Don Tristan, o Namorado, fez [e]sta cantiga.
I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 633-634 [= LPGP 985]); Lagares (2000: 108 [rúbrica]); Amaral (2006: 72-73); Lorenzo Gradín (2013: 7 [rúbrica]); Littera (2016: II, 557-558).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 8); Machado & Machado (1949: I, 38); Rios Milhám (2017: I, 3).
III. Antoloxías: Spina (1972: 335); Dobarro et alii (1987: 106); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 255).
A rúbrica só aparece en L.
1 Mui gran] --y g--m1 L; que eu] ?q̄sej L 2 quen de beldade2 vence toda ren] quem de / belda-- ----- tod- ---m L : Quē de beldade uence toda irem B 3 xe m’ela] --mela L; por én] pore L 4 gran dereit’é] ra gauderey te L; o] ho BL; mereci] meicy L 5 pode] poder L 6 por] p-r L 7 com’ora sen ela] Cō morassen - ela L 8 m'eu] me B; de viver atrevi] de nuier atrnj L 9 veer] uuer B; fiz] fuz L 11 sandice] sandeçe L; eu cometi] -- comety L 12 coit’e tan descomunal] coit- t-n des------- L 13 Deus ou] d-̄ - u L; val] u L 14 tenh’eu] ---heu L; min] m* B 16 meu ben] -eu b-- L 18 pois] poy- L 20 de mí] demī B 21 e por que naci] eror q̄ uaçy B
Rúbrica. [e]sta] sta Amaral
Texto. 1 á] a Amaral 2 ren] (i)rem Amaral 7 viv’i] vivi Michaëlis, Amaral, Littera 8 m’eu] me Michaëlis, Amaral, Littera 9 na] a Michaëlis, Littera 14 min] mi Michaëlis, Amaral, Littera 16 lume] lum(e) Michaëlis : lum’ Littera 20 mí] min Michaëlis : mim Littera; mercee] mercê Littera
(I) Deus, que pouco consciente era do gozo en que vivía cando estaba coa miña señora, e canto me queixaba dela porque non pensaba en min, e non lle agradecía a Deus o ben que me facía só con me deixar contemplar a súa fermosa figura.
(II) Mais actuaba eu con grande insensatez cando non me sentía satisfeito con vivir perto dela, e que mellor ben querería e me pracería! Mais quen me proporcionaba ese ben? Quen se apoderaba del? Oxalá non tivese hoxe outro mellor, e vivise con ese gozo!
(III) Mais (se iso acontecese) logo me mataría o corazón, que de loucura e de amor teño moi cheo, tal e como case me matou no pasado: cando eu ollaba a miña dama, sentía unha coita tal que non achaba unha solución para dela conseguir un ben maior.
(IV) Mais aínda que nunca chegase a recuperar o gozo en que antes vivía, sabería soportar o seu amor, e lembraríame de que sen ela non podía vivir cando moraba noutro lugar, de tanto que a desexaba; mais eu, con ese temor, sería bo sufridor.
Lai, cantiga de mestría. O texto está constituído por tres estrofas unissonans de sete decasílabos agudos.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:106)
Encontros vocálicos: 16 lume‿e; 20 mí‿e
Para alén da posibilidade dun lapso do copista, a grafía <sta>, con omisión de <e> inicial, lembra os hábitos gráficos tardomedievais de textos portugueses aínda que debe obedecer a un hábito italiano do copista (véxase, tamén, 5.7).
Este lai adapta libremente a composición Lonc tans a que il ne vit chele do Tristan en prose (Lorenzo Gradín 2013: 2; consúltese tamén, e sobre todo, Gutiérrez García 2007: 106-110, 110-112, que proporciona o texto francés e analiza o proceso de amplificación a que foi sometido polo reelaborador peninsular, que se apoiaría en datos procedentes do Tristan en prose en que se insire o lai francés; véxase tamén Michaëlis 1900-1901: 12-14, 18-19; 1904: I, 633-634; II, 486, 487-490, 492-493).
A presenza do adverbio ora aconsella a segmentación de i, para, dese xeito, fixar unha forma verbal de presente (vivo i).
Seguimos a lección de L para introducir o pronome eu, en liña coa súa presenza no primeiro verso das restantes estrofas (vv. 1, 15).
A voz sandice (vs. sandece e sandez) é maioritaria e típica dos apógrafos italianos, xa que no Cancioneiro da Ajuda a forma transmitida é sempre sandece (e véxase neste verso a variante <sandeçe> de L). Así, por exemplo, en 386.4, 15, 16 e mais en 389.19 aparece sandece en A fronte a sandice en BV, e, mesmo, en B e V se producen erros obvios, xa que sandice aparece en rima con -ece (merece, crece, parece) en 1135.1 (BV), 1435.23 (V) e 1535.17 (B).
Nótese a alternancia (e equivalencia funcional) entre ca e porque no inicio destes versos en cláusulas causais en aposición.
Na lingua medieval é certamente frecuente, aínda que non sistemática, a presenza da preposición a en perífrases verbais obrigativas do tipo aver + a + infinitivo ou dever + a + infinitivo. Mais para alén destas perífrases, son tamén moi frecuentes as estruturas verbais de infinitivo coa preposición a como elemento nexual a funcionar como verdadeiros complexos verbais equivalentes aos habituais constituídos por forma persoal + infinitivo. Así, ademais da omnipresente construción cuidar ~ coidar + a + infinitivo (véxase Glosario, s.v. cuidar1), rexístranse outras desaparecidas na lingua moderna cos seguintes verbos: conselhar, conviir, desejar, leixar, ousar, poder, recear, soer, temer.
No caso de conviir, na lingua das cantigas profanas é sistemática a presenza da preposición (tanto de a como de de) cando a forma conxugada vai seguida de infinitivo, de xeito que só está ausente o nexo cando o infinitivo vai anteposto: pois m’escolher conven (377.19), perfiar me conven! (1337.21), colher non conven (1679.8). Véxase conviir + a + infinitivo en 142.24, 216.1, 261.17, 411.3, 430.25-26, 430.27, 593.4-5, 627.10, 865.27, 934.7, 1319.13, 1341.13. Cfr. nota a 30.24.
É frecuente que a copulativa apareza no inicio tanto de frases interrogativas, en xeral, como daqueloutras cun claro valor exclamativo. Neste caso, o verso encontra réplica en diversas cantigas cunha modulación moi semellante. Cfr., por exemplo, ai eu, cativo, por Deus, que farei?; ai eu, cativo, de min que sera?; ai eu, cativ’, e que sera de min? (262.5, 12 e 19).