960 [= RM 63,42]
Non quer’a Deus en conto receber

Non quer’a Deus en conto receber
os dias que vivo sen mia senhor
porque os vivo mui sen meu sabor;
mai-los dias que m’El fez[er] viver
u a veja e lhi possa falar,
esses lhi quer’eu en conto filhar,
ca non é vida viver sen prazer.
E, se m’El fezer algũa sazon
viver con ela quanto mi aprouguer,
esses dias mi cont’El, se quiser,
que eu con ela viver, e máis non,
de mia vida; mais non vos contarei
dos dias que a meu pesar passei,
ca non foi vida, mais foi perdiçon,
ca non é vida viver om’assi
com’oj’eu vivo u mia senhor non é,
ca par de morte m’é, per bõa fe;
e, se mi Deus contar quanto vevi,
non cont’os dias que non passei ben,
mais El, que os dias en poder ten,
dé-mi outros tantos por quanto[s] perdi,
ca [a] El dias nunca minguará[n]
e eu serei ben-andant’, e seran
cobrado-los meus dias que perdi.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 958, V 545

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 378-379); Rodríguez (1980: 111 [= LPGP 391]); Littera (2016: I, 433-434).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 195-196); Braga (1878: 104); Gassner (1933: 410); Machado & Machado (1953: IV, 328-329); Fernández Pousa (1959: 98).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 431-432); Mongelli (2009: 76).

Variantes manuscritas


1 conto] couto B : cont(r)o V   4 mai-los] May hꝯ B : maylus V   6 lhi] elhi B   8 fezer algũa] fez al guna B   12 non] nē V; vos] uos BV   14 perdiçon] perdizon V   15 non é] e non B; assi] assỹ V   17 bõa] boa B   18 Deus] des V   21 outros] outrus V   23 eu] en B   24 -los] lus V

Variantes editoriais


1 Non quer’a Deus] Non quera Deus Rodríguez : Nom que[i]ra Deus Littera   4 fez[er] viver] [ja] fez viver Nunes; El] Ele Littera   11 viver, e máis non] vyv’e [os] mays non Nunes   16 com’oj’eu] com(o) eu Nunes   17 bõa] boa Nunes, Rodríguez, Littera   21 dé] dê Nunes, Littera   22 minguará[n]] minguaran Nunes : minguara[n] Rodríguez

Paráfrase


(I) Non quero aceptarlle a Deus a conta dos días que vivo sen a miña señora porque os vivo moi a desgusto; mais os días que El me fixer vivir onde a vexa e lle poida falar, eses lle quero eu aceptar na conta, pois non é vida vivir sen pracer.
(II) E se El me fixer algunha vez vivir con ela canto me prouguese, cónteme El, se quixer, eses días da miña vida que eu con ela viva, e non máis; mais non vos contarei (nada) dos días que pasei con pesar, porque non foi vida, senón que foi perdición, (III) pois non é vida vivir alguén así como hoxe eu vivo onde non está a miña señora, porque é igual á morte, abofé; e se Deus me contar canto vivín, non conte os días que non pasei ben, mais El, que ten poder sobre os días, concédame outros tantos por cantos perdín, (1) pois a El os días nunca lle minguarán e eu serei afortunado, e serán recobrados os días que perdín.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:39) + 10d 10d 10a

Encontros vocálicos: 9 mi‿aprouguer; 16 vivo‿u; 21 -mi‿outros

Notas


Texto
  • *

    Esta composición está intimamente ligada no seu contido e no seu desenvolvemento discursivo coa anterior cantiga, tamén de Joan Airas de Santiago (cfr. UC 959).
    Por outra banda, esta cantiga, igual que as cantigas 213, 270 ou 926, entre outras, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas I e II (e ligazón causal nas estrofas II-III) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda atá a fiinda. Véxase nota á cantiga 74.

  • 1

    O suxeito de quer(o) do v. 6 é eu, e pola sintaxe só pode ser eu, de forma que é moi probábel que tamén no v. 1 se trate do mesmo suxeito. Así o interpretou Nunes, e, así construído o período, o verbo querer está empregado en construcións antitéticas: ‘non (lhe) quero receber os días que non vin a miña senhor ... si lle quero aceptar as contas dos días que a vin’. Con non quer’a Deus... cambia o contido de forma interesante: non é que o trobador pida que Deus non lle teña en conta os días que non viu a súa señora, senón que o que está a dicir é que non acepta que Deus inclúa nas contas que bota da súa vida os días que non viu a súa señora.
    Rodríguez interpreta diferentemente a secuencia (Non quera Deus...), fixando unha forma quera de futuro de subxuntivo, que foi aceptada en Littera con reconversión en que[i]ra.

  • 4

    Nesta cantiga aparece repetidamente en V a terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<maylus>, v. 4; <outrus>, v. 21; <lus>, v. 24); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 8

    A presenza da forma gráfica <alguna> en B incide no feito da existencia dalgunhas voces en que aparentemente se mantén o -n- intervocálico (<bona>, <poner>, <(h)una> etc.), feito que demostra que supoñen unha simple representación gráfica da nasalidade fonolóxica da vogal (bõa, põer, ũa...). Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b).

  • 10-12

    Neste período percíbese un violento hipérbato, con deslocamento do sintagma de mia vida e anteposición do CD: «El mi conte, se quiser, esses dias de mia vida que eu con ela viver, e máis non».
    Por outra parte, a puntuación do v. 12 en Nunes (e Littera) delata que consideran mais como adverbio de cantidade. Eis a edición primeira da estrofa completa do editor portugués:

              E, se m’ El fezer algũa sazon
              viver com ela quanto mh-aprouguer,
              esses dias mi cont’ El, se quiser,
              que eu com ela vyv’ e [os] mays non;
              de mha vyda mays non vos contarey
              dos dias que a meu pesar passey,
              ca non foy vyda, mays foy perdiçon.

  • 18

    A utilización da forma disimilada vevi (< vivi), que tamén se rexistra en  902.6, 966.5 e 1060.6, é mostra dunha tendencia moi limitada á disimilación de formas do tipo dizia  > dezia ou vivia > vevia (véxase nota a 888.50). En calquera caso, non achamos atestacións de vevi na produción prosística medieval.

  • 24

    Igual que algúns substantivos (quando as moscas-los veen coitar; véxase nota a 490.16), tamén algúns participios presentan asimilación co artigo: cobrado-los meus dias que perdi. Cfr. irado-los á el-rei (1573.3).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado