I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 761-763 [= LPGP 681-682]); Littera (2016: II, 169-170); González (2018: 127-128).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 50); Machado & Machado (1949: I, 190-192); Rios Milhám (2017: I, 107).
2 morrer] moirer B 7 ousará] ousar(i)a B 9 nulh’ome] nullome B 20 quantos] de quātꝯ B 28 gardar] g̃dar B 30 morrerei] moirerey B 32 todo] codo B 36 sei] son B 45 nunca] ca nūca B
2 morte] mort(e) Michaëlis : mort’ Littera 6 vos] vus Michaëlis 11 vos] vus Michaëlis 18 vos] vus Michaëlis 19 Desemparado] Desamparado Littera 26 este ést’oje] este est og(e) Michaëlis : est’est hoje Littera 28 Non me poss[o] eu ja guardar Michaëlis; gardar] guardar Littera, González 31 vos] vus Michaëlis 37 E, Deu-lo sabe, non mi val] E Deu’-lo sab’, e non mi val Michaëlis : E Deu-lo sab’, e non mi val González : E Deu’lo sab’e nom mi val Littera 40 vos] vus Michaëlis 42 nen os vossos olhos catar Michaëlis : [e haver sempr’a desejar] Littera
(I) Señora, todos se decatan xa da miña morte, de que eu hei morrer, e senten gran dó de min e non me poden auxiliar en tal situación, porque din que eu moi ben o busquei porque vos amei: (unha) muller a quen non ousará nin sequera se atreverá ningún home a falarlle diso.
(II) Non me saben dar consello, agás canto vos agora direi: din que faga o posíbel por soportar o meu mal canto o puider soportar, pois pouco me ha durar por causa da morte que me librará del, pois non tendes unha fermosura tal que moito (tempo) poida vivir quen vos desexar.
(III) Desamparáronme, señora, cantos amigos teño no mundo, que nin sequera me queren ver e din que non poderei vivir; e morro con pena por min mesmo, porque me fun así matar ao desexar o voso amor, pois este é o maior ben de cantos Deus quixo facer.
(IV) Non me vos podo eu xa librar de sufrir morte por vós; mais, pois vexo que morrerei, quérovos dicir a verdade: todo o mundo non vale nada, señora, agás o voso ben, para quen Deus llo quixese dar; e quero eu sobre isto desenganarvos a vós e a cantos coñezo no mundo.
(1) E, sábeo Deus, non me é suficiente (remedio), señora, coa miña morte por outra razón agás porque vos perderei a vós, de vos nunca máis poder ver nin falar convosco, (2) xa que por calquera outro pracer do mundo, e mentres eu estiver vivo, nunca hei temer a miña morte.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8c 8b 8d 8d 8a 8a 8c + 8a 8a 8b 8b 8c + 8a 8a 8b (= RM 246:1)
Encontros vocálicos: 2 morte,‿ond(e); 5 mi-‿o; 15 mi-‿o; 19 mi‿a[n]; 26 oje‿o
A utilización da grafía <ll> (vs. <lh>) para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.
O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus, sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. oess(e) B); 64.4 e 65.22, 68.11, 81.18 e 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 e 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).
O sentido (e a hipermetría) do verso aconsella eliminar a preposición de. Para a presenza anómala de de noutros puntos dos cancioneiros, véxanse 140.27 e 283.4 (B vs. A) ou 1053.r1 e 1486.15 (B vs. V), para alén de, por exemplo, 486.8 e 14.
A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
Carolina Michaëlis (seguida por Littera) considera que os oito últimos versos serían cinco fiindas constituídas por dísticos monorrimos as catro primeiras e por un único verso a derradeira. Isto implica a ausencia dun verso, o segundo da terceira fiinda, que sería preciso restaurar conxecturalmente, tal como fan, ou deixalo en branco.
Porén, no manuscrito non hai ningún indicio (espazo en branco, marca na marxe etc) de que falte texto. Ao contrario, o texto dos oito versos transmitidos polo manuscrito ten pleno sentido. Así mesmo, as estruturas das dúas fiindas (aa bb c + aa b) reproducen respectivamente a estrutura dos cinco e dos tres versos finais das estrofas.
Concordamos, pois, con González en que os oito últimos versos constitúen dúas únicas fiindas.
O pronome vós, como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.
Igual que no v. 20, neste verso o elemento ca é, sintáctica e metricamente, espurio, a semellanza do que acontece, por exemplo no primeiro verso do refrán das estrofas II e III da cantiga 938.