1032 [= RM 63,44]
Non vos sabedes, amigo, guardar

Non vos sabedes, amigo, guardar
de vos saberen, por vosso mal sén,
como me vós sabedes muit’amar
nen a gran coita que vos por mí ven;
e quero-vos end’eu desenganar:
se souberen que mi queredes ben,
quite sodes de nunca mi falar.
Per nulha ren non me posso quitar
de falar vosc’, e sempre me temi
de mo saberen, ca m’an d’alongar
de vós, se o souberen, des ali;
e quero-vos end’eu de[senganar:
se souberen que mi queredes ben,
quite sodes de nunca mi falar].
Do que me guarda tal é seu cuidar:
que amades, amig’, outra senhor,
ca, se a verdade poder osmar,
nunca veredes ja máis u eu for;
e quero-vos end’eu [desenganar:
se souberen que mi queredes ben,
quite sodes de nunca mi falar].
E, se avedes gran coita d’amor,
ave-la-edes per mí, [e] maior,
ca de longi mi vos faran catar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1028, V 618

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 277-278); Rodríguez (1980: 213 [= LPGP 392]); Cohen (2003: 561); Littera (2016: I, 454-455).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 220); Braga (1878: 118); Machado & Machado (1956: V, 23-24); Fernández Pousa (1959: 251).

Variantes manuscritas


5 eu] en BV; desenganar] desanganar B   9 vosc’, e sempre me] uosqȝ semp̄mi V   10 mo] mho V; alongar] alōg̃r V   23 mí] mī V

Variantes editoriais


9 me] mi Nunes   10 mo] mi-o Nunes, Rodríguez : mho Cohen : mi o Littera   15 Do que me guarda] Do[s] que me guarda[n] Rodríguez, Cohen   17 ca, se a verdade poder osmar] e, se a verdade poder osmar Nunes : ca, se a verdade poder[en] osmar Rodríguez : ca, se verdade poder[en] osmar Cohen   18 veredes] ver[r]edes Nunes, Cohen, Littera   23 ave-la-edes per mí, [e] maior] ave-la-edes [pois] per min maior Rodríguez : ave-la edes per mi [mui] maior Cohen : havê-la-edes per mi [mui] maior Littera

Paráfrase


(I) Non sabedes, amigo, por causa do voso pouco siso, evitar que vos saiban como vós me sabedes amar nin a gran coita que por min vos vén; e quérovos eu desenganar sobre iso: se souberen que me amades, impedido sodes de nunca máis me falar.

(II) Por nada do mundo podo deixar de falar convosco, e sempre temín que mo soubesen, porque me han de afastar lonxe de vós, se o souberen, desde ese instante; e quérovos eu desenganar sobre iso: se souberen que me amades, impedido sodes de nunca máis me falar.

(III) Tal é o pensamento do que me garda: que amades, amigo, outra señora, porque, se a verdade puider intuír, nunca xamais veredes onde eu hei estar; e quérovos eu desenganar sobre iso: se souberen que me amades, impedido sodes de nunca máis me falar.

(1) E se sufrides unha gran coita de amor, habedes de a sufrir por min, e maior, pois faranvos ollarme de lonxe.

Métrica


Esquema métrico: 10a 10b 10a 10b 10A 10B 10A (I [= Tav 63:1]) + 10a 10b 10a 10b 10A 10C 10A (II-III [= Tav 76:1]) + 10b 10b 10a

Notas


Texto
  • *

    Nesta cantiga trátase o tema relativamente frecuente da muller que é custodiada, vixiada. Pretendíase así, nunha sociedade gobernada pola ideoloxía feudal, evitar que as mulleres, e consecuentemente a liñaxe, fosen deshonradas. Esta circunstancia aparece reflectida de múltiplas formas nas cantigas profanas, fundamentalmente nas de amigo, sendo a figura da nai quen habitualmente toma a decisión de gardar a filla cando sabe que ela ten un amigo e se ve con el (véxase Glosario, s.v. guardar ~ gardar, guarda ~ garda):

    Mia senhor, quen me vós guarda
    guarda min (381.1-2);

    Por quanto m’outra vegada sen seu grado con el vi,
    guarda-me del a perfia (672.8);

    Torto fara se mi-a guardar,
    ca non vou eu u ela é (974.25);

    De mia madr’ei gran queixume
    porque nos anda guardando (1016.14);

    que lho non poden per ren entender
    o[s] que cuidan que a guarda[n] mui ben (1041.10);

    Pero sõo guardada, toda via irei
    convosc’, ai meu amigo, se a guarda non ei (1262.10);

    Com’eu senneira estou en Vigo
    e nullas gardas non ei comigo (1298.8);

    e as guardas non se queren partir
    de vós, e guardan-a por én melhor (1672.27) etc.

    Nalgunha ocasión é indirectamente que sabemos que a muller está custodiada e vixiada. Así, na rúbrica explicativa da cantiga UC 113 faise referencia a dúas doncelas que estaban nun pomar valado, so a garda dun porteiro. E na cantiga UC 602 de don Denis, a muller declara indirectamente que está moi vixiada polo marido e por iso non se atreve a falar co seu namorado.

  • 10

    Nótese a variación mo / mi-o en B e V, respectivamente, que permite optar por unha ou outra variante, por máis que atribuamos prioridade á lección de B, tal como acontece en diversas pasaxes ao longo dos cancioneiros (624.5, 806.6, 1230.15, ou 1450.16 –artigo–). Cfr. 239.18 ou 984.14, con lección mi-o e mi-a en A vs. B.

  • 15-17

    As diversas emendas introducidas por Rodríguez e Cohen parten da idea da necesidade dun suxeito plural para guardar a amiga. No entanto, non semella imprescindíbel ese plural, alleo aos manuscritos, para que a composición se desenvolva con coherencia. Así, se ben se utiliza o plural profusamente (vv. 2, 6, 10, 11, 13, 20 e 24) para referirse a todas aquelas persoas que estarían involucradas ou interesadas na custodia da moza, sobre todo a propia familia, nesta estrofa o singular masculino parece aludir a unha figura concreta que ben podería ser o pai (como o é a nai noutras ocasións) ou o garda que nalgunhas circunstancias exercería esa función específica de custodia (sen descartar de todo que poida referirse ao propio marido).

  • 18

    Tampouco é precisa a mudanza de veer (veredes) para viir (ver[r]edes) a u eu for. Isto é: ‘xa nunca máis veredes onde eu estarei’.

  • 23

    A copulativa supón a mínima intervención para resolver a hipometría do verso, na esteira de expresións similares: eu me busquei este mal, e maior (43.r1); [t]od’este mal sofr’, e maior (445.11).

  • 24

    A vogal final -i de longi (tamén en 33.6, 323.7, 721.12, 800.5, 957.3, 966.9, 1032.24 e 1139.2, 5, 7 e 10), a convivir con longe, tamén aparece noutros adverbios como tardi (véxase nota a 1008.16) e eiri (véxase nota a 114.9), talvez por influencia deste (Mariño Paz 2009: 83). Nos nomes só se rexistra sangui (véxase nota a 1410.17).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado