I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 304); Marroni (1968: 256 [= LPGP 735-736]); Cohen (2003: 441); Littera (2016: II, 245-246).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 279); Braga (1878: 153); Machado & Machado (1956: V, 315).
2 que] om. V 5 poderdes] porderdes B 6 nen] nō B : non V 15 confonda Deus] cofonda des V
1 vos] vus Marroni 2 vos] vus Marroni 6 alguen nen entender] alguen ou entender Nunes : alguen no entender Cohen : alguen’o entender Littera 7 vos] vus Marroni 9 vos] vus Marroni 11 poderdes] podesdes Nunes 12 Véxase v. 6 18 Véxase v. 6
(I) Dixéronvos, meu amigo, que, por vos causar pesar, fun eu con outra persoa falar; mais non faledes vós máis comigo se por alguén puiderdes ter a certeza diso ou entender (que foi verdade).
(II) E ben vos vingaredes de min se eu falei con alguén para vos causar pesar; mais vós nunca me faledes se por alguén puiderdes ter a certeza diso ou entender (que foi verdade).
(III) Se vós achardes certo, amigo, que (isto) é así, Deus me confunda logo a min e a vós se me falardes (de novo), se por alguén puiderdes ter a certeza diso ou entender (que foi verdade).
Esquema métrico: 3 x 7’a 7b 7b 7’a 7C 7C (= RM 160:439)
Encontros vocálicos: 14 é‿assi
Non obstante as múltiplas confusión <non>~<nõ>/<no>, mesmo con riscamento posterior do til por parte dos copistas (véxase, por exemplo, 723.16 B, 1074.28 V), algunhas delas achegadas por Cohen1 , non conseguimos atestar no corpus poético e/ou prosístico medieval o alomorfo pronominal no após alguen (a pesar da súa existencia no galego moderno, testemuñada pola pronuncia alveolar nesta secuencia), para alén de a solución alguen no non dar sentido satisfactorio neste contexto. É por isto que acollemos a proposta de Marroni, con base na banal confusión <o>/<e> que afecta neste caso a <non>/<nen>.
Resulta significativo comprobar a frecuente existencia da aférese de assi no encontro coa forma verbal é (véxanse tamén 218.8, 246.15, 258.22, 284.16, 374.5, 511.5, 893.23), que convive coa sinalefa é‿assi (509.7, 808.9, 1110.5, 1224.14, 1569.32; só existe hiato en 754.4) e co xeral ést’assi para evitala, co recurso á variante éste (cfr. nota a 88.10).
Para alén da aparición de confunda en 115.27 (véxase nota), na lingua da poesía trobadoresca profana é xeral a forma cofonder, con evolución [nf] > [f] (véxase Ferreiro 1999: §101e), similar á variación inferno ~ iferno (véxase nota a 379.11), sendo minoritaria a forma máis conservadora confonder (só en 203.8, 216.10, 1050.5, 1224.15, 1407.6 e 1650.14). Con todo, a variación cofonder ~ confonder aparece con frecuencia nos cancioneiros, para alén da variación que se detecta nos vv. 12, 19 e 22 da presente cantiga: cofonder A vs. confonder B (197.28, 216.19), cofonder B vs. confonder A (194.7, 203.8, 216.10), cofonder B vs. confonder V (990.11, 1497.19), cofonder V vs. confonder B (990.12, 1224.15, 1650.14). Cfr. nota a 379.11.
Nótese a presenza das formas pronominais mí e vós, formas oblicuas tónicas, en función de CD sen preposición (confonda Deus log’i mí / muit’, e vós ...), construción frecuente no corpus trobadoresco.