859 [= RM 73,4]
Estranho mal e estranho pesar

Estranho mal e estranho pesar
é oje o meu de quantos outros son
no mundo ja, pois [a] mia senhor non
praz que eu moira, mais quer que assi
aj’a viver a gran pesar de min;
e por aquesto, assi Deus me perdon,
muito m’é grave de viver e non
posso viver se est’ei a passar.
E por én sempre todo m’estranhar
devi’aquesto con mui gran razon,
pois as mias coitas o meu coraçon
sofrer non pode; mais sei que, des i,
tanto [so]fresse com’eu sofr’aqui:
ei a viver sen grad’e, des enton,
viv’en pesar; por én me[u] coraçon
non pode ja tanto mal endurar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 

Manuscritos


B 863, V 449

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 279-280); Finazzi-Agrò (1979: 104 [= LPGP 479-480]); Littera (2016: I, 561).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 166-167); Braga (1878: 85); Machado & Machado (1953: IV, 192).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 107).

Variantes manuscritas


2 quantos outros] quantcs outres B   3 pois] ca poys BV; mia] ma B   4 praz] prar B   6 Deus me perdon] deu me pardon B   9 todo] rodo V   10 devi’] ceui V   11 mias] mħas BV; coraçon] corazō V   12 sofrer] sso ffor’ B : ssoffer̄ V; pode] podo V; que] ꝙ̄ V   13 aqui] aq̄ B   14 sen] ssei B; grad’e] grāde V   15 coraçon] coracō B : corazon V   16 endurar] eu durā B : en durā V

Variantes editoriais


2 oje] oj(e) Nunes   5 min] mi Nunes   6 aquesto] aquest(o) Nunes   9 todo] todo[s] Nunes, Littera   10 devi’aquesto] devia[n] aquesto Nunes, Littera   12 pode; mais sei que] pod’e non sey quem Nunes   13 [so]fresse] [so]fre-se Finazzi-Agrò : [so]fresse[m] Littera

Paráfrase


(I) Estraño mal e estraño pesar é hoxe o meu, de cantos outros existen no mundo, pois á miña señora non lle prace que eu morra, mais quere que así teña que vivir moi contra a miña vontade; e por isto, así Deus me perdoe, resúltame moi penoso vivir e non podo vivir se teño que pasar por isto.

(II) E porén todo isto sempre me debía estrañar con moita razón, pois o meu corazón non pode sufrir as miñas coitas; mais sei que, despois diso, sufriría tanto como eu sufro aquí: hei de vivir contra a miña vontade e, desde entón, vivo en pesar; por iso o meu corazón xa non pode aturar tanto mal.

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10a 10b 10b 10c 10c 10b 10b 10a (= RM 195:1)

Encontros vocálicos: 2 oje‿o; 6 aquesto,‿assi

Notas


Texto
  • 3

    En xeral, a forma ma é produto dun erro de copia en B, como mostran as varias leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos: 599.13, 678.8, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1. Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.4, 625.1, 636.1, 794.9, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470b.6, 1483.r), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 690.1, 1363.r2 na estrofa II).
    Por outra parte, neste verso é obvia a necesidade e expunxir ca a partir da aparición das dúas conxuncións causais <ca poys>, coa corrección da primeira das formas, ao tempo que a métrica e a sintaxe esixe a reintegración da preposición a para o CI mia senhor.
    De calquera maneira, ao longo do corpus achamos contextos en que se pode determinar con certa seguranza o carácter espurio de ca, que, como outras partículas de escaso corpo fónico, poden aparecer adventiciamente nos cancioneiros italianos máis do que na copia do Cancioneiro da Ajuda: véxase, por exemplo, 279.10, onde a inicial copia do verso ca estou de vós como vos eu direi de A (esencialmente coincidente coa de B), que obrigaría á sinalefa ca‿estou para a medida decasilábica, foi corrixida nó códice do Colégio dos Nobres coa supresión de eu e a conseguinte restauración do hiato ca | estou. Ademais, existen ao longo do corpus outras probas indirectas que confirman que, ás veces, a presenza da conxunción é resultado dun erro de transmisión e/ou de copia: na cantiga 938: fronte á copia do refrán na estrofa I (se eu a molher oje quero ben), no inicio do refrán das estrofas II e III aparece unha partícula ca metricamente espuria (*ca se eu a molher oje quero ben).

  • 6

    É necesario emendar a lección <pardon> de B, aparente variante de influencia francesa, lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (neste verso, copista b; 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

  • 9-10

    Non existe razón ecdótica para as mudanzas expresivas que introduciu Nunes (e aceptou Littera, que estendeu o plural a sofresse no v. 13) coa inxustificada introdución do plural (e o consecuente aumento de unha sílaba métrica no v. 10): ... todo[s] m’estranhar / devia[n] aquesto ... A intromisión de Nunes (e Littera) talvez foi provocada polo violento hipérbato nesta pasaxe («E por én sempre todo aquesto devia-m’estranhar») e mais tamén condicionados polo plural quantos outros (v. 2): na realidade, o poeta está a falar do seu corazón.

  • 13

    A opción editorial de Finazzi-Agrò non é posíbel por razóns lingüísticas, xa que tanto non permitiría a posposición do clítico se (*tanto [so]fre-se). Neste contexto, sofresse presenta un valor de pospretérito (equivalente, por tanto, a sofreria), valor que se detecta en diversas pasaxes das cantigas:

    ca me jurou que nunca se ja de mí partisse (345.7).

    O que jurava que me non visse 
    por non seer todo quant’el disse,
    par Deus, donas, aqui [é ja!] (653.7).

    Ca preit’avia comigo,
    ergo se fosse coitado
    de morte, que se veesse 
    o máis cedo que podesse
    (711.r1).

    Vistes vós, amiga, meu amigo, 
    que jurava que sempre fezesse 
    todo por mí quanto lh’eu dissesse? (790.2).

    ca mi jurou que se non partisse 
    d’aqui, e foi-se sen meu mandado (790.9).

    Assanhou-s’o meu amigo 
    a mí porque non guisei 
    como falasse comigo (1123.3).

    De calquera xeito, na literatura coeva rexístranse máis ocorrencias deste uso, por exemplo, na Crónica Troiana:

    Depoys que el rrey Leomedón achou seu sobriño morto, prometeu que nũca entrasse en Troya, se o nõ vĩgasse (...) Sabede que, cõmoquer que era moyto ardido, en tal gisa foy desmayado que nõ soubo que fezesse, nẽ soubo de ssy tomar cõsello (Lorenzo 1985: 224-225).

    Tamén na Crónica Geral d’Espanha de 1344 se pode ver o mesmo uso:

    E, despois que lhe todo ouve dito, rogoulhe que a conselhasse como fezesse em tal coyta como esta (Cintra 1954: II, 306).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado