I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 394-395 [= LPGP 116]); Littera (2016: I, 116-117); Querido (2016: 138).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 201); Braga (1878: 107); Machado & Machado (1953: IV, 352).
2 quitei de mia] quyrey (demha) / demha V 6 mí] mj̃ B 8 lá] ala BV 12 morrer] Moirer B 14 nen verei] neu ueirey B 16 nen] nō V 18 perque] p̃ q̅ V 23-24 guarrei, / ca] guareyra B : guarrey / ta V
8 lá] alá Nunes, Littera, Querido 13 parecer] parece Nunes 14 verei] verrei Littera, Querido 15 nen] Non Querido 16 nen] non Nunes : nom Littera 18 perque] porque Nunes, Littera, Querido; seí] sey Nunes : sei Littera 21 nen un] nẽum Littera : nenhun Querido
(I) Nunca sufrín unha coita tan grande como agora cando afastei da miña señora e me despedín dela; nunca tampouco andei ledo, mais tal é o conforto que teño: sei ben que sufriu mágoa por min, (II) cando eu me vin e me despedín dela, porque non fiquei alí; e agora faime sufrir por iso de tal xeito que non coñezo outro remedio agás o que vos direi: morrer ou tornar a onde a vin (III) tan fermosa, que nunca vin nin verei outra dona así, nin recobrarei o que perdín se non a vir, nin vivirei; mais agora eu mesmo me matei porque saín (da terra) onde ela está (IV) outra vez: cando me fun de aquí e catei os seus ollos non sentín ningún mal sequera e sentinme logo ledo e cantei e, se a vise, logo me recuperaría, pois xa por iso mesmo me mantiven con vida (antes).
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8b 8a (= RM 79:15)
Encontros vocálicos: 13 nunca‿assi
Nótese o perfecto carácter de cantiga ateúda, con todas as estrofas ligadas sintáctica e semanticamente. No entanto, talvez condicionada pola edición de Nunes con independencia estrófica sistemática na cantiga, Gonçalves non considera esta cantiga como ateuda atá a fiinda (véxase Gonçalves (2016 [1993]: 269-270).
A forma conorto constitúe un provenzalismo, máis utilizado na poesía profana do que a variante patrimonial conforto (véxase Glosario, s.v. conorto, conforto).
Novamente reaparece unha forma ala nun contexto en que a métrica esixe a forma evoluída lá, tamén presente en diversos contextos. Neste sentido, este mesmo lapso textual encóntrase nunha cantiga dionisina, onde, fronte á correcta lección lá no refrán da estrofa I (porque é lá meu amigo), aparece ala nos refráns das estrofas II e III, así como no v. 7 (dos que lá son, ca o non sei), onde non é posíbel a sinalefa con que (véxase Ferreiro 2009). Nótese, ademais, como a aparición espuria dun <a>, neste caso favorecido pola dominancia da variante ala, é algo relativamente frecuente no corpus. Así, por exemplo, na cantiga 511, a terceira estrofa presenta unha anómala lección porque a min [<a mĩ> B, <amj̃> V] fazen no segundo verso do refrán, que debe ser emendado por razóns de isometría e, mesmo, de nivelación coas anteriores cobras (porque mi fazen).
No contexto, a forma verei de V (que no corpus concorre con veerei), futuro de veer, é a que ten sentido, en face de verrei (futuro de viir) en B, forma preferida por outros editores.
A pesar do frecuente uso de per, é rara a súa combinación con que na conxunción perque, fronte ao xeral porque (tamén presente neste caso na lección de V, acollida nas leccións precedentes), xa que só se rexistra, para alén desta cantiga, en 39.7, 74.11, 84.4, 150.15, 263.23, 376.6, 1440.44 e 1451.211
.
No que di respecto á forma seí, do verbo seir, variante de sair, debe facerse constar a tendencia á palatalización de /a/ cando seguido de /í/, tónico ou átono, en liña con outras formas do tipo reinha (véxase Glosario, s.v.) ou einda (véxase Glosario, s.v. ainda).