I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 384-385 [= LPGP 614]); Cohen (2003: 431); Littera (2016: II, 85).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 275); Braga (1878: 151); Machado & Machado (1956: V, 302-303); Montero Santalha (2004).
4 log’eu] legueu V 10 quer] q̄ V 14 der] đr V 15 gran] grã B
8 se ventura for] se[n] ventura for Nunes, Cohen, Littera 10 se] s’e[l] Nunes, Cohen, Littera
(I) Noso Señor, como poderei librar da morte o meu amigo e a min mesma, pois dinme que se quere ir de aquí? E, se el se for, eu morrerei, e el morrerá se non me vir, mais eu quero evitar esta morte.
(II) Ireime con el, pois sempre falarán desta morte –se por ventura sucedese–, porque se quere ir o meu amigo e meu señor, e, se se for, certamente morrerei, e el morrerá se non me vir, mais eu quero evitar esta morte.
(III) Irei con el moi de grado, pois non coñezo outro remedio se Deus non mo dá, xa que se quere ir o que me quere tanto, e, se el se for, eu morrerei, e el morrerá se non me vir, mais eu quero evitar esta morte.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:169)
Encontros vocálicos: 14 mi͜-o
Nótese a presenza da forma pronominal mí, forma oblicua tónica, que funciona como CD sen preposición (e como poderei / guardar de morte meu amig’e mí), uso que é frecuente no corpus trobadoresco.
Todos os editores emendan o texto dos manuscritos por interpretaren que (v. 8) como pronome relativo a introducir a cláusula sen ventura for. Non obstante, os códices envían se, conxunción condicional que ten pleno sentido considerando que como conxunción causal, conxunción que se reitera, após unha frase parentética, no v. 9 coa variante ca, tal como acontece en diversas pasaxes do corpus (véxase 331.12, 1004.10-11 ou 1382.11-12):
Ir-m’-ei con el, que sempre falarán
desta morte, que, se ventura for,
ca se quer ir meu lum’e meu senhor.
Por máis que nos versos simétricos das estrofas I e III sexa utilizado o pronome el, non é imperativa a súa restauración na estrofa II, pois constitúe máis un caso de variación no verso introdutorio do refrán:
E, se s’el for, log’eu morta serei (v. 4)
e, se se for, serei morta de pran (v. 10)
e, se s’el for, serei morta enton (v. 16).
Consideramos a lección <co el> como un banal erro de copia por <cō el>, con omisión da consoante nasal (ou a súa abreviación) na preposición con, feito con presenza nos apógrafos italianos (647.2, 1337.17 etc.); na realidade, é un lapso similar ao frecuente erro de copia <no>/<nō>, por máis que na secuencia con el se rexistre en diversas ocasións (véxase tamén 714.4, 745.4, 1026.3 e 1492.23). Unha crase do tipo co’el (actualmente dialectal en galego) sería anacrónica por canto ese proceso de desaparición de -n- secundario por fonética sintáctica é un fenómeno que só se produciu moi tardiamente. Cfr. nota a 338.3.