917 [= RM 94,9]
En muito andando cheguei a logar

En muito andando cheguei a logar
u lealdade nen manha nen sén
nen crerezia non vejo preçar,
nen pod’om’i de senhor gaar ren
se non loar quanto lhi vir fazer
e lousin[h]ar e ren non lhi dizer,
pero lhi veja o sal semear.
E quen ali, com’eu cheguei, chegar
se[n] mentir’e non tever mal por ben
quitar-s’-á én com’eu vi min quitar,
mais non com’e[n]d’eu vi quitar alguen:
nen quen nen como non quero dizer;
e vi alhur quen mentiral seer
non quer nen pode, nen bon prez leixar.
Mentr’ali foi, tal sonh’ouvi a son[h]ar
muitas vezes; e no sonho vi quen?
Vi a bubela a cerzeta filhar;
e a bubel[a], a crista que ten,
e a cerzeta..., o que quer dizer?
Ou como a pode bubela prender?
Este sonho, quen no pode soltar?
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 915, V 502

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 423-424); Stegagno Picchio (1968: 201 [= LPGP 625]); Lopes (2002: 295); Littera (2016: II, 103).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 183); Braga (1878: 96); Machado & Machado (1953: IV, 271).
III. Antoloxías: Torres (1977: 368-369); Gonçalves & Ramos (1983: 250); Tavares & Miranda (1987: 47); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 61); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 163); Diogo (1998: 217-218); Arias Freixedo (2003: 613-614); Magalhães (2007: 130).

Variantes manuscritas


1 cheguei] che (a)guey B   4 gaar] graar V; ren] irem B   8 ali] ally BV   9 non] nē BV   11 non] no B   12 como] cōmo BV   14 prez] p’ez B : p̃ez V   15 sonh’ouvi a son[h]ar] Som uō uy a Sanar B : som nō ui a sanar V   17 cerzeta] c’zeca B : ç̃zera V   18 crista] esta V   19 cerzeta..., o que] çerzeca que B : çerzeracque V   20 como a pode] como pade B : como a pade V; prender] p’renden V   21 quen no] que non B : q̄ nō V

Variantes editoriais


1 muito] muit’ Lapa, Lopes   4 gaar] gãar Stegagno Picchio   5 lhi] lh’i Lapa : lh’y Stegagno Picchio   9 se[n] mentir’e non tever] se[n] mentir e non tever Stegagno Picchio : se [nom] mentir, nem tever Lopes, Littera   11 com’e[n]d’eu] come ss’én Stegagno Picchio   15 sonh’ouvi] somn[i]o vy Stegagno Picchio   18 e a bubel[a], a crista que ten] e a[a] bubel’a, a crista que tem Stegagno Picchio : aa bubela, a cresta que ten Lapa; e a bubela, [que] crist’é que tem? Lopes : e a[a] bubel’a crista que tem Littera   20 Ou como a pode bubela prender?] en com'a pôd'a bubela prender? Lapa : ou com'a pod’a bubela prender? Stegagno Picchio : Ou com'a pôd'a bubela prender? Lopes : Ou com'a pode bubela prender? Littera   21 quen no] quẽ-no Lapa : quen’o Littera

Paráfrase


(I) Tras moito andar cheguei a un lugar onde nin a lealdade nin a habilidade nin o bo xuízo nin o clero (a cultura) vexo apreciar, nin pode alí un home gañar nada do seu señor se non louva e adula canto lle vexa facer e non lle di nada, aínda que lle vexa sementar sal.

(II) E quen alí chegar, como eu cheguei, sen mentir e non tiver o mal por ben, hase afastar de alí como eu me vin afastar a min mesmo, mais non como eu vin saír de alí a alguén: non quero dicir nin quen nin como; e vin noutro lugar a quen non quere nin pode ser mentireiro, nin abandonar a boa fama.

(III) Mentres alí estiven, soñei este soño moitas veces; e a quen vin no soño? Vin a bubela forzar a cerceta, e a bubela coa crista que ten, e a cerceta..., que significa isto? Ou como a pode dominar unha bubela? Este soño, quen o pode interpretar?

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10a (= RM 100:8)

Encontros vocálicos: 1 muitoandando; 15 ouvia; 17 bubelaa; 20 comoa

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga é unha das sátiras de carácter moral polas que é máis coñecida a obra de Martin Moxa. A ficción poética dálle aquí voz a un viaxeiro que tras moito vagar chegou a un lugar, non identificado directamente (talvez unha corte), onde ninguén pode prosperar con cualidades como a lealdade, a habilidade, o sentido común ou a cultura, mais onde calquera pode triunfar afagando e adulando ao señor da terra, sen nunca o censurar, aínda que tome decisións absurdas como a de sementar sal. Un mundo ao revés, pois, de onde a xente íntegra se ve obrigada a fuxir, sen beneficio ningún.

    Na derradeira estrofa formúlase un enigma, ao estilo do devinalh provenzal: o poeta afirma que mentres estivo naquel lugar tivo un soño recorrente en que unha bubela, paxaro de ancestrais connotacións negativas asociadas á súa sucidade, domina á máis grande e nobre cerceta, unha ave anátida que vive na auga, e solicita que alguén llo interprete. O soño remítenos de novo ao topos do mundo ás avesas recorrente nas sátiras morais, aínda que aquí a alegoría constitúe un adynaton, pois a situación descrita cae no imposíbel ou no absurdo, como no clásico adynaton do león que foxe das ovellas.

  • 1

    O uso do xerundio introducido pola preposición en é certamente escaso no corpus trobadoresco profano, pois só se localiza noutra pasaxe (856.9). Porén, é extraordinariamente frecuente na prosa, en todo o tipo de obras durante a Idade Media, pois, como indica Epifánio da Silva Dias, na lingua arcaica «[q]uando o partic. em -ndo designa tempo, hypothese ou condição, pode ser precedido da prepos. em» (Dias 1970: 242).

  • 4

    A forma gaar e a variante nasalizada gãar (83.11, 87.21), xunto con gaanar (só en 414.20), fai parte do grupo de variantes da forma maioritaria guaanhar ~ gaanhar.

  • 6

    O provenzalismo lousinhar (cfr. prov. lauzenjar; gal.-port. louvaminhar) significa ‘lisonxear, afagar’ e só volve aparecer en Estevan Faian: 

    ca dizen que sabedes lousinhar 
    ome deant’e sabedes buscar 
    gran mal detras a muitos (1580.19).

    Na restante produción medieval só achamos o adxectivo na Primeira Partida:

    punhã de o seerẽ e achegansse aos p(ri)ncipes e som (contra) elles lousinheyros e maldizentes dizendo mal daq(ue)lles q(ue) desamã, trabalhandosse de os sacar de bẽ e metelos ẽ mal p(re)s (cfr. CGPA).

    Tamén na Crónica Troiana:

    Demays nõ sse pagaua de lousyneyro, nẽ mezcrador, nẽ de home que posfaçasse, nẽ de falsso, nẽ quería que cõ el viuessen. (...) –Vós, onrrado cõssellador et grã priuado del rrey Príamos, grã noio rreçeberá oje o uosso señor quando uos vir perdido, ca el perderá en uós hũ lousyñeyro mao et desleal, que lle fará grã mj̃ga (cfr. CGPA).

    No Livro das aves (século XIV) rexístrase lousinhar como substantivo, a carón de lousinho, derivado regresivo de lousinhar, e alousinhador:

    e per seus [l]ousinhares tornan’os de tã maaos custumes como eles son (...) quando o louvã em sa pessoa algũũs alousinhadores alçã as sas mẽtes e os seus corações per vãã gloria e rredondã as sas penas (...) ca cuydã pela vãã gloria a que sse alçaron pelo lousinho(s) que lhi diseron que, (...) quanto disserõ e fezeron, todo foy dicto e feyto muyto ordĩadamente (...) assi o preegador quãdo sse alça per vãã gloria pelos lousinhos que lhi disserõ aqueles que o veẽ ou ouvẽ que se deleytã em tal gloria (Rossi 1965: 33, 51).

  • 7

    Semear o sal nunha terra implicaba convertela en estéril por moitos anos. A expresión só aparece na fiinda dunha cantiga de Joan Airas de Santiago (1034.19-20):
              Se assi for, por mí poden dizer
              que eu fui a que semeou o sal.
    Non obstante, xa na Biblia se alude a semear o sal: “Porro Abimelech omni die illo oppugnabat urbem : quam cepit, interfectis habitatoribus eius, ipsaque destructa, ita ut sal in ea dispergeret” (Iudices 9:45)1 .

  • 8

    Nótese a grafía <ll> en <ally>, tanto en B como en V, que, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B), só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo –e cavaleiro–, esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc. (con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces coa secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

  • 9

    Certamente é posíbel interpretar tanto mentira, en crase coa copulativa, como mentir (como estabeleceu Luciana Stegagno Picchio, seguida por Littera); porén, a existencia previa dos substantivos lealdade, manha e sén (v. 2) aconsella fixar neste verso mentira (cfr., ademais, sen mentira en 149.3). Por outra banda, a confusión entre non e nen é frecuente na copia dos apógrafos italianos (cfr. v. 2), de modo que neste verso a sintaxe esixe a presenza de non, emenda máis económica do que a intromisión ecdótica que se percibe na proposta textual de Lopes, fronte a Littera, que mantén a lección nem.

  • 12

    A grafía <cõmo> mostra unha grafía latinizante que aparece esporadicamente nesta conxunción nos apógrafos italianos, mais que é moi frecuente na prosa galego-portuguesa. Véxase nota a 63.2.

  • 13

    A voz mentiral ‘mentiroso’, probábel provenzalismo (véxase García-Sabell Tormo 1990: 227-228), ten escasas ocorrencias no corpus poético trobadoresco profano (véxanse 294.3, 578.8, 953.5); tamén se atesta esporadicamente nas Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.) e moi raras veces na prosa (véxase CGPA, s.v. mentiral):

    e quen nos quiser mentir peyte a outra parte C morabetinos e seya mentiral (doc. 1269).

    E aquelle que hy nõ fosse ao dya que fosse posto, que ficasse por mentiral e fallido e que perdesse os reynos (Crónica Geral de Espanha de 1344).

    Co mesmo significado, no corpus profano achamos mentidor (1292.7) e mentireiro (1389.3).

  • 15

    Foi é a forma xeral de P3de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (<fŭī) / foi (<fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
    Neste verso, a frase tal sonh’ouvi a son[h]ar é interpretación a partir de leccións con erros diversos en B e mais en V: <¿som nō uy a Sanar?> B, <som nō ui a sanar> V. Entre outros, <ō>/<ou> en ouvi, a partir do erro <ō>/<ou> (derivado de <n>/<u>) que é moi frecuente ao longo dos cancioneiros, especialmente en B: <cōsimento> cousimento (116.22), <guisō> guisou (501.3), <uō> vou (564.7), <ōsara> ousará (589.3), <pōco> pouco (591.9), <baratō> baratou (729.5), <em car nō> encarnou (877.21), <ōui> ouvi (1233.12), <ōny> ouvi (1458.7), <sōbe> soube (1505.1, 1509.7), <buscō> buscou (1507.7), <nōtro> noutro (1509.1), <sōba> soub’a (1509.16), <cōsa> cousa (1510.1). E en V tamén se encontra o mesmo erro: <tornō> tornou (603.15), <morō> morou (865.12), <nō> vou (1012.20), <cōtre> voutre (1015.17).

  • 17-21

    A pasaxe do soño presenta unha imaxe imposíbel na realidade: a ave pequena e insectívora, do tamaño dun melro (a bubela) filha ou caza unha ave moito maior, como a cerceta:

    Vi a bubela a cerzeta filhar;
    e a bubel[a], a crista que ten,
    e a cerzeta..., o que quer dizer?
    Ou com’a pôd’a bubela prender?

    Por iso o trobador se interroga sobre a interpretación do soño: o verbo soltar ten o valor de ‘interpretar, explicar’ (nomeadamente referido aos soños), valor que se detecta tamén noutras obras antigas. Véxanse tres ocorrencias significativas de soltar en tres diferentes obras:

    Este fuj o soño que eu soney, nẽ mays nẽ meos, et sõo del tã coytado et tã desmay[a]do, porque o nõ poyde entender, que mays nõ poso, et muyto sería meu amigo pera senpre aquel que mo soltar soubese, sen engãno et sen mentira (Crónica Troiana; Lorenzo 1985: 738).

    Este rei, acordado de seu sono, contou-ho aos seus sabedores, mas nom achou nenhũu que o soubesse soltar (tradución da Confessio Amantis; Faccon 2010: 323).

    Rei Label, este sonho viste tu mui bem e numqua o quiseste descobrir aa nhum omem, porque cuidaste que nhum to poderia soltar, mais eu to soltarei asi todo como o Alto Mestre mo dise (Estoria do Santo Graal; Miranda 2016: 185).

    En calquera caso, no poético e profético soño a bubela vence a cerzeta. Neste sentido, e tal como é indicado en Littera (Lopes & Ferreira & al. 2011-: http://cantigas.fcsh.unl.pt [consult. 27-3-2020]), resulta significativo que no antigo Livro das Aves a bubela (upupa epops) apareza caracterizada negativamente: «Os gregos dão nome à poupa porque anda sobre excrementos humanos e se alimenta de esterco malcheiroso. Ave muito porca, coroada com uma crista erguida, anda sempre sobre sepulcros e esterco humano [...] Esta ave representa os malvados pecadores que constantemente se deliciam com a imundície do pecado» (Gonçalves 1999: 157). En contraste, a cerceta (anas crecca) é unha anátida, que, por ser unha ave acuática moito máis grande, nesta alegoría simbolizaría a nobreza e a integridade de espírito.

    Na presente edición, entendemos os vv. 18-19 como unha acumulación de tres elementos presentes no soño e unha pregunta final sobre o seu significado: ‘a bubela, a crista que esta ten, e a cerceta… que significa todo isto?’. Porén, habería, tal como se propón en edicións anteriores, unha outra posibilidade de fixación do texto e de interpretación xa a partir do v. 17, en que a pregunta do v. 19 se centra exclusivamente no significado da cerzeta:

    Vi a bubela a cerzeta filhar
    e a[a] bubel’a crista que ten,
    e a cerzeta o que quer dizer?
    Ou como a pode bubela prender?       

    Isto é: ‘Vin a bubela forzar a cerceta e á bubela (vinlle) a crista que ten; e a cerceta que significado ten? Ou como a pode dominar a bubela?’.

    Con todo, do punto de vista paleográfico a restauración a vogal final <a> de bubela, omitida por contacto coa vogal <a> do artigo –fenómeno que se rexistra con moita frecuencia–, necesaria para o cómputo métrico, é unha opción ecdoticamente defendíbel, non menos do que a restitución de unha sílaba na contracción a[a].

  1. ^

    “E Abimélec estivo loitando contra a vila durante toda a xornada. E conquistouna e matou a xente que había nela; e arrasou a cidade e sementouna de sal” (Xuíces 9:45).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado