sexa unha forma tónica oblicua, sen preposición, tal como acontece con frecuencia nas cantigas; isto é: ‘Eia! Velaí vos estou eu aquí...’.

  • 6

    A formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’ deriva do correspondente sintagma tan frecuente na cantiga de amor. De calquera maneira, fóra da lingua das cantigas (véxase Glosario, s.v.), o mesmo substantivo pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media, como na Crónica de D. Fernando:

    e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Macchi 2004: 355-356).

    Tamén no Livro das Confissões:

    ca veemos que alguũs synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Martín Pérez 2012-2013: 367).

  • 7-8

    Para a interpretación da pasaxe hai que ter en conta que estamos perante a perífrase verbal obrigativa aver + infinitivo: aver veer e (aver) desejar o vosso ben (‘ter que ver e ter que desexar o voso ben’).
    De calquera modo, a liña discursiva que vén da estrofa I sofre unha certa interrupción coa aparición de demais; isto é: «máis val d’eu ir d’aquen / ca d’eu ficar sen vosso ben-fazer; (e), demais, aver veer esses olhos / e (aver) desejar o vosso ben...».

  • 9

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 12

    Aínda que minoritaria, a forma milhor, con pechazón de /e/>/i/ por influencia de consoante palatal (por iode na súa base etimolóxica mĕliōrem), ten certa presenza na lingua trobadoresca.

  • 13

    Nótese a abreviatura <ñ> para non, que só volve aparecer en BV en 509.6 e 521.11, mais que V presenta tamén en 544.6 e 1447.10 (<ū> = <>). No Cancioneiro da Ajuda é certamente rara a súa aparición, que só localizamos na abreviación de non no refrán da derradeira estrofa de A 75 (164.24) e mais en A 114 (214.13).

  • 17

    A voz greu é un provenzalismo, que concorre na lingua trobadoresca, sempre en rima, coa forma xeral grave

  • 18

    O resultado estrãiar (236.15, 358.21) e estraiar (236.26, 996.9), xa con desnasalización, a partir de extraneāre, con caída de -n- intervocálico en vez da habitual palatalización do grupo [nj], son minoritarios mais conviven coa solución xeral estranhar. Véxase nota a 103.1.

  • 20

    Obsérvese que a lección <iria> precisa unha interpretación ir ja similar a <attenderia> atender ja, presente en 236.11.

  • 21

    Lançar (‘ferir por lanza’) é forma desaparecida na lingua moderna, substituída por lancear. Porén, no Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués aínda se rexistra lançar co sentido dematar a baleia com o emprego da lança’ (véxase TLPGP, s.v. lançar). A mesma imaxe aparece en Vidal:
              a por que ei morte a prender
              come cervo lançado,
              que se vai do mund’a perder
              da companha das cervas (1617.6).
    Por outra banda, o verbo fugir é variante da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre), que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado