278 [= RM 79,13]
Desmentido m’á ‘qui un trobador

Desmentido m’á ‘qui un trobador
do que dixi da ama sen razon,
de cousas «pero» e de cousas «non»;
mais u menti quero-mi-o eu dizer:
u non dixi o meo do parecer
que lli mui boo deu Nostro Sennor,
ca de pran a fez parecer mellor
de quantas outras eno mundo son,
e mui máis mansa, e máis con razon
falar e riir, e tod’al fazer;
e fezo-lle tan muito ben saber
que en todo ben é mui sabedor,
e por esto rogo Nostro Sennor
que lle meta eno seu coraçon
que me faça ben, poi-lo a ela non
ouso rogar, e, se m’ela fazer
quisesse ben, non querria seer
rei nen seu fillo nen emperador
se per i seu ben ouvess’a perder,
ca sen ela non poss’eu ben aver
eno mundo nen de Nostro Sennor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


A 171, B 322

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 340-341 [= LPGP 530]); Correiaa (2001: 399); Correiab (2016: 69); Littera (2016: I, 603-604).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 118); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 36-37); Carter (2007 [1941]: 102-103); Marques Braga (1945: 319-320); Machado & Machado (1950: II, 70); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 278).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 68); Torres (1977: 178); Gonçalves & Ramos (1983: 169); Dobarro Paz et alii (1987: 103); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 157); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 121); Diogo (1998: 132).

Variantes manuscritas


1 m’ á ‘qui] mhaa qui B   2 dixi] disse B   5 dixi o meo] dixo meyo B   8 eno] {e}no A   9 mansa, e máis] māsse muj B   11 fezo-lle] fezelhi B   13 rogo] roga B   14 lle] lhi B   15 me] mj B; faça] faza A   16 ouso rogar] ousa rogar B   17 querria] queria B   19 ouvess’a] ouuess(e) a A   21 eno] No B

Variantes editoriais


3 cousas «pero» e de cousas «non»] cousas pero, e de cousas non Michaëlis   5 dixi o] dix’ o Correiaa, Correiab   6 boo] bõo Michaëlis, Littera   13 rogo] rog’a Correiaa, Correiab   19 ouvess’a] ouvesse a Correiab

Paráfrase


(I) Desmentiume aquí un trobador do que dixen da ama, sen razón; a algunhas cousas poríalles un «pero» e a outras diría «non»; mais quero eu dicir onde mentín: en non dicir a metade da beleza que moi grande lle deu Noso Señor, (II) porque certamente a fixo a máis fermosa de cantas outras no mundo hai, e moito máis doce, e falar con máis razón e rir, e facer todo o demais; e fíxolle coñecer tanto ben que de todo ben é moi coñecedora, (III) e por isto rogo a Noso Señor que poña na súa vontade facerme ben, pois eu non me atrevo a rogarllo, e se me ela quixese facer ben, non querería ser rei nin seu fillo nin emperador (1) se por iso tivese que perder o seu ben, pois sen ela non podo eu ter ben no mundo nin de Noso Señor.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10c 10c 10a + 10c 10c 10a (= RM 189:9)

Encontros vocálicos: 4 -mi-‿o; 5 dixio; 15 -loa

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga forma parte da polémica poética coñecida como «ciclo das amas», orixinada pola cantiga Atal vej’eu aqui ama chamada, de Joan Soarez Coelho (UC 274), que versa sobre o amor entre o trobador e unha muller que por todos é denominada ama. A base retórica daquela cantiga é un sutil xogo etimolóxico no ámbito da interpretatio nominis que foi desvelado por Ângela Correia (1996; véxase tamén Correia 2012). Coelho, como «trobador leterado», acudiría á autoridade das Etimologiae de S. Isidoro de Sevilla, onde se explica o nome grego da curuxa, amma, relacionándoo co verbo amar. Así, tras a ama da cantiga estaría a clave que identificaría a muller amada polo poeta: Urraca Guterrez, filla do aristócrata castelán Goterre Soarez, que era alcumado «Moucho», razón pola cal Ângela Correia en 2016 edita sempre Ama con maiúscula.
    No entanto, os trobadores contemporáneos, aínda que entenderían o alarde letrado de Joan Soarez Coelho, quixeron interpretar literalmente o termo ama co valor de ‘ama de cría / ama de leite’, e compuxeron unha serie de textos burlescos con este motivo. Outras cantigas do «ciclo das amas» son as seguintes: Atal vej’eu aqui ama chamada, de Joan Soarez Coelho (UC 274); Com’oj’eu vivo no mundo coitado, de Joan Soarez Coelho (UC 277); –Joan Soares, de pran as melhores, de Juião Bolseiro e Joan Soarez Coelho (UC 1197); –Quen ama Deus, Lourenç’, ama verdade, de Joan Soarez Coelho e Lourenço (UC 1432); Don Vuitoron, o que vos a vós deu, de Joan Soarez Coelho (UC 1433); Joan Garcia tal se foi loar, de Joan Soarez Coelho (UC 1434); Joan Soares, pero vós teedes de Airas Perez Vuitoron (UC 1501); Par Deus, Lourenço, mui desaguisadas, de Joan Garcia de Guilhade (UC 1520) e Esta ama cuj’é Joan Coelho, de Fernan Garcia Esgaravunha (UC 1530), xunto con Que alongad’eu ando d’u iria, de Pero Garcia Burgales (UC 179).
    Por outra parte, esta composición de Joan Soarez Coelho é unha verdadeira cantiga ateúda atá a fiinda, e como tal foi considerada na edición de Correia; polo contrario, Michaëlis só presenta ligazón interestrófica nas dúas primeiras cobras, mentres que en Littera todas as estrofas aparecen isoladas sintacticamente. Véxase nota á cantiga 15.

  • 1

    O encontro á ‘qui do incipit reflicte a crase que o adverbio aqui estabelece co vocábulo anterior cando acaba en -a (di’aqui, 1031.1; verri’aqui, 215.18), mais presenta a forma ‘qui, con elisión da vogal inicial, nalgúns encontros coas formas verbais (tónicas) á (á ‘qui 1408.1, 1473.12) e mais é (é ‘qui, 140.21, 658.2, 1382.1). Fóra da produción poética, existe tamén algunha ocorrencia da forma reducida deste adverbio:

    Eu Sueyro Pérez, notario sobredicto, a fiz escrivir e poño qui meu sigño en testimuyo de verdade (Fernández de Viana y Vieites 1994: 37).

  • 2

    A variante dixi (tamén no v. 5) de A (cfr. disse B) contrasta forma xeral dixe no Cancioneiro da Ajuda (véxase nota a 270.15-16. En calquera caso, a aparición de disse en A nesta cantiga como forma de P1 é variante rara no Cancioneiro da Ajuda, onde existen só outras dúas ocorrencias en 195.13 e 235.20 (disse A vs. dixi B). Véxase nota a 195.13.

  • 3

    As aspas marcan tipograficamente dun modo claro a interpretación do verso.

  • 5

    A forma meo ‘metade’ (< medium) convive con meio (variante transmitida sempre por BV), que funciona como substantivo ou como adxectivo anteposto, o mesmo que forma parte da loc. prep. en/(e)no meio de (456.4 e 6, 489.141030.14, 1377.14, 1473.9, 1631.13 etc.).

  • 9

    O Cancioneiro da Biblioteca Nacional equilibra a crase mans’e coa reiteración do adverbio mui: e mui máis mans’, e mui máis con razon.

  • 11

    Nótese a variación fezo A vs. feze B (véxase nota a 167.5).

  • 13

    A variante de B mostra como o verbo rogar admite as dúas construcións: con CD sen preposición ou con CI coa preposición a. Véxase nota a 68.1. Cfr. nota a 285.10.

  • 15

    Obsérvese a aparición da grafía <z> en formas que regularmente presentan <c, ç> e que deben ser postas en relación con outras confusión gráficas que atinxen ao ámbito das sibilantes no Cancioneiro da Ajuda: en varias ocasións rexístrase <fazo> e <faza> faço e faça, ás veces en formas contractas (69.7 e 10, 117.17, 136.10, 189.24, 203.27, 273.22, 278.15, 403.2, 433.2), <ouzo> ouço (85.26) e <nazer> nacer (260.2). Véxanse tamén notas a 66.21, 80.10, 88.15 e 89.2.

  • 16

    De novo en B se rexistra a perífrase ousar + a + infinitivo fronte a A (ousar + infinitivo). Véxase nota a 95.16.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado