1093 [= RM 33,6]
O meu amigo, que por min o sén

O meu amigo, que por min o sén
perdeu, ai madre, tornad’é sandeu,
e, pois Deus quis que inda non morreu
e a vós pesa de lh’eu querer ben,
que me quera ja mal, mal me farei
parecer e desensandece-l’-ei.
Por Deus vos rogo, mia madre, perdon,
que mi-o leixedes ũa vez veer,
ca lhi quer’eu ũa cousa dizer
per que guarra, se me vir, e, se non,
que me quera [ja mal, mal me farei
parecer e desensandece-l’-ei].
E el á perdudo o sén por min,
que lhi esta coita dei, madr’e senhor,
e guarria, ca mi á mui grand’amor,
se me visse i; se non, des aqui,
que me queira [ja mal, mal me farei
parecer e desensandece-l’-ei].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1091, V 682

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 56); Radulet (1979: 86 [= LPGP 269]); Cohen (2003: 346); Littera (2016: I, 285).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 241); Braga (1878: 130); Machado & Machado (1956: V, 125).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 363); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 51).

Variantes manuscritas


2 perdeu] per den V   3 quis que] quis me V; morreu] moireu B   4 eu] en B   6 e desensandece-l’-ei] he des en sandētaley B : he đs en sandentaley V   7 vos] uos BV; mia] mħa V; perdon] p̃don V   10 guarra] guaira B   15 guarria] guairia B; ca] ea V; grand’] grãd B : grande V   16 i] om. V; des] de B   17 queira] q̅rra V

Variantes editoriais


3 que inda] que me inda Nunes, Cohen : que m’inda Littera   5 quera] que[i]ra Nunes, Radulet   11 quera] que[i]ra Nunes, Radulet   13 min] mi Nunes   15 grand’amor] grande amor Cohen   16 visse i; se non] visse, e se non Nunes, Cohen, Littera : viss’; e se non Radulet   17 queira] que[i]ra Nunes : quera Cohen, Littera

Paráfrase


(I) O meu amigo, que perdeu o sentido por min, ai madre, volveuse tolo, e, pois Deus quixo que aínda non morrese e a vós vos pesa que eu o ame, para que me queira mal xa, fareime parecer fea e tornareino á cordura.

(II) Por Deus vos rogo perdón, miña nai, para que mo deixedes ver unha vez, porque lle quero dicir unha cousa que o fará sandar, se me ve, e, se non, para que me queira mal xa, fareime parecer fea e tornareino á cordura.

(III) E el perdeu a cabeza por min, que lle dei esta coita, madre e señora, e sandaría, porque me ten un amor moi grande, se me vise alí; se non, desde agora, para que me queira mal xa, fareime parecer fea e tornareino á cordura.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:46)

Encontros vocálicos: 8 mi͜-o; 14 lhiesta; 15 miá

Notas


Texto
  • *

    O seguimento do refrán desta cantiga por parte de Estevan da Guarda (UC 1330) constitúe un caso de intertextualidade paródica (véxase Gonçalves 2016 [1992]: 225-226).
              que me queira ja mal, ma[l] lhi farei
              padecer e desensandece-l’-ei
    (1330.r).

  • 3

    Neste verso tanto Nunes como Cohen (e Littera) interpretan que en B está ausente o pronome me, transmitido por V, códice en que faltaría a conxunción que; deste modo, fixan un texto (sen problemas métricos, ao consideraren a existencia de sinalefa no encontro me inda) que inclúe me: e, pois Deus quis que me inda non morreu. Porén, os datos relativos aos erros de copia dos apógrafos apuntan a que a lección <me> de V constitúe unha cativa interpretación de <que>, tal como mostran os repetidos erros <que>/<me> (a través da equivalencia <qu> → <ch> → <m>) en 944.2, 1233.7 ou 1666.5 (véxase Ferreiro 2012c: 546-547).

    No que respecta á variante reducida do adverbio ainda, en xeral precedida de ca1 , atéstase por veces no corpus (67.21, 68.12, 853.3, 1099.13), a convivir coa maioritaria ainda e a esporádica einda (véxase nota a 70.9).

  • 7-8

    A secuencia do verso permite unha outra interpretación se segmentamos perdon en per don: deste modo, a conxunción que (v. 8) sería completiva en vez de final:

    Por Deus vos rogo, mia madre, per don,
    que mi-o leixedes ũa vez veer,
    ca lhi quer’eu ũa cousa dizer
    per que guarra, ...

    Con todo, aténtese en que a construción habitual na lingua medieval é dar per don ou pedir per don, e que a construción rogar perdon se rexistra nas Cantigas de Santa Maria: Ai, Santa Maria, por esto perdon te rogo (CSM 253).

  • 16

    Todos os editores emendan sen necesidade a lección dos manuscritos, e omiten o adverbio i, testemuñado por B.

  • 17

    Nótese como nesta ocorrencia do refrán se introduce unha leve variante morfolóxica na P3 do presente de subxuntivo de querer, coa xeral forma queira, a contrastar con quera das estrofas I-II, forma etimolóxica minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco (cfr. nota a 73.16). Véxase nota a 27.4.

  1. ^

    Nestes contextos a variante ainda provocaría unha sinalefa anómala coa conxunción comparativa (véxase Ferreiro 2012b).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado