105 [= RM 104,2]
Mia senhor fremosa, direi-vos ũ[a r]en

Mia senhor fremosa, direi-vos ũ[a r]en:
vós sodes mia morte e meu mal e meu ben,
e máis, por que vo-lo ei eu ja máis a dizer:
mia morte sodes, que me fazedes morrer.
Vós sodes mia mort[e] e meu mal, mia senhor,
e quant’eu no mund’ei de ben e de sabor,
e máis, por que vo-lo ei eu ja máis a dizer:
[mia morte sodes, que me fazedes morrer].
Mia mort’e mia coita sodes, non á i al,
e os vossos olhos mi fazen ben e mal,
e máis, por que vo-lo ei [eu ja máis a dizer:
mia morte sodes, que me fazedes morrer].
Senhor, ben me fazen soo de me catar,
pero ven-m’én coita grand’; eu vos direi ar,
e máis, por que vo-lo ei [eu ja máis a dizer:
mia morte sodes, que me fazedes morrer].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 

Manuscritos


B 132

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 758 [= LPGP 676-677]); Littera (2016: II, 167-168); González (2018: 115).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 49); Machado & Machado (1949: I, 188-189); Rios Milhám (2017: I, 105).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 39); Piccolo (1951: 162); Varela Jácome (1953: 29-30); Nunes (1959: 255-256); Álvarez Blázquez (1975: 155); Torres (1977: 142); Ferreira (1991: 27); Jensen (1992: 236); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 146).

Variantes manuscritas


4 morrer] moirer B   14 grand’; eu] grāden B

Variantes editoriais


1 vos] vus Michaëlis   5 mort[e] e] mort’e Michaëlis, Littera   14 ven-m’én] m’én ven Michaëlis; eu vos] e vus Michaëlis : e vos Littera

Paráfrase


(I) Miña señora fermosa, direivos unha cousa: vós sodes a miña morte e o meu mal e o meu ben, e máis, por isto que eu xa sempre vos hei de dicir: a miña morte sodes, que me facedes morrer.

(II) Vós sodes a miña morte e o meu mal, miña señora, e canto eu no mundo teño de ben e de gozo, e máis, por isto que eu xa sempre vos hei de dicir: a miña morte sodes, que me facedes morrer.

(III) A miña morte e a miña coita sodes, non hai dúbida, e os vosos ollos fanme ben e mal, e máis, por isto que eu xa sempre vos hei de dicir: a miña morte sodes, que me facedes morrer.

(IV) Ben me fan, señora, só con me ollar, aínda que me vén unha gran coita por iso; tamén volo direi, e máis, por isto que eu xa sempre vos hei de dicir: a miña morte sodes, que me facedes morrer.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 12a 12a 12B 12B (= RM 37:25)

Encontros vocálicos: 3 -loei; 7 -loei; 11 -loei; 15 -loei

Notas


Texto
  • 2-3

    Todos os editores presentan un texto en que o v. 3 é unha pregunta (retórica): por que vo-lo ei ja máis a dizer? A diferenza entre eles reside en que no texto de Littera e González interrómpese cun punto o discurso no segundo verso de cada estrofa, de modo que o sintagma é máis é incorporado á pregunta do primeiro verso do refrán (vv. 3, 7, 11, 15): E mais por que vo-lo hei eu já mais a dizer? Desta maneira, nestas dúas edicións mais funcionaría como unha conxunción copulativa de reforzo de e (cfr. nota a 104.28).
    No entanto, por unha banda, o sintagma e máis, tal como Michaëlis editou, funciona mellor de todos os puntos de vista como unha conclusión ‘en aberto’ das enumeracións polisindéticas do verso ou versos precedentes; por outra banda, non parece ter moito sentido esa pregunta após a radical declaración do trobador no v. 2, feito que nos inclina a considerar como unha cláusula de relativo a maioría do verso terceiro. Isto é: ‘vós sodes a miña morte e o meu mal e o meu ben / e (aínda sodes) máis, polo cal volo hei de dicir sempre xamais: sodes a miña morte, porque me facedes morrer’.

  • 9

    A frase formularia non á i al ‘certamente, sen dúbida’ (tamén en 217.24 e 245.15) e mais non avera i al (1635.9), concorre con outras variantes moi próximas ao longo do corpus, como non á ja i al (só en 495.24) ou ja i al non á (941.7), e con outras similares do tipo u al non á, u non jaz al etc.

  • 14

    É difícil saber por que Michaëlis emendou a colocación de m’én, pois no corpus, aínda que frecuentemente anteposto á forma verbal correspondente, atéstanse numerosos contextos posverbais deste elemento: fara-xe-m’én / perda do corpo e do sén (62.10), posso-m’én queixar (108.32), guardara-m’én de vós viirdes i (127.10), mais tolle-m’én log’aqueste cuidar (134.19) etc.
    Canto á secuencia <grden>, pola fácil confusión <n>/<u> é factíbel do punto de vista paleográfico interpretar a presenza do pronome eu no final (grand’, eu) no canto da copulativa estabelecida por Michaëlis e Littera.
    Por outra parte, neste verso aparece, en rima, unha das escasas posposicións verbais da partícula ar ~ er, que, de regra, vai anteposta inmediatamente ao verbo correspondente (tamén 634.201507.17 e 1617.29)1 . Porén, a posposición desta partícula rexístrase, tamén moi esporadicamente, tamén noutras etapas e noutras obras. Véxanse algúns exemplos na Demanda do Santo Graal: Desi disse ar com gram pesar que as lagrimas lhe caerom pellas faces (...) cavalgou er e colhê-se a seu caminho (CGPA, s.v.).

  1. ^

    Aínda que resulta atractiva a posibilidade de considerar que, por atracción da rima, se produciu un erro <ar>/<al> e, dese xeito, fixar o indefinido al, que tería máis sentido no contexto e non levantaría problemas pola equivalencia rimática /l/:/ɾ/ (véxase nota a 104.34-35).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado